16 anos despois os 'Meniños cantores' volven achegar Galicia a Portugal a través das súas cancións

Meniños cantores no Rosal © Ponte nas Ondas!

 

16 anos despois da primeira edición, de novo 17 colexios de Galicia e do Norte de Portugal participaron na iniciativa Meniños Cantores

No ano 2005 17 centros educativos de Galicia e do norte de Portugal recrearon temas do patrimonio musical galego e luso grazas ao impulso de Ponte nas Ondas! e do seu proxecto Meniños Cantores. A iniciativa acadou un grande éxito e repercusión e incluíu un tema común composto por Uxía Senlle e Segundo Grandío e gravado nun videoclip na ponte entre Tui e Valença por máis de 500 rapaces e rapazas das dúas beiras. Nos últimos meses a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte nas Ondas! impulsou a realización dunha segunda edición da iniciativa, na que de novo participaron 17 centros de ensino dun e doutro lado da fronteira.

Hai unhas semanas presentouse o resultado do traballo realizado: un disco con 18 cancións, un documental e un libro. O disco contén cada tema musical xunto co seu correspondente videoclip e karaoke e o libro textos da escritora galega Rosa Aneiros, do escritor portugués Marco Neves e dos profesores Helena Pousa e Santiago Veloso. Ademais, inclúese unha breve descrición de cada centro educativo e unha referencia ao patrimonio cultural do seu concello, onde se recollen expresións e léxico característico de cada municipio.

Este domingo 26 de decembro a TVG emitirá o primeiro dos catro capítulos de 50 minutos nos que se divide o documental

Este domingo 26 de decembro a TVG emitirá o primeiro dos catro capítulos de 50 minutos nos que se divide o documental. No filme percórrese a fronteira galego-portuguesa, dende Verín e Chaves ata o Océano Atlántico chegando a Viana do Castelo. No documental, ademais de descubrir as cancións interpretadas polos nenos e nenas de 17 centros educativos e os seus padriños e madriñas, dáse a coñecer o proceso de escolla do tema musical, a súa preparación e interpretación na gravación. Tamén están presentes as persoas portadoras dos saberes tradicionais que nun claro exemplo de transmisión oral comparten os seus coñecementos cos rapaces, axudando a difundir o patrimonio inmaterial.

Ademais de descubrir as cancións interpretadas polos nenos e nenas, dáse a coñecer o proceso de escolla do tema musical, a súa preparación e interpretación na gravación

No capítulo 1 percórrense os concellos de Verín, Chaves, Crecente e Montalegre. No capítulo 2, As Neves, Melgaço, Salvaterra de Miño e Monção. No capítulo 3, Salceda de Caselas, Tui, Valença do Minho, Vila Nova de Cerveira e A Guarda. No capítulo 4, Tomiño, Caminha, O Rosal e Viana do Castelo. O filme comeza cunha conversa en Lisboa entre dous dos artistas que apadriñan o proxecto, Uxía e António Zambujo, quen cun exemplar do primeiro Meniños Cantores preguntan se agora poderán cantar nesta nova edición

A serie foi gravada entre os meses de abril e xuño pola produtora Casa de Tolos

A serie foi gravada entre os meses de abril e xuño pola produtora Casa de Tolos, editada por Pai Música e contou coa colaboración da TVG, o Consello da Cultura Galega e cunha axuda de O teu Xacobeo. Este novo proxecto servirá para apoiar a candidatura de Ponte...nas ondas! ao rexistro das mellores prácticas co PCI ( Patrimonio Cultural Inmaterial) presentada xa na UNESCO por Portugal e España.

17 centros de ensino, 18 cancións

A estes 17 temas engádese a canción “Máis perto”, que continúa a ser o himno do proxecto. Se en 2005 era a rapazada a que a cantaba, desta volta son os padriños e madriñas os que lle poñen voz

Os escolares de cada dos 17 centros de ensino participantes escolleron un artista que apadriña e participa no proxecto. Os colaboradores nesta ocasión son: Pancho Álvarez (Tui), A Roda (As Neves), Lucía Pérez (O Rosal), Zaraida de Maskarpone (Verín), António Zambujo (Montealegre), Augusto Canário (Valença e Viana do Castelo), Sons do Minho (Monção) Daniel Pereira (Melgaço), Vozes da Radio (Chaves), Cuarteto Caramuxo (Salvaterra), Andrea Pousa (Tomiño), Jaime Álvarez (Caminha), Luis Caruncho (A Guarda), Castriño de Rebordechán (Crecente), Uxía (Salceda de Caselas), Cándido Miranda (Vilanova da Cerveira).

A estes 17 temas engádese a canción “Máis perto”, que continúa a ser o himno do proxecto. Se en 2005 era a rapazada a que a cantaba, desta volta son os padriños e madriñas os que lle poñen voz. 

Alumnado dos centros de ensino participantes © Ponte nas Ondas!

“A ninguén se lle escapa que temos un patrimonio ancestral que non entende de raias pintadas no mapa”, destacou hai unhas semanas na presentación do proxecto a presidenta do Consello da Cultura, Rosario Álvarez, engadindo que contribúe a “axudar a construír a identidade común que outros proxectos contribuíron a desdebuxar”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.