A Renda básica como política keynesiana

© Manuel López

A nosa familia inclúe unha nai, un pai, dous fillos, un can e un espírito santo; pero dos dous últimos imos esquecernos porque non son relevantes neste tema.

O pai traballa e ten un salario decente, ingresa uns 2000 euros netos ao mes.

A nai ten menos sorte, encadea contratos como enfermeira e gaña de media uns 1000 euros ao mes. Alterna iso con períodos de paro e outros nos que non gaña nada cando esgota a prestación.
Os rapaces son menores de idade e non teñen ingresos.

Pagan unha hipoteca, mais un préstamo polo coche. Entre ambos gastos son 1000 euros ao mes. O coche é imprescindible para que ela poida ir traballar porque os contratos temporais son en lugares diversos e precisa desprazarse.

Iso déixalles 2000 euros para vivir, e, nos meses malos, a metade. Non é unha marabilla pero viven decentemente e incluso poden ir 15 días á praia.

Nesta situación estable estala a pandemia:

Escenario primeiro: a nai contáxiase, o Sergas mándaa ao paro e a empresa do pai ten que pechar temporalmente. Ambos pasan a gañar o 70% do que gañaban antes. O golpe é importante pero sobreviven, pero cando a ela se lle remate o paro, non terán para vivir, terán que elixir entre que lles embarguen o coche, a casa ou comer. Se perden o coche ela non poderá aspirar a novos contratos porque non podería desprazarse ao hospital onde a reclamen.

Escenario segundo: o estado establece unha renda condicionada ante a situación na que se van encontrar. Cando a nai perda o salario e o paro, o estado compensaralle en parte cun ingreso de 430 euros mentres non poida volver traballar, un salario que entre trámites e comprobacións tarda dous ou tres meses en chegar (non, non é un prazo esaxerado, preguntade a un perceptor do RISGA). Con eses cartos extra dálles para vivir mentres non atopa un traballo. Habería que deixar o da praia e apertarse o cinto, pero cun chisco de economía de guerra e imaxinación, sobreviven.

Esa axuda que che conceden por ser vulnerable impide que accedas ao mercado laboral, porque tes que elixir entre unha miseria estable, ou un contrato polo salario mínimo ou un chisco mais, pero inestable e que te pode deixar sen ingresos cando remata

Agora ben, nesa situación ofrécenlle á nai un contrato temporal dun mes. Que fai? Se o acepta gañará 1000 ese mes (aos que descontar os importantes gastos do transporte) pero despois volve quedar a dúas velas durante tres meses mentres volve tramitar esa axuda de 430 euros co novo papelame e comprobacións administrativas. É aceptar un contrato dun mes e moita incerteza posterior, ou renunciar a el e poder tirar con eses cartos uns meses mais.

A iso chamámolo “trampa da pobreza” e é típica das rendas condicionadas, especialmente na poboación vulnerable na que ter que elixir entre un RISGA ou similar, ou un contrato moi precario, é algo sumamente frecuente. Esa axuda que che conceden por ser vulnerable impide que accedas ao mercado laboral, porque tes que elixir entre unha miseria estable, ou un contrato polo salario mínimo ou un chisco mais, pero inestable e que te pode deixar sen ingresos cando remata.

Escenario 3: esa familia vive nunha sociedade que estableceu a Renda Básica Universal (RBU), un ingreso fixo e estable do estado a toda a cidadanía, con independencia da situación de cadaquén: traballe ou non, teña fillos ou non, viva só ou en familia.

Cada un dos pais recibe 700 euros ao mes libres de impostos, e cada un dos nenos 350. A maiores cada un recibe o seu salario coma sempre.

Un punto moi importante: se á nai lle ofrecen un contrato dun mes non terá que pensar se debe ou non aceptalo, porque non ten que elixir entre os 700 euros da RBU ou o mes de salario dese contrato. Simplemente acéptao e ese mes gañará os 1000 euros ademais da súa Renda Básica, e ao mes seguinte se non lle renovan o contrato simplemente seguirá gañando esa RBU coma sempre. Cobrar esa renda non lle condiciona para estar ou non no mercado laboral, nin converterse en parada de longa duración por obriga.

Agora pensade como se afronta unha pandemia, ou unha enfermidade, ou unha mala racha, ou unha quebra empresarial, o unha depresión, ou calquera outra cousa polo estilo nestes tres escenarios. A diferenza de presión, de ansiedade, de medo. A diferenza entre ser unha familia de clase media quequeda sen nada de repente ou queda con pouco e un colchón que lle dá para sobrevivir mentres se recupera do golpe. O tempo que faga falla, sen condicións, sen risco de perder ese colchón por un mal contrato, ou porque un psiquiatra di que a túa depresión non é invalidante e polo tanto podes traballar.

Pois iso é a RBU: un colchón que sempre estará aí, en todo momento, traballes ou non, e que che garante un teito, comida, roupa… o básico. Non dá para ningún luxo, pero si permite sobrevivir en calquera escenario, permite non rematar na rúa por un desafiuzamento

Podes imaxinar o medo que sentes ao mirar aos teus fillos e pensar como lles vas dar de comer nun caso ou noutro?

Pois iso é a RBU: un colchón que sempre estará aí, en todo momento, traballes ou non, e que che garante un teito, comida, roupa… o básico. Non dá para ningún luxo, pero si permite sobrevivir en calquera escenario, permite non rematar na rúa por un desafiuzamento, e os teus fillos nun orfanato porque non podes mantelos. Permite afrontar a túa enfermidade sen medo a que ademais de ter que pelexar por curar, teñas que pelexar ao mesmo tempo por non morrer de fame.

Nestes tempos de pandemia, penso que todos e todas podemos entender perfectamente o que iso implica.

Pero imos ir un chisco mais alá: esa familia recibe 2100 euros do estado, si, e iso podería entenderse como un gasto. Un gasto inasumible. Pero pensade que esa familia gastará os cartos: seguirá pagando a súa hipoteca e o seu crédito, non é un burato no banco, non é un burato que despois o estado teña que cubrir a través dun rescate bancario. O resto dos cartos gástaos en supermercados, roupa etc. Multiplica iso por centos, miles ou ducias de miles de persoas en cada vila e cidade. Iso son negocios que non teñen que pechar por falta de clientes, e consecuentemente, menos ingresos nos seus empregados que deixarán de gastar noutros negocios. Unha espiral de caída de ingresos -> peche de negocios que se realimenta. Eses cartos da RBU manteñen gran parte da economía da rúa en marcha, a real, non a especulativa das grandes empresa con filiais en paraísos fiscais. E evita que o estado teña que incorrer noutros gastos para rescatar bancos, PEMES e familias.

E isto é o mellor, aínda que difícil de explicar con poucas palabras, dun xeito moito máis eficiente que calquera outro sistema de axudas condicionadas. E dende logo moito mellor que créditos ás empresas para manter a actividade porque as empresas seguen abertas porque manteñen clientes. Tampouco as empresas teñen a terrible dicotomía entre aceptar créditos para pasar a situación sen saber se despois terán volume de negocio para devolvelos. Simplemente, se manteñen a clientela seguen a funcionar, se non a manteñen pechan, e o empresario pode botar o peche sabendo que nin el nin os seus empregados pasarán fame porque tamén eles seguirán recibindo a RBU.

A RBU sería probablemente a mellor receita para evitar o máis dramático da pandemia e para evitar que a recesión posterior poida converterse nun colapso económico

A RBU non só é moitísimo mellor para as familias, para as persoas, para evitar as dramáticas consecuencias mentais pola ansiedade crónica durante meses e anos, non só evita que ningunha persoa caia na pobreza absoluta; senón que tamén é un xeito de facer que os golpes económicos non se realimenten, que non entren nesa espiral de caída de consumo, peches de empresas e aumento do desemprego. Son políticas keynesianas automáticas. É un chan no que a espiral de desemprego e peche de negocios se detén. É non ter que ver milleiros de persianas baixadas, pisos baleiros e xente pedindo na rúa.

A RBU sería probablemente a mellor receita para evitar o máis dramático da pandemia e para evitar que a recesión posterior poida converterse nun colapso económico. E é a mellor receita porque dun ou doutro xeito o estado terá que gastar eses mesmos cartos en rescates dos sectores afectados, pero deste xeito é un rescate máis xusto, que non deixa abandonado á súa sorte a ninguén, e que non repercute unicamente nas capas máis ricas da poboación.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.