Non coñecemos os criterios que emprega a tecnoloxía de Facebook para decidir que un tema coas palabras 'desconectar' e 'móbil' no titular é spam, pero comprobamos como eliminou a reportaxe de Praza con esa temática. "O que lle interesa a Facebook é que esteas todo o día conectado", di Javier Pedreira (Wicho)
Compartir nas redes sociais todo o que publicamos nun xornal é unha tarefa rutineira, necesaria para chegar á xente e cumprir co obxectivo final: informar. O pasado venres, 16 de agosto, publicamos en Praza a reportaxe Desconectar nas vacacións: "O que te mantén conectado é o móbil" e, coma sempre, espallámola a través da conta de X, a de Instagram, a canle de Telegram e na páxina de Facebook. Todo semellaba normal, ata que desapareceu do Facebook sen avisar. Horas máis tarde, volvemos compartila por se fallara algo lonxe do noso control, pero entón aí apareceu a explicación: Facebook eliminara a nosa publicación por considerala “enganosa”.
Non coñecemos os criterios que emprega a tecnoloxía de Facebook para decidir que un tema coas palabras ‘desconectar’ e ‘móbil’ no titular é spam, é dicir, un contido non desexado. “Non permitimos que as persoas usen ligazóns enganosas ou contido que engane aos demais para que visiten un sitio web o permanezan nel”, argumenta a rede social propiedade de Mark Zuckerberg e pertencente a Meta, que tamén inclúe a Instagram e WhatsApp.
Por outra banda, Facebook apela á liberdade de expresión: “Queremos que te sintas libre ao compartir contido cos demais. Só suprimimos cousas ou aplicamos restricións a persoas para manter o respecto e a seguridade na comunidade”, xustifica. A reportaxe leva desaparecida da páxina de Facebook de Praza desde hai unha semana e non houbo resposta á reclamación, cando a propia rede social asegura que se contesta en catro días.
“Sabemos que a dependencia que os medios de comunicación teñen das redes sociais para chegar á súa audiencia é problemática. Éo para os propios medios, polas servidumes ás que os somete para se posicionen e ten desde logo implicacións importantes para toda a sociedade, nun momento no que cada vez máis persoas acceden ás noticias a través das redes, ou de aplicacións de mensaxería e buscadores”, sinala a decana do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Belén Regueira.
A decana do Colexio de Xornalistas indica que coa nova lei europea de medios as plataformas van ter que "explicar os seus motivos e darlles aos medios a posibilidade de responder en 24 horas" antes de restrinxir a súa visibilidade
Ese enorme poder das grandes plataformas en liña como distribuidoras de contidos implica moitos desafíos no eido da regulación na sociedade actual. “A Lei Europea de Liberdade de Medios de Comunicación, aprobada este ano, dá algúns pasos neste sentido e, por exemplo, establece limitacións na eliminación de contidos dos medios de comunicación por parte das plataformas. Antes de suspender ou restrinxir a visibilidade de contidos procedentes de medios as plataformas terán explicar os seus motivos e darlles aos medios a posibilidade de responder en 24 horas. A lei indica, en todo caso, que as plataformas teñen a obriga de tomar en consideración tanto a liberdade como o pluralismo dos medios de comunicación”, detalla Belén Regueira.
O informático Javier Pedreira, coñecido como Wicho nas redes sociais e un dos creadores de Microsiervos, apunta que estamos en mans “dos delirios dos algoritmos”, que serven ás empresas para gañar cartos e “aos desexos máis ou menos espurios” dos seus donos, nomeadamente Mark Zuckerberg e Elon Musk (dono de X, antes Twitter). Só hai que lembrar o escándalo de Cambridge Analytica e Facebook. “Depende das conspiracións que queiramos imaxinar, pero neste caso Facebook puido decidir que ‘desconectar’ e ‘móbil’ nunha mesma frase non lle gusta porque o que lle interesa é que esteas todo o día conectado; aínda que realmente non poidamos saber que disparou ese castigo de suprimir a publicación, así que é difícil aseguralo”, di.
"Precisamos educación no pensamento crítico, que non se aplica só a internet", salienta Javier Pedreira
Pedreira incide en que os algoritmos que deciden os contidos que vemos a través das redes sociais non son públicos, unha demanda histórica que non acaba de solucionarse porque a lexislación aínda atopa moitas barreiras para interferir no ‘libre albedrío’ das empresas donas das redes socias. Pero un apunte, Instagram finalmente non recollerá imaxes dos seus usuarios en Europa para alimentar a súa ferramenta de intelixencia artificial porque viron que podía colidir coas leis de protección de datos da Unión Europea. Así que “regular non é inútil”, lembra o coruñés.
“Estamos en mans de grandes corporacións que pasan das reclamacións dos usuarios pequenos”, critica Javier Pedreira, quen salienta que a clave pasa polo espírito crítico: “Precisamos educación no pensamento crítico, que non se aplica só a internet. Cando che contan algo tes que preguntarte quen, por que, que me está a contar, que intereses ten esta persoa ou esta institución... E iso é algo que tendemos a non aplicar nunca, e menos nas redes sociais”. Ademais, o informático sinala que cando comezaron os blogs as ligazóns eran un valor engadido nas publicacións, cantas máis ligazóns o buscador de Google premiaba máis esa publicación e a mostraba máis arriba. Esa tendencia cambiou agora coas redes sociais, que pretenden que non saias delas, polo que non favorecen o uso de ligazóns externas.