Educación esgrime a caída das matrículas nun contexto de devalo demográfico e despoboamento rural, pero a CIG ve unha pescada que morde a cola porque sen colexios será máis difícil querer asentarse no rural
Este mércores a Xunta fixo oficial a supresión seis centros educativos en cinco concellos para o curso 2024-25. Unha decisión que eleva a 233 os centros suprimidos nas dúas últimas décadas, fundamentalmente escolas unitarias do rural do interior de Galicia na década pasada, pero nos últimos anos tamén escolas de educación infantil de concellos litorais.
A caída das matrículas por baixo dos mínimos establecidos pola Consellería de Educación é a razón das supresións de centros, un motivo detrás do cal está á súa vez a caída da natalidade en xeral en Galicia e o despoboamento do rural, que dificilmente consegue reverter a chegada de poboación estranxeira máis nova.
Desta volta os peches afectaron a vilas costeiras como Vilagarcía, Baiona, Muros ou Laxe, pero xa en anos anteriores houbera decisións similares en Marín, Fene, Mugardos, Carnota ou Vigo. Nesta última cidade tamén houbo protestas este mesmo ano polo peche dunha aula de infantil en Balaídos, na propia urbe, tamén pola caída das matrículas.
A Xunta mantén este ano abertos catro centros con só cinco alumnos "por apreciar previsións de incremento de estudantes para os vindeiros cursos"
A Xunta xustifica a súa decisión, como en anos anteriores, pola necesidade de "adaptar a organización dos centros docentes ás necesidades efectivas da poboación escolar". Segundo sinala Educación, os seis centros pechados desta volta en Vilagarcía, Baiona, Beariz, Laxe e Muros "por matrícula insuficiente e sen previsión de incremento" presentaban unha demanda de catro, tres e mesmo só dous alumnos nos casos das escolas infantís de Vilagarcía.
Fronte a esa situación, o Goberno galego salienta que noutros catro centros con só cinco alumnos a decisión foi mantelos abertos "por apreciar previsións de incremento de estudantes para os vindeiros cursos. É o caso da EEI de Santa Cruz (San Cibrao das Viñas), EEI de Taboadela, CEIP de Pazos-Comoxo (Boiro) e CEIP de Vilariño de Conso.
"Tan pronto baixa o número de matrículas aproveitan para pechar centros, pero se non hai centros a xente non se vai meter a repoboar o rural, non van ser heroes", di CIG Ensino
Educación tamén salienta que "os últimos informes a nivel nacional indican que en Galicia o 99,7% do alumnado de Infantil e Primaria conta con servizo educativo no concello onde reside" fronte ao 98,8% de media no conxunto estatal.
Pero a visón desde os sindicatos é distinta. Desde CIG Ensino Diego Boquete lamenta que "tan pronto baixa o número de matrículas aproveitan para pechar centros, pero se non hai centros a xente non se vai meter a repoboar o rural, non van ser heroes". Unha pescada que morde a cola que de momento é incapaz de deter o peche de centros educativos.
Á marxe do peche de centros, CIG Ensino tamén lamenta que "por primeira vez nin se crean nin se eliminan postos de traballo", medida que "non é positiva porque non se aproveita a baixada da natalidade para reorganizar e rebaixar ratios, que se manteñen". Ese mesmo aspecto é presentado de xeito ben distinto pola Xunta, que salienta que "Galicia manterá este curso o mesmo número de aulas malia ter 4.000 alumnos menos".
Neste novo curso haberá algo máis de 48.000 alumnos de infantil, uns 1.600 menos que no curso anterior, e algo máis de 126.000 de primaria, uns 2.300 menos.