Hórreos, cabazos, piornos, canastros... Estas construcións tradicionais tan estendidas en Galicia, dedicadas dende antigo a secar e gardar o gran, constitúen un valioso patrimonio material que tamén se pode atopar noutros lugares da Península, especialmente en Asturias e no norte de Portugal, pero tamén en Cantabria, País Vasco, Navarra e León.
A declaración destaca o seu "valor cultural inmaterial insustituible" e subliña que moitos destes hórreos "atópanse actualmente en serio perigo; nalgunhas zonas case desapareceron e noutras, a pesar de seguir sendo numerosos, sofren unha clara decadencia
Calcúlase que en todo o planeta existen uns 70.000 hórreos, dos que 30.000 estarían situados en Galicia, uns 20.000 en Asturias e 15.000 no norte de Portugal (espigueiros). Os restantes 5.000 repartiríanse entre Cantabria, País Vasco, Navarra e León, pero tamén en Suíza, Suecia, Romanía, Turquía, Xapón ou Laos.
Este venres tivo lugar unha xuntanza virtual entre representantes de asociacións culturais e sociais, responsables de patrimonio e expertos de todos estes territorios co obxectivo de intercambiar coñecemento, técnicas e aspectos xurídicos e patrimoniais de todas as áreas da península nas que hai hórreos (denominados cabazos, espigueiros, paneras, canastros, canizos ou cabaceiras..., entre outros nomes). O encontro, que levaba tempo sendo preparado, buscaba tamén homoxeneizar criterios de protección e facer forza fronte ás Institucións para que velen pola súa protección e conservación "como establece o artigo 46 da Constitución", lembra a Asociación para a defensa do Patrimonio Galego (Apatrigal).
Calcúlase que en todo o planeta existen uns 70.000 hórreos, dos que 30.000 estarían situados en Galicia, uns 20.000 en Asturias e 15.000 no norte de Portugal (espigueiros)
Ademais, os e as participantes no encontro asinaron unha declaración conxunta destinada a "camiñar cara a obxectivos comúns que consideramos primordiais neste século XXI no que a agricultura está a sufrir modificacións estruturais" e no que se corre o risco de perder os hórreos. A declaración destaca o seu "valor cultural inmaterial insustituible" e subliña que moitos destes hórreos "atópanse actualmente en serio perigo; nalgunhas zonas case desapareceron e noutras, a pesar de seguir sendo numerosos, sofren unha clara decadencia. "A desaparición da función para a que foron concibidos, unida á errónea política de cargar a súa conservación sobre as poboacións rurais, pode supor que, en pouco tempo, a perda convértase en irreparable", alértase no documento.
As entidades que participaron na xuntanza traballan para homoxeneizar criterios de protección e facer forza fronte ás institucións para que velen pola súa protección e conservación
O texto sinala que "en moitos casos trátase de pezas únicas que, elaboradas con elementos naturais, reflicten de forma inigualable como o enxeño humano foi capaz de resolver un problema real mediante a creación destas pezas que perviven a través dos tempos". Moitos dos exemplares en perigo proceden dos séculos XV, XVI, XVII, XVIII e XIX, "a través dos que se pode seguir a evolución no tempo de cada territorio dunha maneira moi precisa e certa utilizando esta fonte indirecta".
O documento conclúe que os hórreos (cualificados de forma xenérica como graneiros e almacéns de provisións elevados sobre o chan) "son construcións a protexer polo seu elevado valor cultural material, inmaterial e paisaxístico" e que, como patrimonio "que se atopa en perigo", é preciso "realizar políticas de protección e de posta en valor que aborden coherentemente as distintas situacións nas que se atopa en cada territorio".
A xuntanza manifestou a oportunidade de "explorar as posibilidades existentes" para a declaración dos celeiros elevados como Patrimonio da Humanidade da UNESCO (como patrimonio material, inmaterial ou mixto)
O texto insta a levar a cabo unha actuación coordinada das Comunidades Autónomas nas que aínda se conservan, a Administración Central e a sociedade civil organizada coa finalidade de protexelo, incluíndoo nos Plans Nacionais de Arquitectura tradicional e Patrimonio Inmaterial. Finalmente, a xuntanza manifestou a oportunidade de "explorar as posibilidades existentes" para a declaración dos celeiros elevados como Patrimonio da Humanidade da UNESCO (como patrimonio material, inmaterial ou mixto).
Na xuntanza, que foi convocada pola Asociación de Amigos del Hórreo Asturiano en colaboración co concejo de Carreño e a Consejería de Cultura, Política Lingüística y Turismo do Principado de Asturias participou Apatrigal (representado polo seu presidente Carlos Henrique Fernández Coto), o responsable de Patrimonio etnográfico da Deputación Foral de Bizkaia, a Xefa do Servizo de Patrimonio Histórico de Navarra, a coordinadora do Plan Nacional de Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial do Instituto de Patrimonio Cultural de España e representantes de entidades como a Asociación Cultural la Brusenda de Felechas.
Apatrigal considera que esta declaración constitúe "un paso importante para a conservación deste símbolo do noso pobo"
Apatrigal anuncia que vai solicitar xuntanzas co Conselleiro de Cultura, coa Directora Xeral de Patrimonio, con representantes das tres universidades galegas, co Consello da Cultura Galega, co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e outras institucións para "informalos e animalos a incorporarse ao grupo de traballo sobre os hórreos".
Castelao elevou o hórreo a símbolo de fartura, e así ficou convertido no emblema da editorial Nós. "Fartura de corpo e de espíritu, ese ten que ser o noso país", díxolle Castelao a Ánxel Casal cando lle entregou o gravado de onde despois se obtivo a imaxe, como recolle Ernesto Vazquez Souza en A fouce, o hórreo e o prelo: Ánxel Casal ou o libro galego moderno. Apatrigal considera que esta declaración constitúe "un paso importante para a conservación deste símbolo do noso pobo".