No Festival de Cine de Donostia a película competirá na sección 'Perlas' xunto a algúns dos títulos máis importantes da tempada
Falta menos dun mes para que O que arde se poida ver nas salas de cine comerciais de toda España. A terceira longametraxe de Óliver Laxe estrearase o vindeiro 11 de outubro. Antes pasará aínda por dous festivais, o de Donostia, que comeza este venres, e o Curtocircuito compostelán.
No Festival de Cine de San Sebastián a película competirá na sección 'Perlas' xunto a algúns dos títulos máis importantes da tempada. O que arde terá cinco pases, os días 23, 24 (por duplicado), 25 e 26 e en Donosti Óliver Laxe estará acompañado do equipo ao completo da produción, comezando polos protagonistas do filme, Amador Arias e Benedicta Sánchez.
O que arde proxectarase o 1 de outubro no Teatro Principal de Compostela nunha sesión especial
O que arde gañou o Premio do Xurado no Festival de Cannes - Un Certain Regard e foi seleccionado en máis de 40 festivais de gran prestixio internacional, entre eles os de Nova York e Toronto, que veñen de celebrarse. A película, producida por Miramemira, Tarantula , 4 a 4 Productions e Kowalski Films, está distribuída no Estado español por NUMAX Distribución.
Calcúlase que en España serán unha trintena de cines os que a proxecten, sempre en versión orixinal. En Compostela poderá verse un chisco antes, no marco do festival Curtocircuito, que se celebrará en Santiago do 28 de setembro ao 6 de outubro. O que arde proxectarase o 1 de outubro no Teatro Principal nunha sesión especial que contará coa presenza do realizador e de Amador Arias e Benedicta Sánchez, os protagonistas do filme.