Este sábado 16 de novembro celébrase o Día Internacional do Patrimonio, que pon o colofón ao Mes do Patrimonio, iniciado en outubro coa celebración, por vez primeira, do Día Internacional do Patrimonio Inmaterial, nova convocatoria establecida pola UNESCO
Este sábado 16 de novembro celébrase o Día Internacional do Patrimonio, un evento que un ano máis a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte... nas ondas! (PNO!) celebrará con varias actividades, que poñen o colofón ao Mes do Patrimonio, iniciado en outubro coa celebración, por vez primeira, do Día Internacional do Patrimonio Inmaterial, nova convocatoria establecida pola UNESCO. As celebracións deste Outono de Patrimonio abrangueron entre outros exposicións, relatorios, actuacións e homenaxes a portadores da cultura inmaterial, en Vigo, Santiago, Ourense ou Valença do Minho.
A cita para esta semana é dobre: o venres 15 celebrarase no Auditorio do Centro Veciñal e Cultural de Valadares (Vigo) a festa de entrega dos premios do Certame Imaxes do Patrimonio. Alumnado de escolas dos concellos de Laza, O Pereiro de Aguiar, Vigo, Ribeira, Santiago, Foz, Ames, Cea, Marín, Noia, Salvaterra de Miño, Ponte Caldelas, en Galicia, ou Porto e Monção, en Portugal, recollerá os premios ao seu traballo en prol do patrimonio inmaterial. A festa terá lugar no Auditorio do Centro Veciñal e Cultural de Valadares, coa actuación de Paco Nogueiras. Poderá seguirse tamén en streaming desde a canle de Youtube e a web de PNO!.
O venres 15 celebrarase no Auditorio do Centro Veciñal e Cultural de Valadares (Vigo) a festa de entrega dos premios do Certame Imaxes do Patrimonio
Ponte nas Ondas fai balance así dunha iniciativa que parte da idea de que o Patrimonio Cultural Inmaterial é un conxunto inmenso de expresións culturais e de tradicións herdadas do pasado que as persoas preservan e se encargan de transmitir ás xeracións futuras. Desde comezos do século XX ese conxunto de expresións herdadas do pasado e transmitidas de forma oral encontraron na fotografía un valioso rexistro documental.
Co obxectivo prioritario de axudarlle ás novas xeracións a descubriren a existencia dese rico e variado Patrimonio Cultural Común, propúxoselles que buscaran, coa axuda dos docentes e na compaña de seus familiares, aquelas fotos que contivesen elementos dese patrimonio cultural, na procura de elementos e vivencias concretas para constatar, desde o presente, o valor que cumpriron e seguen a cumprir, manifestacións culturais que polo seu simbolismo forman parte da nosa memoria colectiva.
O sábado 16, no propio Día Internacional do Patrimonio, o Auditorio Martín Códax do Conservatorio Superior de Música de Vigo acollerá o espectáculo Ponte de Patrimonio, gala do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués
O sábado 16, no propio Día Internacional do Patrimonio, o Auditorio Martín Códax do Conservatorio Superior de Música de Vigo acollerá o espectáculo Ponte de Patrimonio, gala do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués. Será un evento que integrará diversas expresións do patrimonio cultural inmaterial galego-portugués: o teatro, a narración oral, a música, o baile e as danzas.
Ponte de Patrimonio contará coa actuación da actriz Isabel Risco e do narrador oral Celso F. Sanmartín. Tamén estarán o grupo Ailá, formación compostelá gañadora dos premios Martín Códax da Música 2023 na categoría de Música Tradicional, e o grupo portugués A Chulada da Ponte Velha. A entrada é libre ata completar a capacidade do local.
Eventos para celebrar e pensar o patrimonio no Consello da Cultura
Coincidindo coa celebración do Día Internacional do Patrimonio, o Consello da Cultura Galega organiza unha serie de eventos e actividades que convidan "a pensar nas diferentes facetas do patrimonio cultural como vertebrador de identidades, de desenvolvemento e de territorio"
Coincidindo coa celebración do Día Internacional do Patrimonio, o Consello da Cultura Galega organiza unha serie de eventos e actividades que convidan "a pensar nas diferentes facetas do patrimonio cultural como vertebrador de identidades, de desenvolvemento e de territorio".
O 14 e 15 de novembro Navia de Suarna acolle as xornadas Soster o noso. O patrimonio cultural do rural, organizadas pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais do CCG, que buscan afondar no patrimonio rural, a súa conservación e a súa relación co desenvolvemento deses territorios. O encontro centrarase en buscar vías para manter, divulgar e entender o patrimonio como un elemento identitario e dinamizador desa contorna a través de distintas liñas de traballo que comprenden dende o vínculo das sociedades rurais co seu patrimonio cultural, a participación social activa no seu recoñecemento e salvagarda ata a súa condición de factor e motor dun desenvolvemento social, económico e cultural sostible.
O 14 e 15 de novembro Navia de Suarna acolle as xornadas Soster o noso. O patrimonio cultural do rural, que buscan afondar no patrimonio rural, a súa conservación e a súa relación co desenvolvemento deses territorios
Posteriormente, os días 15 e 16 a Casa da Cultura de Vilalba será o escenario da I Xornada de Patrimonio Inmaterial, organizada polo Instituto de Estudos Chairegos en colaboración co Concello de Vilalba e co Consello da Cultura Galega.
Ademais, neste mes de novembro o Consello da Cultura está a difundir na súa web o documental A última viaxe do afiador, unha produción de Boneca Lareta (2015) dirixida e guionizada por Aitor Rei, que amosa o modo de vida dos afiadores, unha profesión itinerante que ficou moi preservada na memoria da Galicia do século XX.
Ademais, neste mes de novembro o Consello da Cultura está a difundir na súa web o documental A última viaxe do afiador, unha produción de Boneca Lareta (2015) dirixida e guionizada por Aitor Rei
Finalmente, o Consello da Cultura difunde unha serie de documentos que buscan servir "para pensar o patrimonio cultural". Entre eles destacan os que xurdiron dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural (EMPC), levados a cabo pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais entre 2015 e 2023. E, igualmente, o documento que sintetizou as conclusións do foro 'Patrimonio e sociedade', organizado pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais en 2021 co obxectivo de recoller diferentes visións e sensibilidades ao redor da situación do patrimonio cultural galego e elaborar unhas directrices básicas ao redor da súa xestión integral