Ao longo de todo o mes de febreiro e ata o 21 de marzo proxectaranse nos Cines Códax de Lugo todos os filmes finalistas nos Mestre Mateo e haberá coloquios cos equipos que os fixeron posible
A Academia Galega do Audiovisual presentou este mércores en Lugo a programación “máis variada e extensa” que converterá a cidade no centro do noso audiovisual como antesala da celebración da gala de entrega dos Premios Mestre Mateo. Ao longo de todo o mes de febreiro e ata o 21 de marzo proxectaranse todos os filmes finalistas e haberá coloquios cos equipos que os fixeron posible.
A presidenta da Academia Galega do Audiovisual, Lucía Veiga, fixo fincapé en que o obxectivo é achegar á cidadanía a festa do audiovisual galego e fomentar a súa participación activa. Para este fin contan co apoio da Deputación de Lugo e mais do concello lucense. Os festexos comezan o 3 de febreiro co anuncio das e dos finalistas n'O Vello Cárcere, que será aberto ao público.
O comunicador Juan Fuentes, coñecido por presentar o programa Quen anda aí? da TVG e gañador do Premio Mestre Mateo a Mellor Comunicador, e a actriz Andrea Fernández, finalista a un Premio Mestre Mateo na categoría de mellor actriz polo seu papel no filme de Sonia Méndez As Neves serán os encargados da lectura de finalistas do 3 de febreiro.
Quen presentará a gala é un dos segredos mellor gardados ata o momento, pero os seus nomes serán desvelados durante o transcurso do anuncio de finalistas desde O Vello Cárcere.
O filme gañador do novo premio especial do público anunciarase na xuntanza de finalistas previa á gala, prevista para o 6 de marzo no Museo Interactivo da Historia de Lugo
A gala dos Mestre Mateo terá lugar o 21 de marzo no Auditorio Fuxan os Ventos de Lugo. A cidade converterase no epicentro do audiovisual galego, posto que asistirán un total de 900 persoas. A gran noite do cinema e da creación audiovisual contará coa tradicional alfombra vermella, pola que desfilarán rostros destacados do sector, profesionais finalistas e personalidades do ámbito cultural e institucional.
“Cremos que Lugo merece ser a casa dos Mestre Mateo por méritos propios, reivindicamos a provincia e reivindicámonos nós mesmas como centro. Queremos que isto sexa un punto de inflexión para todas, pois acoller por primeira vez estes premios tras 24 edicións é un fito”, salientou a deputada provincial de Cultura, Iria Castro, quen incidiu en que dende Lugo tamén se lideran e producen proxectos audiovisuais que emocionan.
A concelleira de Cultura lucense, Maite Ferreiro, destacou que Lugo é “canteira” do audiovisual, profesionais que son “as mellores embaixadoras” da cidade. “En Lugo temos un pobo que desfruta coa cultura e esta programación é unha maneira de crear demanda para que nos esixan ás políticas e aos políticos que a cultura é algo noso e que fai país. Traballamos pola igualdade e pola paz. Neste mundo tan convulso temos que conseguir que a cultura nos una”, evidenciou.
Pola súa banda, Carmen Méndez, vicepresidenta da Academia Galega do Audiovisual, avanzou que por primeira vez o público vai ter a oportunidade de votar polo seu filme preferido. O premio especial do público anunciarase xunto aos outros galardóns especiais de promoción da lingua e fomento da sostibilidade na tradicional xuntanza de finalistas previa á gala, prevista para o 6 de marzo no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL).
En febreiro e marzo a cidadanía terá a posibilidade de asistir ás proxección das longametraxes e documentais finalistas nos Cines Códex, que contarán coa presentación dos equipos das obras
Unha vez coñecidos os finalistas, o público de Lugo terá a posibilidade de asistir ás proxección das longametraxes e documentais finalistas nos Cines Códex, que contarán coa presentación dos equipos das obras. As sesións serán gratuítas, de acceso libre ata completar capacidade e celebraranse o martes 10, mércores 11, mércores 18, xoves 19, martes 24 e mércores 25 de febreiro, así como o martes 3 e mércores 4 de marzo ás 19 horas. A guionista Clara Coira será a encargada de moderar os coloquios cos equipos dos filmes.
O público asistente a estas proxeccións poderá participar na iniciativa Pasaporte Mestre Mateo, coa que recibirán un agasallo oficial e unha entrada de acceso ao espectáculo especial para seguir a gala do 21 de marzo. Desde un dos escenarios do propio Auditorio Fuxan os Ventos o cómico Rafa Durán acompañará ao público que se achegue a seguir a gala, cun photocall exclusivo.
O público de Lugo tamén poderá coñecer de primeira man segredos e aspectos ocultos da gala da man dos seus protagonistas
Ademais de poder ver en pantalla grande as obras finalistas, o público de Lugo tamén poderá coñecer de primeira man segredos e aspectos ocultos da gala da man dos seus protagonistas en sendos encontros. O 20 de febreiro, no salon de actos da Deputación de Lugo, os responsables de organización e prensa da gala falarán dos aspectos máis descoñecidos da organización interna do evento nunha charla titulada Detrás dos Premios Mestre Mateo.
E o xoves 5 de marzo, no Auditorio do Vello Cárcere, organizarase un encontro cos presentadores da gala e co Premio de Honra, tamén de acceso libre ata completar aforo. Este encontro estará conducido e moderado por Pepe Capelán, presentador do programa Pensando en ti da Radio Galega.
Todas estas actividades organizadas pola Academia Galega do Audiovisual no marco da programación dos XXIV Premios Mestre Mateo son de acceso gratuíto ata completar capacidade. Para asegurar praza, as persoas interesadas poden escribir un correo electrónico ao enderezo actividades@academiagalegadoaudiovisual.gal ou chamar por teléfono á Academia (+34 633 24 56 39), indicando a actividade ou actividades ás que desexan asistir.