A Consellería de Educación xustifica a medida pola necesidade de "adaptar a organización dos centros docentes ás necesidades efectivas da poboación escolar"
Como vén facendo nos últimos anos por estas datas, en pleno agosto, a Xunta publica este mércores no Diario Oficial de Galicia as reorganizacións de persoal e peches de centros educativos para o curso 2024-25. A diferenza da década anterior, na que os peches se concentraban nas escolas unitarias xeralmente do interior de Galicia, desta volta entre supresións de centros e integracións son nove escolas infantís (EEI) e un centro de educación infantil e primaria (CEIP) os afectados en concellos principalmente da Galicia atlántica.
As seis supresións de centros son as do CEIP de Beariz e as das escolas infantís de Solobeira e Guillán (as dúas en Vilagarcía de Arousa), Agro-Baredo (Baiona), Traba (Laxe) e Tal de Abaixo (Muros).
Canto ás integracións, será o Colexio Rural Agrupado (CRA) de Dodro o que asuma as escolas infantís de Arretén, A Escravitude, Estramundi de Arriba e Pontecesures, todas elas no concello de Padrón. [Nunha primeira versión desta información identificábanse estas catro integracións como peches, xa que outras integracións en anos anteriores supuxeran peches, pero neste caso os catro centros seguirán abertos pero dependentes do CRA de Dodro, como viña reclamando a comunidade educativa local].
A Xunta di que pecha os seis centros porque non hai suficientes matrículas nin "previsión de incremento" e mantén abertos outros catro con poucos alumnos porque neles si ten expectativas de que medre a demanda
Segundo a Xunta, esta "revisión" das unidades así como a reorganización de persoal docente noutros centros faise, como en anos anteriores, "para adaptar a organización dos centros docentes ás necesidades efectivas da poboación escolar e ás esixencias duns cadros de persoal que incidan na atención á diversidade coa introdución de profesorado especialista e a mellora da súa oferta educativa".
Tras publicar a resolución oficial no DOG, a Xunta emitiu a media mañá deste mércores un comunicado no que salienta que nas escolas pechadas non houbo matrículas suficientes nin "previsión de incremento". Pola contra, a Xunta sinala que si decidiu manter abertos catro centros educativos "malia ter unha matrícula por debaixo dos seis alumnos" porque prevé "incremento de estudantes para os vindeiros cursos". Son a EEI de Santa Cruz (San Cibrao das Viñas), EEI de Taboadela, CEIP de Pazos-Comoxo (Boiro) e CEIP de Vilariño de Conso, "todos eles con cinco alumnos matriculados para o curso 2024/25).
Desde CIG Ensino critícase que o peche de centros e a despoboación do rural é unha pescada que morde a cola. "Tan pronto baixa o número de matrículas aproveitan para pechar centros, pero se non hai centros a xente non se vai meter a repoboar o rural", sinalan desde o sindicato.