O elevado impacto da circunvalación da Estrada obriga a unha nova avaliación ambiental tres décadas despois da primeira

Trazado da variante ou circunvalación da Estrada da N-640 entre Lugo e Vilagarcía Dominio Público BOE

Fomento propón un túnel para reducir a afección da infraestrutura a un castro pero o Ministerio para a Transición Ecolóxica prevé “efectos adversos significativos” e esixe novos estudos

Tres décadas despois da súa primeira avaliación ambiental, e tras numerosos cambios e demoras desde aquela, a circunvalación da N-640 ao paso pola Estrada para evitar que siga atravesando o centro da vila deberá someterse a novos estudos polo seu elevado impacto, nomeadamente en materia de patrimonio sobre varios elementos protexidos. Así o vén de publicar este xoves no Boletín Oficial del Estado (BOE) o Ministerio para a Transición Ecolóxica, que esixe análises en maior fondura da proposta do Ministerio de Fomento de facer un túnel para reducir o impacto da infraestrutura sobre o castro de Preguecido.

Emprazamento do túnel proposto por Fomento xunto ao castro na variante da Estrada Dominio Público BOE

Tras a avaliación ambiental de 1992 mudouse o trazado e houbo que facer outra, rematada en 2002 pero que caducou sen comezar as obras, polo que Fomento volveu iniciar en 2015 o proceso que agora remata esixindo novos estudos

A variante da N-640 ao seu paso pola Estrada foi sometida a avaliación do seu impacto ambiental por primeira vez hai xa tres décadas e en 1992 recibiu o visto bo. Porén, Fomento modificou posteriormente o trazado proposto e houbo que volver a someter o novo a unha nova avaliación, que rematou en 2002. Pero as obras non comezaron e aquela autorización caducou, polo que en 2015 o Goberno central iniciou un novo proceso solicitando unha análise simplificada do impacto ambiental que agora, catro anos despois, o Ministerio para a Transición Ecolóxica rexeita, esixindo realizar unha avaliación en profundidade porque “prevense efectos adversos significativos sobre o medio ambiente”.

Durante todo este tempo os sucesivos gobernos centrais, que optaron por trazados que minimizasen as expropiacións de vivendas e con elas a conflitividade social, seguiron consignando cartos nos orzamentos xerais do Estado para unha infraestrutura que malia as súas dificultades seguiron prometendo pero sen impulsar como unha prioridade.

“A construción do túnel xerará novos impactos non analizados e que fan necesaria a realización de novos estudos", di o Ministerio para a Transición Ecolóxica

Agora a resolución publicada no BOE polo Ministerio para a Transición Ecolóxica considera que a última modificación do trazado proposta por Fomento, a construción dun túnel duns 300 metros para reducir o impacto da infraestrutura sobre o castro de Preguecido, pode xerar novos efectos adversos que hai que estudar mellor. “A construción do túnel xerará novos impactos non analizados e que fan necesaria a realización de novos estudos, fundamentalmente aqueles estudos hidrolóxico-hidráulicos que permitan garantir a compatibilidade ambiental do proxecto coa nova solución construtiva proposta polo promotor [Fomento], consistente na modificación do trazado [...] no treito en que afecta ao Castro de Preguecido, que inclúe un túnel de 330 metros”. 

Túnel proposto para a variante da Estrada xunto a castro de Preguecido Dominio Público BOE

Xunto co castro, a resolución agora publicada no BOE alerta doutros posibles impactos da nova infraestruturas noutros bens protexidos como mámoas, ademais de considerar necesarios novos estudos tamén para concretar o posible efecto sobre a fauna, non detallado ata o de agora. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.