"Non estaría mal ter un mínimo de seguridade para poder rexeitar traballos polos que che pagan 600 euros"

Jorge Moruno presentou o seu libro esta fin de semana en Galicia © Podemos Asturies

"Só sendo capaces de organizarnos, de maneira que a cooperación domine á competencia, poderemos comezar a construír a subversión contra o totalitarismo da empresa-mundo (...) Renda básica ou empregabilidade, democracia ou barbarie". Jorge Moruno (Madrid, 1982) publicou hai uns meses La fábrica del emprendedor. Trabajo y Política en la Empresa-Mundo (Akal), unha reflexión sobre o concepto de traballo, o mundo do traballo e as relacións sociais ligadas a el no tempo actual. Moruno, sociólogo e responsable de discurso de Podemos, estivo esta fin de semana na Coruña, Compostela e Vigo presentando a obra.

O concepto do traballo mudou radicalmente nas últimas décadas, nas que foi perdendo vixencia aquel modelo de emprego para toda a vida que, ademais, conformaba a propia identidade da persoa que o ocupaba. Que efectos está a ter este cambio?

Ese cambio está afectando de forma fundamental ao conxunto das nosas vidas. As nosas sociedades -como se ve claramente na propia Constitución española, inspirada na italiana- están vertebradas ao redor do traballo, que se conforma tamén na vía de acceso á condición de cidadanía. Esta forma de organizar a sociedade ao redor do emprego é o que entrou en crise: o emprego xa non se garante e, ademais, ter un emprego cada vez che garante menos cousas, xa non achega seguridade. O 14% da poboación española é pobre a pesar de ter un traballo. O 77% dos empregos creados en 2015 foron temporais e un de cada catro durou unha semana ou menos. O 65% das persoas que se atopan en risco de exclusión social non saen dela a pesar de atopar un traballo. Esta é a situación, polo que haberá que repensar o traballo máis aló do emprego, haberá que repensalo de xeito que existan mecanismos que garantan esa seguridade, repensar o emprego de xeito que xa non sexa aquela fonte unilateral de creación de identidade.

"O emprego xa non se garante e, ademais, ter un emprego cada vez che garante menos cousas, xa non achega seguridade"

Defendes a proposta de renda básica universal como unha forma de ofrecer unha garantía de sustento a todas as persoas, pero tamén como unha posibilidade de poder levar a cabo outras actividades, ademais do emprego remunerado. A proposta conta, iso si, con moitos críticos, que poñen en dúbida non só a súa sostibilidade senón que insinúan que, se existir esta renda, moitas persoas optarían por non traballar. Que valores achegaría a renda básica?

A primeira gran batalla que ten que dar calquera aposta por novos dereitos é unha batalla cultural, e debemos facelo coa renda básica. Vivimos nunha sociedade na que dende os anos 80 o principal motor económico se baseou en confiar na desigualdade, confiar en que se aos ricos lles vai ben, máis tarde ou máis cedo parte do beneficio chegará ao conxunto da sociedade. Iso é o que motiva políticas económicas centradas na oferta: se baixamos impostos e baixamos salarios, iso atraerá investimento e acabará creando emprego. En cambio, cando se fai unha aposta distinta e se promove o reforzo do poder de negociación, a reacción de moitos é denunciar que a xente vai quedar na casa sen traballar.

"As persoas necesitamos dúas cousas: uns ingresos estables e suficientes, e un recoñecemento social do que facemos. O problema é que hoxe en día, para ser recoñecido socialmente necesitas un traballo polo que che paguen"

A miña aposta pola renda básica non a centro tanto na parte económica, senón que creo que é un medio para liberar tempo, para democratizar o tempo. Vivimos nunha sociedade na que cada vez se produce máis con menos xente traballando. Neste senso, hai unha cuestión de base, que é 'que concibimos como actividade e que non?'. No mundo en que vivimos considérase actividade aquilo polo que che pagan. Se por unha actividade non te pagan, considérase inútil. As persoas necesitamos dúas cousas: uns ingresos estables e suficientes, e un recoñecemento social do que facemos. O problema é que hoxe en día, para ser recoñecido socialmente necesitas un traballo polo que che paguen. Hai que comezar a xerar ingresos aínda que non sempre se teña un emprego e comezar a valorar actividades socialmente necesarias. Iso levará a xerar recoñecemento social -aínda que non che paguen por iso- e a xerar ingresos -aínda que non sempre teñas un emprego-. Doutro xeito, cada vez vai ser máis difícil garantir un mínimo de benestar ao conxunto da poboación.

Non estaría mal que tivésemos un mínimo de seguridade para poder rexeitar traballos polos que che pagan 600 euros ao mes. A min paréceme ben que unha sociedade teña a fortaleza suficiente para dicir non, non vou traballar por un soldo de merda. Iso non é non querer traballar, iso é simplemente non querer ter un emprego precario.

"Impulsan un novo patrón de conduta, que é a competitividade, e unha nova forma de ser na que cada un de nós nos convertemos en empresarios de nós mesmos, accionistas da nosa propia forza de traballo"

En paralelo ás mudazas que analias no libro, nas últimas décadas foise impoñendo unha ideoloxía na que prima a competitividade, o emprendemento ou a empregabilidade como valores supremos. Como se dá a batalla cultural contra estes conceptos?

É certo que canto máis difícil se fai incluír socialmente á xente a través do emprego, vai tomando máis forza un discurso que che di o que tes que facer é arriscar, buscar o éxito e, se non o consegues, é culpa túa. Canto máis difícil é acceder a un emprego, eles insisten máis en que ti debes ser o creador da túa historia, aplicado ao terreo persoal unha serie de valores do mundo empresarial. Impulsan un novo patrón de conduta, que é a competitividade, e unha nova forma de ser na que cada un de nós nos convertemos en empresarios de nós mesmos, accionistas da nosa propia forza de traballo. Resulta curioso, ademais, que estes discursos recollen algúns conceptos que foron importantes nas mobilizacións dos anos setenta: o discurso do emprendedor fai moito uso de palabras como innovación, autonomía, incidindo na ruptura das normas, na necesidade de sobresaír.

"Se queremos realmente unha sociedade de emprendedores, non sería mellor garantir que ninguén ten medo, por exemplo a través dunha renda básica universal?"

Non é malo que a xente queira innovar ou que queira sacar proxectos adiante. O problema é como se fai isto. Se queremos realmente unha sociedade de emprendedores, non sería mellor garantir que ninguén ten medo, por exemplo a través dunha renda básica universal? A xente sacaría máis proxectos adiante se puidese cooperar, se tivese máis tempo libre e se tivese unha seguridade garantida, en vez de vivir nun mundo baseado na precariedade, na competitividade extrema. Nos países máis avanzados é onde a xente traballa menos horas ou onde a xente pode acceder a anos sabáticos. Iso incrementa a posibilidade de acceder a coñecemento, nunha sociedade coma a nosa que é intensiva en coñecemento. O mellor mecanismo para competir con este discurso da nova razón neoliberal non é tanto unha nostalxia do pasado, do traballo estable para toda a vida, senón atopar nestas miserias do presente a riqueza do posible.

É curioso, neste senso, que nun país como España que sempre tivo as taxas de paro máis elevadas da UE non chegase a callar con forza, nin sequera entre a esquerda política e os sindicatos, a reivindicación das 35 horas? A que se debe?

Ten que ver cunha certa ética do traballo, pero sobre todo cunha idea que é completamente errónea: que é que cantas máis horas traballes, produces máis. En España traballamos 280 horas máis ao ano que en Alemaña e o país da UE no que máis horas se traballa é Grecia. Isto ten un correlato na vida cotiá da xente: aí está a dificultade de conciliar vida laboral e familiar, aí está o problema que ten a xente que quere ter fillos, aí está o problema da racionalización dos horarios comerciais, que aínda se complica máis coa liberalización de horarios. Hai que promover unha redución organizada das xornadas laborais. As 35 horas son un primeiro paso que non é que en si mesmo vaia xerar moito emprego, pero si que vai mellorar a calidade das nosas vidas.

"Hai que promover unha redución organizada das xornadas laborais. As 35 horas son un primeiro paso que non é que en si mesmo vaia xerar moito emprego, pero si que vai mellorar a calidade das nosas vidas"

Que papel están a xogar os sindicatos neste novo tempo?

É necesaria unha reflexión profunda sobre o que hoxe en día significa o mundo do traballo. É algo distinto ao que normalmente entenden os sindicatos. Xa non se pode delimitar, como antes, cunha figura de emprego estable, con convenio colectivo, nun entorno físico concreto... Hai un exército de falsos autónomos, de mulleres que limpan casas por uns poucos euros, de precarios que van encadeando contratos... hai moitos colectivos, crecentes en importancia, que hoxe non se recoñecen nos sindicatos. Fai falla unha gran reflexión, para atopar a forma de intervir neste novo escenario laboral.

 

Podemos ante o novo tempo político

"Hai un exército de falsos autónomos, de mulleres que limpan casas por uns poucos euros, de precarios que van encadeando contratos... hai moitos colectivos, crecentes en importancia, que hoxe non se recoñecen nos sindicatos"

Podemos naceu tendo como grande obxectivo as eleccións do pasado 20 de decembro. Cal debe ser a estratexia de Podemos neste novo tempo político?

Podemos naceu nun contexto no que entendemos que era unha fiestra de oportunidade política que se abría, e nun prazo de ano e medio tivo que se enfrontar a cinco convocatorias electorais. Para poder dar esa batalla tivemos que elaborar un modelo, o que saíu de Vista Alegre. Creo que a táctica foi acertada, á luz dos resultados, que dende logo poderían ser mellores, pero creo que foron aceptables. Ora ben, agora a táctica debe ser outra: agora trátase de expandirse polo territorio, de arraigar, de ir máis lentos. E isto implica unha maior federalización da organización, unha maior descentralización do poder de toma de decisións. E, por suposto, sempre ollando cara fóra, cara aos millóns de persoas que faltan. Creo que o movemento popular non pasa só por Podemos, é necesario que se fortalezan institucións sociais que xeren contrapoder e que mesmo xeren tensión con Podemos. É necesario xerar unha sociedade crítica e organizada que debe ter relación con Podemos, pero que non ten por que estar dentro de Podemos.

"É necesario xerar unha sociedade crítica e organizada que debe ter relación con Podemos, pero que non ten por que estar dentro de Podemos"

A Podemos estalle prexudicando a relativa desmobilización que se advirte na sociedade? Dicíndoo doutro xeito: beneficiaríalle unha maior tensión social, entre outras cousas para resistir mellor os ataques mediáticos que está a sufrir o partido e tamén as alcaldías de moitas cidades en cuxo goberno participa?

Os ciclos de mobilizacións teñen ondas; este ciclo baixou nos últimos anos, e volverá subir. Pero creo que si, creo que esa maior tensión social sería boa, e non só boa para Podemos. Podemos non é máis que un catalizador dese movemento. Como país e como sociedade é bo que exista esa cidadanía crítica, que reivindique, que exerza o seu dereito a facer política e que non tolere determinadas cousas. E si, canto máis músculo haxa, canto máis corpo social haxa, sempre vai ser mellor para defenderte de toda esa serie de ataques ou mesmo acoso que pode sufrir Podemos.

"Non serve de nada colocar na presidencia a alguén que se diga de esquerdas se despois mantén as políticas do PP"

O escenario político que seguiu ao 20D e as propias negociacións para a investidura de Sánchez están a situar a Podemos nun eixo esquerda-dereita que os dirixentes do partido sempre quixeron evitar? É esa tensión identitaria o núcleo do actual debate interno en Podemos? 

O debate político e a propia xeografía parlamentaria parece que te leva a iso. Nós seguimos tentando evitalo, porque seguimos pensando que o problema non é ubicarse un pouco máis á esquerda ou á dereita, senón trazar unha fronteira onde hai unha minoría privilexiada que acumula moita riqueza en poucas mans fronte a unha maioría golpeada. Creo que en Podemos está claro que ese é o eixo e esa é a fronteira. Cando propoñemos un Goberno co PSOE parece que estamos propoñendo un Goberno de esquerdas, pero do que se trata é de levar a cabo unhas determinadas políticas. Non se trata tanto de expulsar a Rajoy como de expulsar as súas políticas. Por iso non serve de nada colocar na presidencia a alguén que se diga de esquerdas se despois mantén as políticas do PP. E o noso problema con Ciudadanos é que a súa política económica e fiscal perpetúa o que se fixo ata agora.

"Polo pouco tempo que transcorreu entre unhas eleccións e outras pode haber xente que non teña tantas ganas de ir votar. Sería fundamental volver mobilizar esa ilusión para acadar un verdadeiro goberno de cambio"

Na hipótese dunhas novas eleccións en xuño, que ameazas e oportunidades cres que podería ter Podemos?

Creo que aínda é cedo, pois poden pasar aínda moitas cousas nestas dúas semanas. Espero aínda que o PSOE se decida a apostar por un goberno de cambio. Creo que a convocatoria de novas eleccións sería un fracaso colectivo, pero en todo caso non hai que ter medo a que a xente vote. Polo pouco tempo que transcorreu entre unhas eleccións e outras pode haber xente que non teña tantas ganas de ir votar. Creo que sería fundamental, nese senso, transmitir a necesidade de volver mobilizar esa ilusión para acadar un verdadeiro goberno de cambio. Hai tan só 300 mil votos de diferenza entre PSOE e Podemos. Se esa diferenza se dera ao noso favor, hoxe teríamos goberno de cambio.

 

Jorge Moruno, na presentación do seu libro en Compostela, este sábado Dominio Público @Manu_Lopez_
Portada do libro © Akal
Jorge Moruno presentou o seu libro esta fin de semana en Galicia © Podemos Asturies

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.