Este venres entra en vigor a Zona de Baixas Emisións (ZBE) da cidade de Ourense, un amplo espazo delimitado pola avenida da Habana e as rúas Emilia Pardo Bazán, Pena Trevinca, Coruña e Progreso no que non poderán acceder os vehículos sen etiqueta ambiental ou etiqueta A
Este venres entra en vigor a Zona de Baixas Emisións (ZBE) da cidade de Ourense, unha medida obrigatoria para todas as cidades da UE de máis de 50.000 habitantes que debía ter comezado en 2023, pero para a que os concellos recibiron unha moratoria que remataba a finais deste ano.
A partir deste 26 de decembro, no centro da cidade -un amplo espazo delimitado pola avenida da Habana e as rúas Emilia Pardo Bazán, Pena Trevinca, Coruña e Progreso- non poderán acceder os vehículos sen etiqueta ambiental ou etiqueta A (é dicir, os coches de gasolina de máis de 25 anos e os diésel de máis de 19 anos).
Iso si, admitiranse amplas excepcións: residentes, visitantes aloxados no centro, usuarios de centros de ensino, acceso a parkings ou garaxes... Ademais, a Policía Local non comezará a sancionar aos infractores (con multas de 200 euros) ata o 1 de xullo de 2026.
A Policía Local non comezará a sancionar aos infractores ata o 1 de xullo de 2026
A medida vai acompañada doutras accións que buscan priorizar o peón, a mobilidade sustentable e a redución da contaminación, como a eliminación da ORA nas zonas abranguidas pola ZBE a partir do 1 de xaneiro e, sobre todo, por unha serie de peonalizacións de rúas no centro da cidade, que serán realidade a partir deste venres 26 de decembro.
As rúas que se transforman en espazos peonís a partir do día 26 son as seguintes:
- Rúa Valle Inclán: pasa a ser peonil con plataforma única.
- Arturo Pérez Serantes: convértese integramente en rúa peonil.
- Avenida de Bos Aires: peonalízase o treito desde a rúa Concordia ata Bedoya.
- Rúa Cardeal Quevedo: treito peonil desde o Parque de San Lázaro ata a Avenida da Habana.
- Rúa Bedoya: será peonil no treito entre o Parque de San Lázaro e o cruzamento con Ramón Cabanillas.
- Parque de San Lázaro: peonalízase o lateral entre a rúa Concello e Bedoya (as paradas de taxi e autobús serán reordenadas).
Deste xeito, créase un corredor peonil que une o Parque de San Lázaro co Parque das Mercedes co núcleo do Casco Vello da cidade.
Desde o Concello recoméndase a residentes e condutores extremar a precaución ante a nova sinalización e consultar a información detallada sobre accesos e excepcións na páxina web web municipal.