O filme opta a catro galardóns, entre eles o de mellor película, mellor dirección (Óliver Laxe), mellor actriz revelación (Benedicta Sánchez) e mellor fotografía
O que arde continúa a recibir recoñecementos, que suma ao seu éxito de público e crítica. Desta volta, nas nominacións aos Premios Goya, nos que o filme opta a catro galardóns, entre eles o de mellor película, mellor dirección (Óliver Laxe), mellor actriz revelación (Benedicta Sánchez) e mellor fotografía.
Os premios entregaranse o vindeiro 25 de xaneiro en Málaga, nunha noite na que o cinema galego estará moi ben representado. Ás opcións de O que arde súmanse as de Luís Tosar (mellor actor protagonista), Santi Prego (mellor actor revelación), Eligio Montero (mellor guión adaptado) ou a curta de animación Homomaquia, que acadaron tamén cadansúa nominación.
Ás opcións de O que arde súmanse as de Luís Tosar (mellor actor protagonista), Santi Prego (mellor actor revelación), Eligio Montero (mellor guión adaptado) ou a curta de animación Homomaquia
Mientras dure la guerra, de Alejandro Amenábar, suma 17 candidaturas. Unha máis que Dolor y gloria, de Pedro Almodóvar, que acadou 16 nominacións. Os dous filmes son os dous grandes favoritos desta edición dos Premios Goya e con eles compite O que arde na categoría de mellor película (na que tamén está nomeada Intemperie, de Benito Zambrano) e mellor dirección (á que tamén opta La trinchera infinita de Aitor Arregi, Jon Garaño e José Mari Goenaga).
Benedicta Sánchez, de 84 anos e nacida no Corgo, foi outra das grandes alegrías na relación de nominacións. Chegou a O que arde a través dun casting no que Óliver Laxe viu que era a protagonista perfecta para o seu filme. Anteriormente estivera emigrada no Brasil, onde foi fotógrafa social e regresou a Galicia en 1979, separada e cunha filla. Vegana dende os anos cincuenta, sorprendeu a todo o mundo bailando unha muiñeira na alfonbra vermella do Festival de Cannes.
O que arde opta, ademais, ao premio á mellor fotografía, a través do catalán Mauro Herce, director de fotografía en máis de vinte longametraxes.
O audiovisual galego sumou un total de 10 nominacións. Ademais dos premios aos que opta O que arde, destacan as candidaturas de Luís Tosar (nomeado ao premio ao mellor actor protagonista por Quen a ferro mata) e Santi Prego (nomeado ao premio ao mellor actor revelación por Mientas dure la guerra).
O audiovisual galego suma un total de 10 nominacións
Luís Tosar ten xa tres Premios Goya (Celda 211, Te doy mis ojos e Los lunes al sol) e suma outras catro nominacións. Pola súa banda, Santi Prego acada a súa primeira nominación grazas á interpretación que fai de Francisco Franco. Nacido en Vigo en 1962, na actualidade é mestre na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e acumula unha longa traxectoria, con interpretación nunha vintena de obras de teatro, outras tantas longametraxes e unha ducia de series de televisión, cun gran número de papeis como actor de reparto.
O coruñes Eligio Montero está tamén nomeado ao premio ao mellor guión adaptado, xunto con Salvador Simó, polo filme de animación Buñuel en el laberinto de las tortugas. Licenciado en Psicoloxía pola USC e titulado en Produción e Realización Audiovisual pola Escola de Imaxe e Son da Coruña, é guionista profesional de televisión.
A animación galega, que tantas alegrías e premios trouxo para o audiovisual do país, está tamén representada nas nominacións dos Goya a través de Homomaquia, unha curtometraxe producida por Chelo Loureiro que amosa un mundo onde os seres humanos son tratados como estes tratan os animais, establecendo unha forte metáfora sobre a tauromaquia e unha clara denuncia do maltrato animal.
A estas nominacións hai que sumar as outras dúas recibidas por Quen a ferro mata, filme producido pola empresa galega Vaca Films. Ademais da nominación para Tosar, a película opta aos galardóns de mellor actor revelación e mellor son