A Estrada acolleu o primeiro Encontro Internacional sobre Celeiros Elevados, organizado pola Rede Internacional Horrea, que dende hai anos traballa na investigación e protección destes elementos do patrimonio
En Galicia existen uns 100.000 hórreos. Os cabazos, cabozos, canastros, canizos, piornos, paneiras ou ornos -que de todas estas maneiras (e varias máis) se denominan estes celeiros tradicionais elevados- están presentes en toda a xeografía do país. Hai tamén uns dez mil en Asturias (horrus ou paneras) e tamén no norte de Portugal (espigueiros) e, xa de forma moito menos numerosa, en León, Cantabria ou Euskadi. Hainos tamén, con outras formas e materiais, noutros lugares do planeta, como México, Brasil, os Alpes, Nova Celandia ou Xapón.
Esta fin de semana A Estrada acolleu o primeiro Encontro Internacional sobre Celeiros Elevados, organizado pola Rede Internacional Horrea, que dende hai anos traballa na investigación e protección destes elementos do patrimonio, que xogaron un papel fundamental nas sociedades tradicionais para a conservación do gran e outros elementos.
O encontro buscaba reflexionar sobre o futuro dos hórreos en todo o planeta, tendo en conta que en moitos lugares o millo deixou de ser cultivado de modo doméstico e estes celeiros elevados xa non son necesarios para os procesos do campo
As xornadas, nas que participaron expertos e expertas de varios países, celebráronse no Museo do Moble e da Madeira (MOME) e incluíron actuacións musicais (Catuxa Salom ou Manoele de Felisa) e visitas aos hórreos de Araño (Rianxo), Eira das Lavandeiras (Imo, Dodro), ao hórreo do Arco (Dodro), ao hórreo restaurado de Codeseda (A Estrada) e ao hórreo de Ribela (A Estrada). O próximo Encontro Internacional sobre celeiros elevados celebrarase en Potes (Cantabria).
O encontro buscaba reflexionar sobre o futuro dos hórreos en todo o planeta, tendo en conta que en moitos lugares o millo deixou de ser cultivado de modo doméstico e estes celeiros elevados xa non son necesarios para os procesos do campo. Algunhas das intervencións puxeron o foco na restauración e na protección do patrimonio cultural inmaterial, con varias propostas para utilización dos hórreos para usos distintos do propio para o que foron construídos. Hai catro anos a Asociación para a defensa do Patrimonio Galego (Apatrigal) alertou do risco de desaparición dos hórreos galegos e reclamou a súa protección patrimonial.
Na Estrada subliñouse que, máis aló da protección patrimonial, "é necesario actuar máis aló, promovendo a conciencia nas comunidades portadoras (a xente do pobo) para que consideren o hórreo como un tesouro, como un ben identitario que debemos preservar"
Na Estrada subliñouse que, máis aló da protección patrimonial, "é necesario actuar máis aló, promovendo a conciencia nas comunidades portadoras (a xente do pobo) para que consideren o hórreo como un tesouro, como un ben identitario que debemos preservar para os nosos fillos e netos, fortalecendo o orgullo de ser posuidor deste ben patrimonial que outras comunidades non teñen". Ademais, destacouse que "non podemos dedicar todos os hórreos a usos turísticos", un dos posibles usos, pois "representan unha banalización do patrimonio, converténdoo en espectáculo", en palabras de Carlos Henrique Fernández Coto, presidente da Rede Horrea de Celeiros Elevados Tradicionais.
Fernández Coto incide en que "non debemos permitir que se fosilicen, que queden como monumentos ao pasado, sen uso, sen aprecio, só para goce visual"
Fernández Coto tamén incide en que "non debemos permitir que se fosilicen, que queden como monumentos ao pasado, sen uso, sen aprecio, só para goce visual". "Debemos actuar neles e usalos para fins distintos, mantendo vivo o inmaterial destes bens, e saltaron algunhas ideas para utilización, como biblioteca, como adega, secadero, para facer ioga, meditación ou lectura, para usos creativos, xogo de nenos, como cabanas ou para secar a roupa ou almacenar obxectos da casa", propuxo.
Destacouse que "non podemos dedicar todos os hórreos a usos turísticos", un dos posibles usos, pois "representan unha banalización do patrimonio, converténdoo en espectáculo
O presidente da entidade alertou de que "nunca debemos ter o hórreo como unha escultura do xardín ou da contorna da casa nin que se converta nun fósil, que acabará caendo por falta de uso e mantemento". E advertiu de que "temos un reto diante, que terá difícil solución nas aldeas abandonadas. Sen persoas non hai mantemento, por tanto, esborrallaranse ou serán devorados pola natureza".
A rede lembra as experiencias que se están levando a cabo noutros territorios que poñen en valor o contido inmaterial que rodea os hórreos, por exemplo en Asturias con propostas innovadoras de utilización para pequenos concertos baixo o hórreo. Así mesmo destacouse a existencia noutros lugares de escolas de restauración de hórreos baixo a dirección de expertos carpinteiros. De modo similar, en Portugal organizan talleres de restauración e mantemento de hórreos para fortalecer os oficios tradicionais e que haxa capacidade para mantelos en pé, do mesmo xeito que en Cantabria, que recuperan hórreos case perdidos.
Fernández Coto advirte de que "en Galicia non temos mestres horreros, e iso causa a dificultade de atopar persoas que manteñan os hórreos en pé"
Fernández Coto advirte de que "en Galicia non temos mestres horreros, e iso causa a dificultade de atopar persoas que manteñan os hórreos en pé". Con todo, no encontro destacáronse dous exemplos de boas prácticas, tanto no Hórreo do Arco (Dodro) como no Hórreo das Quintas (Codeseda, A Estrada), un con recursos públicos e o outro privado, mostrando como se poden recuperar dous grandes hórreos que se atopaban en ruína.
"É posible e é necesario reactivar os hórreos para reanimar o pasado e que no futuro manteñamos o noso legado identitario", resume Fernández Coto, que conclúe que "non podemos pensar nos hórreos como estorbos ou pezas decorativas das nosas casas, senón como unha oportunidade de mantemento da nosa identidade, de algo que nos identifica e que, se o deixamos abandonado ou non o utilizamos correctamente, daremos imaxe penosa ao resto do mundo".
"Non podemos pensar nos hórreos como estorbos ou pezas decorativas das nosas casas, senón como unha oportunidade de mantemento da nosa identidade"
Ademais, no marco do encontro, o investigador Carlos Regueira (Muros, 1957) presentou o primeiro volume da Versión 2.0 do Atlas de Hórreos de Galicia, correspondente á provincia da Coruña. A obra dá continuidade ao Atlas de Hórreos de Galicia (2017). No libro, moi visual, o autor describe 72 variedades dos graneiros elevados en Galicia, ademais de facer un percorrido pola historia dos hórreos no país dende as súas orixes ata a súa proliferación por todo o territorio a partir da chegada do millo e, finalmente, a incorporación de novos materiais. Regueira continuará coa publicacións dos tres volumes restantes, comezando polo correspondente a Lugo.