Ferrol, única cidade galega que non iniciou a tramitación da ZBE, apercibida polo Defensor del Pueblo

Unha rúa do barrio da Madalena, en Ferrol © Concello de Ferrol

Hai 18 cidades en todo o Estado que aínda non iniciaron os trámites para a aprobación da súa ZBE, entre elas Ferrol. O Defensor del Pueblo dirixiuse a elas para lembrarlles a súa obriga

O 1 de xaneiro do pasado ano 2023 deberían ter estado en vigor Zonas de Baixas Emisións (ZBE) en todos os municipios de máis de 50.000 habitantes do Estado -en Galicia, nas sete cidades-, atendendo á Lei 7/2021 de cambio climático e transición enerxética. Só un pequeno grupo de cidades cumpriu a tempo este compromiso, entre elas Pontevedra e A Coruña, mentres que a maioría apelou a unha prórroga de 18 meses que expirou o pasao 30 de xuño, para poder completar os trámites da posta en marcha da súa ZBE. En Galicia, Vigo, Ourense, Lugo e Santiago atópanse nesa situación, a piques de finalizar o proceso.

Porén, Ferrol -a única cidade gobernada polo PP- nin sequera iniciou a tramitación da ZBE, o que inclúe a cidade naval nun reducido grupo de 18 localidades que están a incumprir a lei de forma manifesta. Nas últimas semanas o Defensor del Pueblo remitiu escritos solicitando información a estas 18 cidades incumpridoras, entre elas Ferrol. Tamén se dirixiu a outros oito municipios que ralentizaran ou suspenderan a implantantación da ZBE e a outras sete cidades onde si comezara a tramitación pero onde a implementación ía con atraso.

O Concello de Ferrol alega que cando o actual equipo de Goberno chegou á Alcaldía, en xuño de 2023, non se realizaran traballos previos para a implantación da ZBE; engade que nese momento iniciou distintos procesos relacionados coa mobilidade que entende que son previos ao deseño da ZBE

Nas súas respostas os municipios alegan a falta de prazo suficiente para a aprobación da ZBE, a complexidade técnica da súa instalación, a asistencia de persoal especializado para acometela, ou a falta de recursos financeiros suficientes para levala a cabo. Outros argumentaron a conveniencia de emprender outras actuacións en materia de mobilidade ou contaminación

No caso de Ferrol, o Concello alega que cando o actual equipo de Goberno chegou á Alcaldía, en xuño de 2023, non se realizaran traballos previos para a implantación da ZBE; engade que nese momento iniciou distintos procesos relacionados coa mobilidade e que entende que son previos ao deseño da zona de baixas emisións, coma o Plan Estratéxico de Ferrol, a Axenda Urbana 2030 ou a actualización do Plan de Mobilidade. O Goberno local conclúe que unha vez conte co novo Plan de Mobilidade “poderá dar resposta ás necesidades das zonas de baixas emisións”, fixando como data de referencia o ano 2025.

"Ningún dos argumentos ofrecidos nas súas respostas polos concellos consultados xustifica o atraso no establecemento das ZBE e para cuxa implantación algúns xa recibiron axuda económica", advirte o Defensor

Porén, a Oficina do Defensor del Pueblo destaca, en referencia ao conxunto das respostas recibidas, que "ningún dos argumentos ofrecidos nas súas respostas polos concellos consultados xustifica o atraso no establecemento das ZBE e para cuxa implantación algúns xa recibiron axuda económica". 

Nos últimos meses dende o Goberno central foron lanzándose advertencias aos concellos incumpridores, sinalando que, de non poñer en marcha as súas ZBE, poderían perder fondos europeas e tamén axudas estatais para o transporte público.

Cartel indicador da entrada na Zona de Baixas Emisións da Coruña, na Cidade Vella © Concello da Coruña

Dúas ZBE en marcha, catro en proceso e unha pendente

Santiago e Lugo aproveitarán as restricións a vehículos de motor xa vixentes nos seus cascos históricos, maioritariamente peonís

Pontevedra foi a primeira cidade galega que tivo a súa ZBE aprobada, o 1 de setembro de 2020, aproveitando o traballo previo de peonalización e limitación do tráfico rodado no seu centro. A Coruña aprobou a súa zona de baixas emisións o 28 de decembro de 2022, unha pequena extensión (0,13 quilómetros cadrados) que abrangue a Cidade Vella (peonalizada hai anos) e a Mariña, onde o tráfico rodado está restrinxido a transporte público e residentes.

Vigo, Ourense, Santiago e Lugo están dando os últimos pasos para a posta en marcha das súas zonas de baixas emisións. Santiago e Lugo aproveitarán as restricións a vehículos de motor xa vixentes nos seus cascos históricos, maioritariamente peonís, que funcionarán como ZBE, de xeito semellante a como xa está a suceder en Pontevedra e A Coruña. A aprobación de ordenanzas reguladoras, un listado de sancións e a instalación de sensores de medición da calidade do aire ou de cámaras para a lectura de matrículas completarán o proceso ao longo de 2025.

A ZBE de Ourense terá 61,5 hectáreas e as catro que prepara Vigo suman 67 hectáreas. Nos dous casos entrarán en vigor nos vindeiros meses

A ZBE de Ourense terá 61,5 hectáreas, tamén abranguendo o groso do seu casco histórico, entre as rúas do Progreso, Pena Trevinca, Coruña e a Avenida da Habana. A súa posta en marcha tamén é inminente.

Vigo contará con catro ZBE (unha no Casco Vello, outra na contorna da Praza de Portugal, outra no Calvario e outra en Bouzas) que en conxunto suman máis de 67 hectáreas nas que estará prohibido o acceso dos vehículos máis contaminantes O Concello, que investiu uns cinco millóns de euros, prevé que estea vixente nos vindeiros meses.

Mapa das catro ZBE que entrarán en vigor en Vigo © Concello de Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.