Comunidades de montes galegas e baldíos portugueses unen forzas para defenderen o monte veciñal

Un momento da celebración IV Congreso europeo de Áreas Comunitarias © ORGACCMM

Este sábado e domingo, a Organización galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM) e a Federaçao Nacional de Baldíos-BALADI celebraron, en Mos o IV Congreso europeo de Áreas Comunitarias

As comunidades de montes galegas e os baldíos portugueses son dúas fórmulas de propiedade da terra e da xestión do territorio análogas, ambas as dúas titularidades de orixe xermánica, terras indivisibles e intrasferible e polo tanto situadas fóra do tráfico do mercado. Ademais, están xestionadas democraticamente pola veciñanza comuneira galega e os compartes portugueses, que conforman as asembleas que rexen estas áreas forestais. Con problemáticas e retos comúns, as comunidades galegas e os baldíos lusos celebraron esta fin de semana un encontro de irmanamento que servirá para unir forzas.

Este sábado e domingo, a Organización galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM) e a Federaçao Nacional de Baldíos-BALADI celebraron, en Mos o IV Congreso europeo de Áreas Comunitarias. As actividades do congreso tiveron lugar no centro social As Pedriñas da Comunidade de Montes de Tameiga.

Unha das mesas do IV Congreso europeo de Áreas Comunitarias © ORGACCMM

“Novas economías verdes en areas comunitarias: espazo de oportunidades ou risco anunciado” foi o lema que presidiu este congreso

O Congreso europeo de Áreas Comunitarias está destinado especialmente para a participación das comunidades de montes veciñais galegas e as asembleas de compartes portuguesas. Participaron, ademais, entidades de diversa índole que viven, traballan o xestionan o medio rural, así como profesionais relacionadas co medio rural e co monte veciñal. Tamén asistiron organizacións ecoloxistas e ambientais de Galicia e Portugal.

“Novas economías verdes en areas comunitarias: espazo de oportunidades ou risco anunciado” foi o lema que presidiu este congreso. Nas charlas e mesas do encontro debateuse o papel a desenvolver polas áreas comunitarias na transición enerxética e, ademais, como facer fronte á "presente ameaza da vaga de acaparación das terras comunitarias impulsada pola economía capitalista e auspiciada por algunhas administracións".

A ORGACCMM denuncia que "a estratexia do capitalismo é a acaparación  das terras e, con ela, o espolio dos recursos que nelas se dan: vento, auga, minerais, producións agro-gandeiras…"

Neste senso, a Organización galega de Comunidades de Montes denuncia que "a estratexia do capitalismo é a acaparación  das terras e, con ela, o espolio dos recursos que nelas se dan: vento, auga, minerais, producións agro-gandeiras…". A entidade lembrou que as comunidades tamén sofren "intentos de acaparación de terras para a construcións de urbanizacións de luxo, campos de golf, centros comerciais ou cidades deportivas de clubes privados, coma no caso dos montes veciñais de Tameiga".

Participantes no IV Congreso europeo de Áreas Comunitarias © ORGACCMM

No Congreso reivindicouse que a UE recoñeza esta titularidade veciñal e comunal para que conste esta especificidade na súa política agraria medioambiental e de desenvolvemento rural

Dentro do territorio da Unión Europea, os montes veciñais galegos e os baldíos portugueses son o único exemplo de titularidades comunitarias e veciñais. No Congreso reivindicouse que a UE recoñeza esta titularidade veciñal e comunal para que conste esta especificidade na súa política agraria medioambiental e de desenvolvemento rural.

“Para parar esta agresión ás terras comunitarias, a veciñanza comuneira ten que conquerir que as lexislacións reforcen o carácter xermánico dos montes veciñais e que se recoñezan a estes como titularidades distintas e en pé de igualdade coas titularidades privada e pública actualmente existentes”, sinalou Xosé Pereira, presidente da ORGACCMM.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.