Dende esta semana O que arde, o último filme de Óliver Laxe, pode verse nos cines franceses. A película, rebautizada como Viendra le Feu, proxéctase en galego con subtítulos nun total de 55 salas, ao redor do dobre que o farán en España a partir da súa estrea o vindeiro 11 de outubro.
Viendra le Feu proxéctase en galego con subtítulos nun total de 55 salas en toda Francia
Calcúlase que no Estado serán unha trintena de cines os que a proxecten, tamén en versión orixinal. En Compostela poderá verse un chisco antes, no marco do festival Curtocircuito, que se celebrará en Santiago do 28 de setembro ao 6 de outubro. O que arde proxectarase o 1 de outubro no Teatro Principal nunha sesión especial que contará coa presenza do realizador e de Amador Arias e Benedicta Sánchez, os protagonistas do filme.
Laxe asistiu este mércores á presentación da película nos cines MK2 Beaubourg de París, acompañado de parte do equipo da produción. E este mércores fará o mesmo no tamén parisino Cinéma Le Méliès. O filme conta con coprodución francesa a través da compañía 4 a 4 Productions, xunto a Miramemira, Tarantula e Kowalski Films, e está distribuído internacionalmente por Pyramide Films. A estrea en España terá lugar o vindeiro 11 de outubre, a cargo de NUMAX Distribución.
'O que arde' obtivo o Premio do Xurado da Sección Oficial do Festival de Cannes e o Premio á Mellor Creación Sonora. O filme, que vén de convertirse nun dos catro españois seleccionados nos Premios do Cinema Europeo, terá a súa estrea estatal no festival de San Sebastián neste mes de setembro. Ademais, nos próximos meses competirá nalgúns dos festivais internacionais máis prestixiosos como Toronto ou Nova York.
Calcúlase que en España serán unha trintena de cines os que a proxecten, tamén en versión orixinal
Ademais dos premios e recoñecementos en festivais, a película está a colleitar un excelente recibimento por parte da crítica, tamén en Francia, onde vén de ser cualificada como "unha oda á natureza e a Galicia" polo xornal La Montagne. O que arde "funciona como unha fogueira emocional: toma o corpo dun golpe, tratamos de acalmar o seu ardor, debilítase e despois recomeza máis fermoso", pódese ler noutra das críticas publicadas nos últimos días.
Sobre ela, outros críticos dixeron, por exemplo, "unha película dunha beleza tan provocadora como hipnótica", “Dunha potencia visual exuberante” ou “Unha obra bela e melancólica, dunha sensibilidade penetrante”.