Feijóo defendeu gastar 500.000 euros en carteis para os principais hospitais de Galicia nun proceso que o Sergas tivo que reiniciar por intentar aceleralo de xeito ilegal
Nuns 48.000 euros orzamentou o Sergas o letreiro de “hospital público” que xa loce sobre o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, un centro que foi comezado a construír hai unha década polo Gobenro galego a través dunha concesión privada que segue a xestionar con ánimo de lucro os seus espazos non sanitarios, como o aparcamento, e á que a Xunta aínda ten que pagar 963 millóns de euros ata 2035. O remate da colocación do letreiro, avanzado por vigoe.es, coincide coa acusación lanzada polo presidente Feijóo de que foi o Goberno central do socialista José Luís Rodríguez Zapatero o responsable de que se construíse con esa fórmula público-privada.
O presidente argumentou que saen máis baratos os carteis "que pagarlles o soldo aos concelleiros, os deputados e os alcaldes que menten sobre a sanidade pública”
O propio Feijóo defendeu hai case dous anos no Parlamento que a Xunta gastase medio millón de euros en colocar letreiros de “hospital público” nos principais centros sanitarios de Galicia co argumento de que resultaban máis baratos “que pagarlles o soldo aos concelleiros, os deputados e os alcaldes que menten sobre a sanidade pública”, en suposta referencia a cargos socialistas como o alcalde de Vigo, Abel Caballero.
O Sergas dera só 15 días para que as empresas interesadas lle fixesen ofertas cando por lei debían ser 35 e adiou informalas do estado do emprazamento dos rótulos ata despois de adxudicarlles o contrato
O proceso de compra de letreiros para os hospitais do Sergas iniciouse en 2017, primeiro con 150.000 euros para catro centros da área sanitaria da Coruña, e continuou en 2019 cun segundo contrato de 500.000 euros para outros 10 edificios do resto de áreas sanitarias. Ese segundo contrato, no que está incluído o cartel de Vigo, tivo que reiniciarse despois de que o Sergas intentase aceleralo ilegalmente dando ás empresas interesadas só 15 días para presentarlle as súas ofertas fronte aos 35 que debían ser. O Sergas tamén evitou dar precisións sobre os carteis ás empresas ata despois da adxudicación do contrato, dividido en catro lotes dos que un estivo paralizado tras o recurso dunha empresa candidata, o que non impediu que o Goberno galego seguise adiante cos outros tres lotes.