As présas da Xunta por comprar letreiros de “hospital público” por medio millón de euros obrígana a reiniciar o contrato

Recreacións do aspecto dos novos letreiros nos hospitais de Ourense (arriba) e Santiago, incluídas na documentación do contrato CC-BY-SA Praza Pública

O Sergas dera só 15 días para que as empresas interesadas lle fixesen ofertas cando por lei debían ser 35 e adiou informalas do estado do emprazamento dos rótulos ata despois de adxudicarlles o contrato

A mediados do pasado mes de marzo a Xunta decidiu sacar a concurso a compra de letreiros de “hospital público” para dez centros do Sergas por algo máis de medio millón de euros. Supuña a extensión a toda Galicia da adquisición de rótulos similares que xa realizara en 2017 para catro hospitais da área da Coruña por 150.000 euros. Porén, as présas coas que intentaba tramitar o novo contrato veñen de obrigala a reiniciar o procedemento, criticado pola oposición como un exemplo da propaganda coa que o Goberno galego intenta facer fronte ás diversas crises que está a vivir a sanidade pública.

Cando a mediados de marzo lanzou o concurso público, o Sergas deu 15 días para que as empresas interesadas en subministrarlle e instalar os carteis lle presentasen as súas ofertas. Porén, a lei obriga a que ese tipo de contrato, suxeito á denominada regulación armonizada, teña un prazo de presentación de ofertas por parte das empresas de cando menos 35 días. Así que o Sergas viuse obrigado a semana pasada a reiniciar o procedemento, anular a anterior licitación, volver publicar esta semana novos anuncios de licitación, e dar un novo prazo, agora ata o 10 de maio.

Simulación do novo letreiro de "hospital público" no Cunqueiro de Vigo, incluída nos pregos do contrato CC-BY-SA Praza Pública

Respostas oficiais da Xunta ás empresas interesadas en concorrer ao concurso evidencian as présas por adxudicar o contrato do Sergas, que remitía máis precisións sobre o mesmo ao momento en que xa estivese outorgado

A rectificación expresa do Sergas dos prazos apurados cos que pretendía contratar os carteis únese a outras respostas oficiais por escrito dadas pola propia Consellería de Sanidade ás empresas interesadas en concorrer ao concurso e que evidencian as présas da administración por adxudicar o contrato. Para poder formular as ofertas con maior precisión, ao Sergas preguntóuselle polo estado material e varias características dos diversos emprazamentos dos rótulos en cada hospital, sinalando que en función diso as empresas terían que recorrer a un ou outro dispositivo de instalación. “Debido ao axustado do prazo de entrega [os anteditos 15 días inicialmente previstos para realizar as ofertas] non temos tempo de visitar os 10 hospitais”, comunicoulle unha empresa á Xunta, pedindo a posibilidade de que se facilitase aos interesados “información adicional, que nos permita coñecer todos os emprazamentos e poder plantexar as dúbidas no seu caso”. Toda a resposta da Xunta foi que “unha vez adxudicado o contrato e previo á montaxe dos rótulos poderase conseguir toda a información que sexa necesaria”.

Feijóo defendeu o custe dos letreiros dicindo que saen máis baratos que o soldo de alcaldes que menten

Hai dúas semanas o presidente Feijóo foi preguntado por este gasto en letreiros e defendeu o custe argumentando que son máis baratos que pagar o soldo de alcaldes que menten, en referencia ao rexedor de Vigo, Abel Caballero, que vén criticando o modelo público-privado de construción e xestión do novo hospital da cidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.