Dende hai anos Ponte... nas ondas! organiza o certame fotográfico 'Imaxes do Patrimonio' no que participan centros de ensino de Galicia e Portugal, co obxectivo de reunir fotografías antigas que amosasen actividades e persoas doutro tempo
Dende hai uns anos a asociación Ponte... nas ondas! organiza o certame fotográfico 'Imaxes do Patrimonio' no que participan centros de ensino de Galicia e Portugal, co obxectivo de reunir fotografías antigas que amosasen actividades e persoas doutro tempo, "un conxunto inmenso de expresións culturais e de tradicións herdadas do pasado que as persoas preservan e se encargan de transmitir ás xeracións futuras". O que se buscaba era "axudar ás novas xeracións a descubriren a existencia dese rico e variado Patrimonio Cultural Común".
Neste momento está en marcha a quinta edición do certame, que ata o momento entregou xa un gran número de premios e accésits e que recibiu unha gran cantidade de materiais, que pasan a formar parte do arquivo virtual do patrimonio inmaterial galego-portugués.
O proxecto compose en primeiro lugar dun libro no que cada unha das fotografías vai acompañada dun texto explicativo redactado polo alumnado. Ademais, cada fotografía é interpretada graficamente a través dunha banda deseñada elaborada polo prestixioso ilustrador Andrés Meixide
Agora, a partir dunha escolma de 25 desas fotografías, vén de publicarse un proxecto multimedia titulado 'Memoria e patrimonio', realizado ao abeiro do Fondo de proxectos culturais en lingua galega Xacobeo 2021-2022 da Xunta. O proxecto compose en primeiro lugar dun libro no que cada unha das fotografías vai acompañada dun texto explicativo redactado polo alumnado. Ademais, cada fotografía é interpretada graficamente a través dunha banda deseñada elaborada polo prestixioso ilustrador Andrés Meixide, un colaborador habitual dos diferentes proxectos de Ponte…nas Ondas!
Alén do libro en formato descargable, os materiais contan cunha versión multimedia enriquecida con diversos contidos. Por unha beira, pode consultarse en formato de audiolibro e escoitar os podcasts que acompañan cada unha das imaxes. E por outra parte, proporciónanse unha serie de actividades interactivas pensadas para o aproveitamento didáctico a partir das temáticas relacionadas coas diferentes fotografías.
A fotografía "permítenos reconstruír os momentos máxicos da antropoloxía cultural da nosa terra; por iso, o certame é tan importante”, di Anxo Cabada
O IES Plurilingüe Fontexería, en Muros, con longa e intensa traxectoria no traballo co patrimonio, acolleu a presentación este mércores 11 de maio.
Na presentación Anxo Cabada, fotógrafo e membro do xurado do Certame “As imaxes do patrimonio“, destacou que “a fotografía ten esa fascinante evocación da inmortalidade, recuperamos a historia dos avós, dos pais, dos traballos, das viaxes, das festas..., permítenos reconstruír os momentos máxicos da antropoloxía cultural da nosa terra; por iso, o certame é tan importante”.
Cabada salienta a importancia das iniciativa para “coidar a esencia do que somos, entender mellor as nosas orixes e non ser simples espectadores da compracencia das imaxes"
Este experto asina o prólogo da obra, no que salienta a importancia das iniciativa da asociación para, desde a escola, “coidar a esencia do que somos”, entender mellor as nosas orixes e non ser simples espectadores da compracencia das imaxes, “senón tamén a axudar a construír unha formación máis solidaria, máis informada, máis crítica e máis coñecedora da nosa historia”.
As imaxes son exemplo de como a mocidade de centros educativos de Galicia e de Portugal toma contacto coas xeracións anteriores e recolle as memorias asociadas ao patrimonio inmaterial galego-portugués a partir de álbums fotográficos familiares.
As imaxes son exemplo de como a mocidade de centros educativos de Galicia e de Portugal toma contacto coas xeracións anteriores e recolle as memorias asociadas ao patrimonio inmaterial galego-portugués a partir de álbums fotográficos familiares
Na presentación, o secretario xeral de Política Lingüística Valentín García Gómez destacou que este é un proxecto interesante por moitos motivos, "como a participación da mocidade na preservación do patrimonio, a colaboración interxeracional e a transmisión da lingua galega, xa que todo o que está implicado en Ponte...nas ondas! pon á vista os vencellos lingüísticos e culturais entre a Galicia alén do Miño”.
Valentín García subliñou o “total apoio” ao modelo de boas prácticas impulsado por Ponte...nas Ondas! e
destacou a inminente inscrición da asociación como modelo de boas prácticas co PCI (Patrimonio
Cultural Inmaterial) no Rexistro das Boas Prácticas da UNESCO.