"Non podemos deixar que sexa o propio internet quen ensine aos cativos a usar internet", defende o psicólogo clínico Ricardo Fandiño
Probablemente, a primeira vez que un neno ou unha nena demandan que lle deixen usar un teléfono móbil, unha tablet, unha consola ou mesmo que lle poñan algo na televisión, non saiban realmente por que o queren: só queiran algo co que vén aos adultos do seu arredor interactuar constantemente. É difícil ensinar algo sobre o que aínda estás a aprender, mais ese reto é o noso presente. “Non esquezamos que o desafío non é tecnolóxico, senón ético. E da ética é do que, en última instancia, sempre se debera ocupar a educación”, escribiu Ricardo Fandiño Pascual, doutor e psicólogo clínico.
“Hai que ampliar a mirada sobre o tema. Moitas veces nos quedamos centrados, cegados, na idea dos móbiles sen ver que a cuestión está no cambio de era, diría incluso no cambio civilizatorio que supuxo a emerxencia de internet nos últimos vinte anos ata o punto de que efectivamente os rapaces de hoxe medran, se desenvolven, se relacionan e constrúen a súa identidade dun xeito e cunhas circunstancias diferentes a como se facía tres décadas atrás porque hai unha nova dimensión de acceso á información, de comunicación, de relación que é internet, e eles están permanentemente aí, atravesados por esa realidade. Co cal, unha idea central é que temos que educalos nesa nova dimensión e as persoas adultas temos que estar implicadas, tanto nas familias como nas escolas. Non podemos deixar que sexa o propio internet quen ensine aos cativos a usar internet”, defende en conversa con Praza.gal Ricardo Fandiño, coordinador xeral de ASEIA, a Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e a Adolescencia.

Unha familia do Salnés con dous fillos, unha nena de oito anos e un neno de cinco, vai xantar a un restaurante cun grupo de amigos. Recorren aos dispositivos móbiles para que todas as partes estean contentas, ou esa é a pretensión. Chega o momento de quitarllos e o máis pequeno ten unha reacción agresiva. Os pais, sorprendidos e, por que non, con certa vergoña, saen fóra co neno. Deciden, ante a sorpresa, tratar de comprender a súa reacción e analizan con el como esta conduta, ata o momento menos problemática, vénse producindo cando as pantallas entran na ecuación. E o propio neno acepta probar a non estar en contacto con pantallas na vindeira semana. Así, eses sete días convértense en semanas e despois en meses. “Aprendemos a terlle máis respecto ás pantallas”, explica o pai.
“Non é natural que un neno aguante sentado nun restaurante durante todo o tempo que están os adultos comendo. Os nenos teñen que correr, saltar, moverse. É unha necesidade fisiolóxica. Pero se na casa é un recurso habitual recorrer ás pantallas, fóra e con máis xente aínda máis. Realmente é como tratar de ‘anular’ a un neno, que non está a facer o que a natureza lle pide. Nós volvemos ver a televisión e volvemos ás tablets, pero cun uso completamente distinto. Agora é algo que compartimos, non se lle volveu dar ese uso para ‘anulalos’; e se imos fóra levamos xoguetes pequenos para que se poidan entreter”, detalla o pai.
Nesta casa están enfrontando as súas contradicións e tratando de non volver ao de antes, pois manterse illado das pantallas hoxe suporía precisamente iso: illarse tamén dos demais. “Ao remate do curso pasado os profesores dixéronnos que percibiran moita melloría na nena, tanto a nivel creativo como de debuxo. Agora en grande medida substituíron as pantallas por debuxar. Andan sempre buscando folios, xa perdemos a conta dos paquetes de cincocentos que temos que mercar”, salienta este pai.

A enquisa da ONG Educo apunta a unhas cinco horas diarias de pantallas de media pola semana e arredor de seis horas ao día nas fins de semana en crianzas de 6 a 13 anos
O informe Niños de la llave III: La vida empantallada, que vén de presentar a ONG de cooperación internacional pola infancia Educo, destaca como conclusión da súa enquisa sobre as percepcións de nais e pais sobre uso e efectos de dispositivos e pantallas na infancia que só o uso do smartphone chega a unha media de tres horas os sábados e os domingos, e de dúas horas e media ao día entre semana, na franxa de idade de 6 a 13 anos. As outras pantallas ocupan polo menos dúas horas máis ao día, así que estamos falando dunhas cinco horas diarias de pantallas de media pola semana e de arredor de seis horas ao día nas fins de semana.
Educo cuantifica que o 95% das nenas e nenos do Estado español posee polo menos un smartphone aos 13 anos de idade. Unha de cada tres nais e pais (29,1%) declaran na enquisa estatal desta ONG que non poñen límites ao uso de pantallas no fogar, nin a través de mecanismos de control parental como de acordos verbais ou escritos. Desta porcentaxe, un 20% nin se formulou a posibilidade de facelo.
A Federación de ANPAS Compostela e ANPAS Galegas organizan a xornada Móbiles con sentido: acompañar e educar a adolescencia no seu uso o día 25 en Filoloxía da USC
Con todo, a preocupación medra. A Federación de ANPAS Compostela organiza xunto a ANPAS Galegas a xornada aberta (con inscrición) Móbiles con sentido: acompañar e educar a adolescencia no seu uso para o vindeiro 25 de outubro, na Facultade de Filoloxía da USC. Pretenden fornecer as familias de “ferramentas para comprender mellor como viven hoxe a adolescencia os seus fillos e fillas e como acompañar esta etapa desde a educación, a confianza e o diálogo”.
“Mamá, papá, quero un móbil”. Esta é a sentenza que xa temen moitas familias e sobre a que queren afondar neste encontro con voces expertas en Psicoloxía, educación social e saúde emocional. Esther Martínez, presidenta da FANPA Compostela, sinala que esta preocupación non é recente, pero si que se fixo máis patente nos últimos cursos e especialmente o curso pasado. “É certo que hai un gran temor ás posibilidades e aos accesos que permiten estes dispositivos móbiles e que se vinculan ás cuestións relacionadas co acceso á pornografía, co acceso á información falsa ou con cuestións que teñen que ver con acoso”, detalla Martínez.
“Queremos ofrecer un discurso máis complexo e contextualizado e desde o punto de vista de especialistas, que vaia máis alá do que poden ser propostas máis simples ou máis extremas, que ás veces son as máis fáciles de adoptar, pero non son realmente as que nos permiten ter unha perspectiva máis completa da situación e do que leva ter ese dispositivo, como é o seu uso e a relación con el; e non quedar con estas medidas, ás veces extremas ou máis simples, que son ás veces as que están por aí funcionando polas redes, como pode ser prohibir o acceso ata determinada idade ou evitar que o teñan os compañeiros”, engade a presidenta da FANPA Compostela.
O Consello Económico e Social de Galicia considera "falto de concrecións e compromisos concretos" o proxecto de lei da Xunta
O pleno do Parlamento do próximo martes, 14 de outubro, debaterá o Proxecto de lei de protección da saúde das persoas menores e prevención das conductas adictivas presentado polo Partido Popular, que inclúe a “promoción do uso axeitado de videoxogos, redes sociais, tecnoloxías dixitais e dispositivos conectados”.
O ditame do Consello Económico e Social de Galicia (CES) estima que “o marco normativo que se propón é xeral e falto de concrecións e compromisos concretos, o que dificulta a súa implementación efectiva”. Ademais, considera “fundamental reforzar o enfoque educativo e preventivo como eixo prioritario da norma, por riba dun modelo centrado de maneira preferente nas infraccións e sancións”.
A portavoz de Sanidade do BNG, Montse Prado, anunciou que formularán unha emenda á totalidade do proxecto lexislativo e advertiu de que o PP presenta unha lei “para a súa autocomplacencia” que “dificilmente vai acadar os obxectivos que di pretender”. “Non se pode protexer a saúde das persoas menores nin a prevención de condutas aditivas sen un aumento do número de pediatras, sen dispositivos de saúde mental ou sen dispoñer do número de docentes precisos”, defendeu.