- VÍDEO | Vinte almorzando con Óliver Laxe
É o filme en galego máis visto da historia nas salas comerciais de cinema. Encadeou múltiples recoñecementos en festivais internacionais, dende Cannes a Toronto pasando polos premios Gaudí, mentres cativaba o público dentro e fóra de Galicia. E agora, tamén conta no seu palmarés con dous premios Goya.
O que arde foi recoñecida na gala celebrada este sábado en Málaga con dous galardóns. O primeiro da noite, para Benedicta Sánchez como mellor actriz revelación. E tamén a distinción á mellor dirección de fotografía, que levou Mauro Herce. As outras dúas categorías ás que era candidata a película de Oliver Laxe, mellor dirección e mellor filme, premiaron Dolor y gloria, de Pedro Almodóvar.
Unha emocionada Benedicta Sánchez dedicou o premio, ficando case "sen palabras" á súa familia, a Oliver Laxe e a Galicia
Unha emocionada Benedicta Sánchez agradeceu o premio ficando case "sen palabras". "A vida dáche sorpresas e esta é unha moi grande de toda a miña existencia", dixo a agora actriz, que sendo xa octoxenaria chegou á interpretación a través do casting organizado por Oliver Laxe para rodar o filme nos Ancares, ao que a levou á súa filla, para a que tivo tamén palabras de agradecemento. Tamén para os seus netos: "No se olviden de la yaya", dixo con agarimo.
Benedicta Sánchez foi tamén especialmente agarimosa co director do filme. "Non creo que haxa princesa á que lle desen un trato tan marabilloso", eloxiou antes de dedicarlle o galardón a Galicia, "a miña terra meiga".
Na súa quenda de agradecemento, Mauro Herce dixo non agardar a distinción como mellor director de fotografía. Lembrou especialmente os bombeiros forestais cos que traballou o equipo do filme e que, evocou, "velaron por nós" durante o traballo do filme.
Outro Goya para o audiovisual galego
Outro dos galardóns da noite tocou tamén ao audiovisual galego. Foi o conseguido por Enric Auquer, galardoado como mellor actor revelación por Quien a hierro mata. O actor culminou o seu agradecemento dedicando a distinción a "todas as antifascistas do mundo". O filme, protagonizado por Luís Tosar, é unha produción da galega Vaca Films.