A concesionaria do Hospital de Vigo segue negándose a pagar o IBI

Instalacións do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo © Sergas

O hospital Álvaro Cunqueiro non paga o Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) ao Concello de Vigo. No mandato de Corina Porro como alcaldesa da cidade, o Goberno local acordou "deixar fóra" da obriga de aboar este imposto "aos centros sanitarios de titularidade do Sergas que se creen con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2007", unha excepción na que, pola súa data de inauguración, entraría o Álvaro Cunqueiro. Porén, o carácter público-privado da súa construción introduce a dúbida. E, de feito, xa o pasado ano o Concello de Vigo lle remitiu unha factura de obrigado pagamento á Sociedade Concesionaria Novo Hospital de Vigo S.A., a unión de empresas que construíu o centro e que durante vinte anos xestionará os seus servizos non clínicos e establecementos comerciais. A concesionaria está controlada por catro construtoras: Acciona (43% do capital), Puentes y Calzadas (23%), Veolia (16%) e Concessia (16%).

Nos últimos meses a empresa negouse a aboar esta cantidade e recorreu ante o Tribunal Económico Administrativo, que confirmou a obriga de cumprir co imposto. A empresa optou agora pola vía xudicial

Segundo o Goberno local, a sociedade concesionaria debería pagar case un millón de euros anuais polo IBI (965.864 euros). Porén, nos últimos meses a empresa negouse a aboar esta cantidade e recorreu ante o Tribunal Económico Administrativo do Concello, que confirmou a obriga de cumprir co imposto. A empresa optou agora pola vía xudicial, reclamando ante o tribunal contencioso-administrativo. Vigo prevé recadar este ano uns 64,5 millóns de euros a través do IBI, polo tanto o pagamento que lle esixe á Sociedade Concesionaria Novo Hospital de Vigo S.A. representa máis do 1,5% do total.

Así pois, o fondo do debate é se o centro é de titularidade pública ou privada. O Concello e forzas políticas como a Marea de Vigo defenden que o hospital debe pagar o imposto porque a súa titularidade é privada, cando menos ata que remate a actual concesión, dentro de 18 anos. Pola contra, a empresa e a propia Xunta de Galicia asegura que o Álvaro Cunqueiro é público, polo que debe ficar exento da obriga. A Marea local mesmo levou o asunto ao pleno municipal, demandándolle ao Goberno municipal que cobrase este imposto. A resposta do concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, era que xa llo estaba a cobrar, referíndose a que xa lle fora remitida a factura. "O edificio é titularidade da concesionaria e esa é a mellor proba de que é un hospital privado", sinalou Aneiros xustificando a obriga do cobro. Porén, polo momento non houbo pagamento de ningún tipo. 

 

Outros recursos da empresa para evitar pagar impostos

O Concello e forzas políticas como a Marea de Vigo defenden que o hospital debe pagar o imposto porque a súa titularidade é privada, cando menos ata que remate a actual concesión, dentro de 18 anos

Non é a primeira vez que a concesionaria recorre aos tribunais para evitar pagar un imposto que lle é esixido polas administracións. En 2015 a Xunta demandoulle á empresa o pagamento de 3,6 millóns de euros polo Imposto de Transmisións Patrimoniais, unha cantidade coa que a sociedade non estivo de acordo, presentando unha reclamación ante o Tribunal Económico-Administrativo Central do Ministerio, que aínda non tomou unha decisión ao respecto. A empresa tamén lle demandara ao Goberno galego o reembolso de 6,7 millóns de euros por sobrecustes na construción do centro, un pagamento que a Xunta rexeitou facer, xa en 2015.

 

44 millóns de euros anuais de canon

O Goberno galego deberá pagarlle á sociedade concesionaria ao redor de 1.300 millóns de euros ata os anos trinta

O grupo empresarial que construíu o novo Hospital Álvaro Cunqueiro recibirá da Xunta este ano uns 44 millóns de euros como pagamento pola construción do hospital, unha cantidade semellante á que obtivo o pasado exercicio. En total, o Goberno galego deberá pagarlle á sociedade concesionaria ao redor de 1.300 millóns de euros ata os anos trinta.

 

Instalacións do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo © Sergas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.