Dende pouco despois da súa apertura, o Concello de Vigo apostou por cobrarlle o Imposto sobre Bens Inmobles á concesionaria do novo hospital de Vigo. O goberno que encabeza Abel Caballero argumentaba que no caso do Álvaro Cunqueiro non sería de aplicación a norma municipal que no ano 2006 -con Corina Porro na Alcaldía e o Executivo de PSdeG e BNG na Xunta- ditaminou eximir de pagar o IBI aos "centros sanitarios de titularidade do Sergas que se creen con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2007". Do seu punto de vista, o Cunqueiro quedaba fóra da dispensa acordada entre ambas Administracións por ser construído e operar os seus servizos non médicos baixo a fórmula de colaboración público-privada.
En 2018 o Concello de Vigo reformou a ordenanza que eximía de pagar o IBI a todos os centros do Sergas na cidade, ao abeiro da cal a concesionaria do Cunqueiro lograra non ter que pagar este imposto municipal
Esta foi a razón pola que o Concello comezou a pasar os recibos do IBI a Sociedade Concesionaria Novo Hospital de Vigo S.A., que se negaba a pagar esgrimindo a devandita normativa e levou o asunto aos tribunais. A Xustiza deu a razón á empresa a comezos de 2018 nunha sentenza despois ratificada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Pero contra finais dese ano, o Concello modificou a súa ordenanza fiscal e limitou a exención de pagar o IBI aos centros de saúde públicos "a cargo de persoal funcionario ou estatutario" do Sergas. Tanto a Xunta como a empresa concesionaria do Cunqueiro recorreron esa modificación e, despois de que o pasado marzo o Tribunal Superior rexeitase o recurso da empresa, agora vén de facer o mesmo co da Xunta.
Nunha sentenza datada no pasado 20 de maio, a Sección Cuarta da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG considera que os "motivos de impugnación" formulados pola Xunta "non poden prosperar" e faino tras chegar á "mesma conclusión xurídica" que a sentenza na que, o pasado mes de marzo, o propio Tribunal rexeitou os argumentos da empresa concesionaria. [Un fondo de investimento domiciliado en Luxemburgo merca o 16% da concesionaria do hospital de Vigo]
Nese razoamento, o alto tribunal galego considera que as leis en materia de réxime local avalan o Concello a regular "requisitos substantivos e formais" para perdoar impostos tales como a fixada en 2018: "que o Sergas ademais de ser titular do inmoble", neste caso o hospital, "ostente a condición de suxeito pasivo do IBI". E neste caso sería a empresa concesionaria do Álvaro Cunqueiro, unha compañía privada.
"Por que a Xunta se puxo a favor de beneficiar a unha empresa en lugar de velar polos cidadáns de Vigo?", pregúntase Abel Caballero, quen subliña que o ditame implica uns 900.000 euros anuais máis de ingresos para o Concello
O Tribunal Superior considera que este é o único aspecto que cómpre dirimir -se a modificación da ordenanza foi axustada á legalidade ou non- e non se o Concello rachou incorrectamente o devandito acordo de 2006. Tampouco ve, como alude a Xunta apoiándose nunha lei da etapa de Mariano Rajoy no Goberno central, "falta de xustificación da repercusión orzamentaria" desta modificación. Daquela, de agora en diante e agás pronunciamentos xudiciais futuros, a concesionaria do Cunqueiro si ten que pagar o IBI.
O goberno vigués non ocultou a súa satisfacción tras coñecer o ditame xudicial que "avala, unha vez máis, a ordenanza fiscal do IBI polo que a concesionaria ten que pagar máis de 900.000 euros anuais ás arcas municipais". O alcalde, Abel Caballero, lamenta non obstante que o consistorio teña que ir aos tribunais para que a Xunta non "castigue a Vigo" e pregúntase por que "en lugar de velar polos cidadáns de Vigo, a Xunta se puxo a favor de beneficiar a unha empresa". "Que hai por tras deste negocio?", pregúntase o rexedor.