Un de cada catro adolescentes galegos asume que discute e se frustra por mor das redes sociais

Tres rapazas consultan os seus teléfonos móbiles © Santi Alvite / USC

Un cuarto dos adolescentes galegos recoñece que ten discusións por mor das redes sociais ou que se sente insatisfeito por non poder usalas máis, mentres que arredor dun terzo asume que intentou reducir o seu uso pero non foi quen de logralo.  

Arredor dun 25% dos adolescentes consultados recoñecen ter discutido por mor das redes sociais ou sentirse insatisfeito por non poder usalas máis

Estas son algunhas das conclusións da enquisa HBSC (Health Behaviour in School-aged Children) 2022, financiada polo Ministerio de Sanidade e impulsada pola Organización Mundial da Saúde (OMS) para coñecer as condutas saudables dos mozos e mozas escolarizados e na que participan máis de 50 Estados occidentais. 

O estudo, que abrangue rapazada entre os 11 e os 18 anos, debulla tamén os datos obtidos en Galicia e complementa outros como o que hai case tres anos impulsou a Fundación Barrié para concluír que tamén un cuarto dos adolescentes galegos fai un uso problemático ou compulsivo das redes sociais, da internet e da tecnoloxía.

Unha moza consulta o seu teléfono móbil CC-BY-SA Sweetlouise

Desta volta, de novo un informe que vai máis aló da preocupación e das análises de expertos e administracións sobre os riscos do uso xa xeneralizado dos medios electrónicos de comunicación social ao achegar as reflexións dos propios mozos e mozas. 

Así, e ante a pregunta de se nalgún momento durante o ano se sentiron insatisfeitos porque querían pasar máis tempo usando medios de comunicación social, máis de un de cada catro recoñece que si. En concreto, o 25,8%, unha porcentaxe case idéntica tanto en mozos como en mozas. No entanto, este grao de insatisfacción acentúase nos rapaces de entre 13 e 14 anos e nas rapazas de entre 17 e 18, superando en ambos casos o 30%. 

Ademais, tamén arredor do 25% dos e das adolescentes consultados en Galicia (o 24,4%) recoñecen que tiveron discusións con outras persoas por mor das redes sociais no último ano, unha porcentaxe maior entre as rapazas (28,8%) que entre os rapaces (20%). Máis aló destas rifas, o 14% asumen que tiveron "conflitos serios" polo mesmo motivo

Máis dun terzo dos adolescentes asumen que intentaron pasar menos temo usando redes sociais pero non o lograron

Os problemas no que pode derivar o uso excesivo destes medios de comunicación social son recoñecidos polos adolescentes, tanto que máis dun terzo (35%) dos consultados en Galicia asumen que intentaron pasar menos tempo usándoos pero fracasaron no intento. Neste caso, son as mulleres as que amosan unha maior porcentaxe, que sobe ao 43,4% no global pero que supera o 50% no caso do final da preadolescencia, entre 11 e 12 anos.

Peores datos no conxunto do Estado

Os mozos e mozas consultados neste estudo responden a nove ítems da denominada escala Social Media Disorder, deseñada para avaliar se a rapazada presenta ou non conduta aditiva no uso dos medios de comunicación electrónicos. 

En todas as cuestións, a porcentaxe afirmativo nas respostas a estas cuestións é maior no conxunto do Estado que en Galicia, tal e como se pode ver no gráfico. Por exemplo, no que ten que ver cos intentos de reducir o uso das redes sociais, case o 40% dos e das adolescentes españolas din ter fracasado, mentres que case o 30% din terse sentido insatisfeitas por non poder empregalas máis. 

O 12% di que descoidaron acotío outras actividades por atender ás redes e case a metade, que as usan para "escapar de sentimentos negativos"

Así, outra das cuestións incluída nesta escala é a de se sentiron que non puideron pensar noutra cousa que non sexa medios de comunicación social no último ano, pregunta á que responden afirmativamente case o 17% dos e das consultadas en Galicia. 

Algo máis, o 18,5%, recoñecen que se sentiron mal por non ter podido usar as redes sociais e o 12% asume que chegou a descoidar con regularidade outras actividades por atender estas aplicacións para a relación social na que encaixarían Instagram, WhatsApp ou Snapchat, entre outras. 

Teléfono móbil intelixente con varias aplicacións de comunicación social CC-BY-SA Indra Projects

Todas elas sérvenlles a moitos adolescentes para "escapar de sentimentos negativos". En concreto, preto da metade (45,8%) dos consultados en Galicia recoñecen que con frecuencia utilizan as redes sociais para este propósito, unha porcentaxe que sobe ata o 60% no caso das rapazas de entre 13 e 18 anos. 

Por último, e aínda que a inmensa maioría da rapazada consultada di non mentir sobre o tempo que pasa usando estes medios de comunicación social, case o 16% asume que si o fai regularmente para agochar a cantidade de horas reais que pasa diante da pantalla. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.