"Ao ver que comezaba outro curso e ninguén nos facía caso, seguían pasándose a pelota uns aos outros mentres a seguridade dos nenos e nenas corre perigo, decidimos facer ruído", di a presidenta da Anpa
Volver ao cole foi case unha festa para as crianzas do CEIP Altamar de Vigo, que entraron no centro ataviados cuns cascos amarelos para simbolizar a desprotección que viven nesta escola. Para as nenas e nenos foi incluso divertido, mais esta acción impulsada pola Asociación de nais e pais é o derradeiro recurso que atoparon nesta comunidade educativa para forzar a actuación da Xunta e do Concello de Vigo.
“Ao ver que comezaba outro curso e ninguén nos facía caso, seguían pasándose a pelota uns aos outros mentres a seguridade dos nenos e nenas corre perigo, decidimos facer ruído. Faremos o que faga falta ata que aquí veña alguén a comprobar a situación do centro e se tomen medidas”, defende a presidenta da Anpa, Rebeca Díez, que xunto ao resto de nais e pais do centro denuncia “condicións insalubres”.
O Altamar é un colexio pequeno do barrio vigués do Freixeiro para crianzas entre os 3 e os 12 anos. A propiedade do edificio é da Xunta a través da Consellería de Educación e o mantemento é responsabilidade do Concello. Comparte edificio coa residencia universitaria do mesmo nome, xestionada pola Xunta, que foi renovada tanto nas súas instalacións interiores como na fachada exterior nos últimos anos. Non é o caso do centro de ensino, que aínda que puido anexar a antiga casa do conserxe ás súas dependencias hai poucos anos, sofre danos visibles na súa estrutura exterior e importantes humidades en varias zonas interiores.
"Consideramos que os nenos e nenas do CEIP Altamar teñen os mesmos dereitos que o resto de nenos e nenas deste concello escolarizados en centros públicos"
“A nivel infraestruturas este centro é precario”, explica a directora do CEIP Altamar, Olalla Saborido, que accedeu ao cargo o curso pasado e elaborou un informe detallado con todos os danos e eivas de mantemento. Naquela altura tiñan un niño de ratas no centro e a directora confirma que ao dar parte ao Concello enviaron efectivos municipais para o control de pragas. Da mesma maneira que daquela, hai agora un ano, tomaron medidas contra as cascudas, que desde a Anpa critican que seguen presentes no edificio.
Nese informe, ao que tivo acceso Praza.gal, relátase (acompañado de imaxes) a presenza de “cascudas nas estancias do centro e no comedor escolar”, “baños con avarías constantes por falta de forza e tupido dos canos”, “zonas con humidades”, “escaleiras oxidadas e con desprendementos en zonas de paso de alumnado” e a “fachada con desprendementos”, entre outras cuestións. “O noso sentimento é de abandono total e de falta de compromiso coas nosas necesidades”, conclúese no documento da dirección da escola.
“O problema é que temos moitas deficiencias estruturais e no propio mantemento das instalacións, o meu informe entregueillo en man á concelleira de Educación, o alcalde de Vigo e, despois de agardar todo o curso, tamén llo entreguei o xefe territorial da Consellería de Educación. Ninguén veu por aquí nin se fixo nada. Comezamos un novo curso co mesmo problema de que ambas administracións se lavan as mans, sempre é competencia da outra. O problema é competencial ou de vontade?”, razoa a directora.
"Comezamos un novo curso co mesmo problema de que ambas administracións lavan as mans, sempre é competencia da outra"
“Consideramos que os nenos e nenas do CEIP Altamar teñen os mesmos dereitos que o resto de nenos e nenas deste concello escolarizados en centros públicos. Alguén ten que dar un paso á fronte e facerse cargo porque nós, a nivel interno no colexio, non temos capacidade”, incide Olalla Saborido, que ademais de exercer como directora do centro ten que acudir cada mañá para abrilo ás oito porque están sen persoal de conserxería.
No curso pasado houbo unha conserxe de baixa, á que non substituíron, ata que se xubilou. Nese momento, xa a finais de curso, o Concello enviou outra persoa para o posto, que se mantivo nos primeiros días de setembro, pero que lles quitaron, segundo explican desde a dirección do centro, alegando que son un colexio que depende da Xunta.
“Agora mesmo estamos cos baños dos nenos de seis, sete e oito anos que non se poden utilizar. Din parte para que veñan a solucionalo dende o Concello e de momento non temos resposta. E como iso un montón de cousas no día a día do centro. O ano pasado desatasquei baños, saquei pelotas de papel... Dáme igual non facer labores estritamente de docencia, pero precisamos que alguén nos bote unha man porque non podemos con todo. Sentímonos esquecidos e que non temos os mesmos dereitos que calquera outro colexio público de Vigo”, salienta a directora do Altamar.