'O que arde' enche auditorios no inicio da súa andaina polas pantallas galegas

O público ateiga a praza do Concello de Navia de Suarna durante a proxección d'O que arde © Miramemira/Númax Distribución

O que arde converteuse o pasado verán no primeiro filme en galego proxectado en versión orxinal no Festival de Cannes. E fíxoo, ademais, con premio. Dende que comezou a ser proxectada en diversos certames internacionais, a obra de Oliver Laxe recibiu numerosos galardóns. O máis recente, o premio San Sebastián – Guipuzkoa Film Commission no Festival de Donostia. O prestixioso certame vasco foi a última parada do filme antes do inicio da súa andaina galega, na que o traballo de Laxe está a encher auditorios mesmo antes de chegar ás salas comerciais.

Navia de Suarna, Ourense e Santiago acollen as primeiras proxeccións galegas do filme de Oliver Laxe tras o seu éxito internacional e ás portas da súa estrea nas salas comerciais o vindeiro 11 de outubro

A estrea galega d'O que arde tornou, o pasado domingo, en toda unha homenaxe á contorna na que foi rodada a película, Os Ancares. A veciñanza de Navia de Suarna botouse á rúa para ateigar a praza do Concello e asistir ao primeiro pase oficial da fita. Benedicta Sánchez e Amador Arias, protagonistas do filme, foron aclamados pola vila xunto ao propio director. Laxe amosou ademais a súa ollada aos Ancares plasmada nunha peza realizada en colaboración co Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo. 

A andaina galega d'O que arde continuou en Ourense, onde Oliver Laxe combina a presentación da película coa participación nas actividades formativas e divulgativas do Ourense Film Festival (OUFF). O obradoiro no que o director explicou o proceso creativo por tras da película esgotou todas as prazas, o mesmo que sucedeu co primeiro pase da película no propio festival.

No OUFF Oliver Laxe amosou diversas versións do guión da película, detívose en secuencias especialmente complexas e en atrancos do propio proceso. "Falo da miña familia, de min, dos meus traumas, non escondo nada", afirmou.

Tras Navia de Suarna e Ourense, a terceira parada d'O que arde polas pantallas galegas é no festival Curtocircuíto de Santiago. Este 1 de outubro acolleu no Teatro Principal compostelán unha preestrea do filme á que asistiron varias das principais autoridades do país, a comezar polo presidente da Xunta. 

Todo isto cando restan menos de dúas semanas para a estrea comercial d'O que arde. Chega ás salas o día 11 da man de Numax Distribución.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.