'Hierro', a serie de Jorge Coira, leva catro premios e 'Quen a ferro mata', de Paco Plaza, tres, entre eles o de Mellor Actor de Reparto para o falecido Xan Cejudo
Premios internacionais, premios estatais, filme en galego máis visto nas salas e, agora, premios tamén na casa. O que arde, de Óliver Laxe, converteuse na noite deste sábado na película gañadora da XVIII edicións dos premios Mestre Mateo do audiovisual galego, obtendo seis das doce categorías nas que estaba nominada: Mellor Longametraxe (Miramemira, 4A4, Kowalski Films e Tarántula), Mellor Dirección (Oliver Laxe), Dirección de Arte (Samuel Lema e Curru Garabal), Dirección de Fotografía (Mauro Herce), Montaxe (Cristóbal Fernández) e Son (David Machado, Amanda Villavieja, Sergio Vila e Xavi Souto).
Por tras da película de Laxe, a seguinte premiada foi Hierro, a serie dirixida por Jorge Coira, que conseguiu catro dos dezaseis galardóns a que optaba: Mellor Serie de Televisión (Portocabo, Movistar+, ArTe France e Atlantique Productions), Dirección de Produción (Ana Míguez), Guión (Pepe Coira, Fran Araújo, Araceli Gonda, Coral Cruz e Carlos Portela) e Música Orixinal (Elba Fernández e Xavi Font).
Quen a ferro mata, de Paco Plaza, que chegaba con quince candidaturas, obtivo tres premios: Mellor Actor de Reparto (para o falecido Xan Cejudo), Actriz de Reparto (María Vázquez) e Maquillaxe e Perruquería (Susana Veira e Beatriz Antelo).
Da adaptación para a pantalla grande do éxito teatral da compañía Chévere Eroski-Paraíso foron recoñecidos os seus intérpretes principais: Miguel de Lira e Patricia de Lorenzo, nas categorías de Actor e Actriz Protagonista. Dous galardóns obtivo tamén Segredos, desmontando Galicia: o de Mellor Programa de Televisión e Mellor Realización para Marcos Barrios Carreira.
Manoliño Nguema, producido por Filmika Galaika, gañou o premio ao Mellor Documental mentres que Antes de perder, de RTVE e Cósmica Producións, se fixo co premio á Mellor Serie Web. 16 de decembro, dirixida por Álvaro Gago, conquistou o de Mellor Curtametraxe de Imaxe Real e Homomaquia de David Fidalgo Omil o de Mellor Curtametraxe de Animación. Santiago cidade de cinema, de Islandia Producciones, fixo o propio co de Mellor Anuncio e Esquimales (Heredeiros da Crus) de Xaime Miranda, co premio ao Mellor Videoclip.
O traballo de María Fandiño en Lobos e Cordeiros acadou o premio á Mellor Vestiario, mentres que Lucía Regueiro obtivo o premio de Mellor Comunicadora polo seu traballo en Bamboleo.
O Premio de Honra Fernando Rey foi para o proxeccionista do CGAI-Filmoteca de Galicia José María Rodríguez Armada, Chema.
Ademais de premiar a excelencia dos profesionais e producións do ano, a Academia aproveita os Mestre Mateo para recoñecer a traxectoria de profesionais relevantes do audiovisual en Galicia co Premio de Honra Fernando Rey, que este ano foi para o proxeccionista do CGAI-Filmoteca de Galicia José María Rodríguez Armada, Chema.