A 'Fonte Wallace' de Ferrol, unha alfaia do patrimonio sen protección e nun "mal estado de conservación"

A Fonte Wallace de Ferrol, no Parque Raíña Sofía © Turismo Ferrol

A Fonte Wallace de Ferrol, situada no Parque Municipal Raíña Sofía, atópase nun "pésimo estado pola falta de mantemento" e a Asociación Cultural Ferrolterra Antiga vén de solicitar oficialmente ao Concello a súa restauración

A Fonte Wallace de Ferrol, situada no Parque Municipal Raíña Sofía, atópase nun "pésimo estado pola falta de mantemento" e a Asociación Cultural Ferrolterra Antiga vén de solicitar oficialmente ao Concello a súa restauración. Traslada ademais a petición da Société des Fontaines Wallace, con sede en París, entidade que ten como fin a preservación e promoción destas fontes, valioso exemplo de patrimonio material que, ademais, levan aparellado un gran valor simbólico. A Fonte Wallace de Ferrol, adquirida en 1889, é unha das poucas existentes no Estado (só se conservan outras tres en Barcelona e unha en Donostia).

Pero que é unha Fonte Wallace e por que é importante? As fontes Wallace son un tipo de fonte pública, con auga potable, deseñadas por Charles-Auguste Lebourg e que levan o nome do filántropo británico Sir Richard Wallace. Comezaron a instalarse en 1872 en París, nun momento de grandes dificultades para a cidade -nos anos posteriores á guerra franco-prusiana e á Comuna- e no que se elevou notablemente o prezo da auga cobrado ás clases populares, o que derivou en problemas de hixiene e saúde pública.

A Fonte Wallace de Ferrol, no Parque Raíña Sofía © Asociación Cultural Ferrolterra Antiga

As fontes Wallace comezaron a instalarse en París en 1872 para garantir o acceso da poboación a auga potable. Ferrol pertence polo tanto a un selecto grupo de urbes nas que se instalou este elemento, do que se conservan uns 200 exemplares en todo o planeta

Wallace buscaba achegar a auga potable a toda a poboación e facelo ademais con elementos ornamentais de gran beleza, cun estilo artístico que se corresponde co eclecticismo propio do periodo. Ideáronse catro modelos diferentes, un máis grande (de 2,7 metros de altura e 600 quilos) e outros máis pequenos e comezaron a instalarse por toda a cidade de París, onde na actualidade se conservan máis dun cento. A iniciativa tivo un grande éxito e as fontes Wallace estendéronse por outras cidades de Francia (aínda se conservan medio cento en Marsella, Bordeos ou Nantes) e do resto do mundo.

Hoxe podemos atopar fontes Wallace nunhas 50 cidades de todo o planeta, dende Nova Orleans ou Montreal, ata Río de Xaneiro ou Montevideo, pasando por Xerusalén, Maputo, Moscova, Zürich, Rotterdam ou Lisboa. No Estado español tan só se atopan en tres lugares: Barcelona (onde se conservan tres das doce que inicialmente se instalaron), Donostia e Ferrol. 

O exemplar ferrolán foi adquirido na Exposición Universal de París do ano 1889 por Juan Romero Rodríguez, que o doou ao Concello, instalándose finalmente no Parque Municipal en 1950, despois de pasar por varias localizacións

A cidade galega pertence polo tanto a un selecto grupo de urbes nas que se instalou este elemento, do que se conservan uns 200 exemplares en todo o planeta. Ademais, pertence á primeira serie de fontes, situándose polo tanto entre as máis antigas das existentes. O exemplar ferrolán foi adquirido na Exposición Universal de París do ano 1889 por Juan Romero Rodríguez, que o doou ao Concello, instalándose finalmente no Parque Municipal en 1950, despois de pasar por varias localizacións.

Dende o ano 2018 a Société des Fontaines Wallace traballa na conservación en todo o mundo destes elementos, que se convertiron ademais en símbolo do dereito universal a auga potable

Detalle da Fonte Wallace de Ferrol © Asociación Cultural Ferrolterra Antiga

"Un ben emblemático e de valor excepcional" nun mal estado de conservación

A entidade denuncia que "a pesar do seu interese artístico e patrimonial", a fonte "atópase nun mal estado de conservación debido a falta de mantemento"

No escrito remitido ao alcalde, José Manuel Rey Varela, e á concelleira de Patrimonio Histórico, María del Carmen García Fraga, a Asociación Cultural Ferrolterra Antiga destaca que "a nosa Fonte Wallace é un ben emblemático e de valor excepcional" e denuncia que "a pesar do seu interese artístico e patrimonial, a fonte atópase nun mal estado de conservación debido a falta de mantemento. En consecuencia, a fonte ten perdido parte do recubrimento pictórico e presenta oxidación". 

Ademais, engade que "o sistema de canalización de auga está estropeado e perde auga, o que provoca a inundación dos terreos colindantes, ademais da sucidade acumulada na pía e fonte". A entidade estende a súa crítica á "falta xeneralizada de mantemento en todo o Parque Municipal".

A asociación engade na súa petición unha carta remitida pola Société des Fontaines Wallace na que o organismo con sede en París lembra a importancia da fonte ferrolá e insta ás autoridades locais á súa axeitada conservación e protección

A Asociación Cultural Ferrolterra Antiga demanda que a Fonte Wallace "sexa incorporada ao catálogo de bens de interese do PXOM" e que se lle outorgue "a oportuna protección". Así mesmo, pide que "se xestione e se acometa a restauración da Fonte Wallace, que se traten as partes afectadas polo óxido, se proceda a limpeza do conxunto e se pinte a fonte". Propoñen tamén "a recuperación do suministro de auga orixinal, polo surtidor superior, sustituíndose ou ben eliminándose a actual averiada canalización periférica".

A entidade engade na súa petición unha carta remitida pola Société des Fontaines Wallace na que o organismo con sede en París lembra a importancia da fonte ferrolá e insta ás autoridades locais á súa axeitada conservación.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.