Grazas, Oliver Laxe!

Unha escena d'O que arde © Númax / Miramemira
Texto escrito polo seu autor na variante extremo oriental do galego, o galego naviego

Por sentíreste naviego e por levar Navia e Os Ancares (Cervantes, Becerreá…) polo mundo enteiro. É sabido: na maioría das persoas prende o amor polo noso torrón primeiro, polas raíces. Pero non sempre acontece, tamén hai quen renega... E ti demostrache de sobra ese teu amor polos prados dos teus antepasados, polos montes, polos soutos, polas reboleiras… Polas leiras, inzadas agora de toxos e xestas… Coñeciche e viviche Vilela neses períodos vitais que quedan gravados a lume no mapa da memoria das persoas que son a infancia e a adolescencia. Aquela Vilela postmedieval na que pasabas os vraus cuando volvías cos teus pai e nai de vacaciois á casa dos avós. Tempo suficiente pre aprehendela e facela túa. Medrache e madurache como persoa polos camiños da vida que che tocou tripar… E deche en atopar o teu sitio neste enigma chamado vida e en expresar o teu talento persoal e libre na pantalla da sétima arte. E regresache ó leito. Pre mamar e integrar os seus valores máis fondos cunha mirada xa adulta. 

Censáchete en Navia, apostache por Navia e, agora, creache esta xoia de filme que guarda as esencias todas da nosa terra ancaresa; mesmo, a nosa fala. Por amor. E porque sabes, tu, que es home intelixente, mui intelixente, porque sabes ben que o orixinal, o universal, ta nas raíces

Censáchete en Navia, apostache por Navia e, agora, creache esta xoia de filme que guarda as esencias todas da nosa terra ancaresa; mesmo, a nosa fala. Por amor. E porque sabes, tu, que es home intelixente, mui intelixente, porque sabes ben que o orixinal, o universal, ta nas raíces. De eí nace este O que arde que marabilla eilí onde chega: Cannes, Toronto, Nova Iork, Roma, Donosti… Ou na Proba de Navia de Suarna (Lugo), o teu solar de referencia.

E grazas, como non, por ter ese xesto pequenín, pero de enorme valor afectivo e simbólico, de estrear o teu-noso filme na praza grande desta fermosa vila que esmorece de tristura e de desleixo; e, á par, igualmente, todo o concello. Percibín na veciñanza unha ilusión, unha emoción, unha alegría colectiva indescritibles; palpábase no aire… Unha sobrecarga de autoestima, como pobo, impagable, Óliver. Todas as naviegas e naviegos sentimos ese orgullo, ben entendido, de selo contigo. Tou seguro de que tu tamén te sentiche querido… De ben nacidas e ben nacidos é ser con que é. Simbiose perfecta. 

Grazas, tamén, muitas, a todo o equipo que traballou no proxecto. Non vou nomear a naide, por alixeirar. Pero voume permitir facer unha única excepción: Luís Bértolo, axudante de dirección da película; outro talento con raíces naviegas que non puido tar presente na estrea por compromisos profesionais. Mágoa, sentino por el. E, aínda, agradecerlles ás produtoras, á distribuidora e ó resto de entidades e instituciois que empuxaron o ter crido e apostado pola proposta de Laxe.

A omnipresencia, totémica, telúrica, abraiante ou aloumiñante, da paisaxe. A música, brutal; os silencios, envolventes, por veces, desacougantes; as miradas, hipnotizadoras, engaiolantes, tenras… Que capacidade de comunicar e de crear complicidades! 

Outramente, a nivel persoal, grazas, Óliver Laxe, por acollerme neste proxecto e por deixarme aportar algo eilí onde se afirma a miña vocación: o amor por esa nosa fala, polo noso galego. Na escolla do grupo actoral (anoxo a palabra “casting”) non tuven muito éxito, é certo. Mais teño que dicir, moi axiña, que esa escolla foi afortunadísima. Quen mellor ca Benedicta e Amador pre faceren de Benedicta e de Amador?! Insuperables! Dende a miña intuición de simple afeccionado ó cinema, sen coñecementos técnicos nin muitas horas de butaca, intúo a grandeza global da obra. Confeso admirado que me encantan muitas cousas da “peli”. Pero, máis aló dese valor de documento que recolle e reflicte esa esencia dun espazo e dun tempo prá historia, percibo e sinto no máis fondo do meu ser a poética e a forza das imaxes, que te posúen coma lóstregos de beleza. A omnipresencia, totémica, telúrica, abraiante ou aloumiñante, da paisaxe. A música, brutal; os silencios, envolventes, por veces, desacougantes; as miradas, hipnotizadoras, engaiolantes, tenras… Que capacidade de comunicar e de crear complicidades! Terra, auga, aire, lume… Persoas…

Unha película local feita con talento e amor que acada a categoría de universal… Si, a ver se queimamos os complexos!

Tamén quería determe un case nada nalgo que sempre me deu que cavilar: o poder determinante do azar. O meu pai chamáballe destino. Sempre deloucei e delouzo muito nisto. Quen lles había dicir a Benedicta e a Amador que lles había acontecer isto na vida… E a calquera das persoas, maioritariamente labregas, rurais, anónimas, que participaron na gravación da película. Que agasallos nos dá a vida ás veces… Outras, cornadas, é certo. Quen coñeza Son D´Aldea, ese rebumbio teatral popular en escenarios naturais que acontece unha vez ó ano en Palas de Rei, sabe da calidade e da capacidade que muitas persoas anónimas posúen prá interpretación. Sen formación específica algunha, máis aló da que a vida e o seu talento natural lles concedeu, son quen de expresar vivencias propias ou alleas de maneira tan natural e crible coma calquera actriz ou actor profesionais. Maxia pura. Pois isto mesmo se dá en O que arde, onde as e os intérpretes de máis peso, acompañadas con paciencia e con amor, actúan con tal solvencia que pasarían por profesionais do oficio. Pero a vida, o azar, o destino, levouas por outro camín… 

E, pre rematar, lembrar, por se alguén aínda non ol sabe, que o día 11 de outubro O que arde invadirá as pantallas dos cines galegos. E arderá Galicia. De orgullo e de beleza. E arderán complexos. Unha película de presuposto pequeno, rodada con actores e actrices que se puxeron diante dunha cámara por primeira vez, é capaz de namorar o mundo. Unha película rural que fala en galego, na súa variante oriental, propia do ámbito onde suceden os feitos, conquista a sensibilidade e a emoción de persoas de todo o planeta. Unha película local feita con talento e amor que acada a categoría de universal… Si, a ver se queimamos os complexos!

Grazas, Óliver Laxe!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.