O cine galego na alfombra vermella: 'Sirât' opta aos Oscar a mellor filme internacional e mellor son

Oliver Laxe e Sergi López co premio do xurado do Festival de Cannes o 26 de maio en Santiago CC-BY-SA Ana G. Liste/Praza.gal

O vindeiro 15 de marzo coñecerase se a película dirixida por Óliver Laxe acada algúns dos galardóns. Terá a dura competencia da brasileira O Agente Secreto (Kleber Mendonça Filho) e a norueguesa Affeksjonsverdi (Valor sentimental, de Joachim Trier)

Sirât estará na alfombra vermella. Os Oscar deron a coñecer este xoves os finalistas para a 98ª edición do premio máis importantes do cine e o filme dirixido por Óliver Laxe optará finalmente a dous galardóns. Por unha banda, é candidato na categoría de mellor película internacional, na que competirá sobre todo coa brasileira O Agente Secreto (Kleber Mendonça Filho) e coa norueguesa Affeksjonsverdi (Valor sentimental, de Joachim Trier). Tamén son finalistas Un simple accident (Jafar Panahi) e a tunesina Sawt al-Hind Rajab (A voz de Hind, de Kaouther Ben Hania).

Os premios entregaranse o vindeiro 15 de marzo. É a primeira vez que un director galego ve como unha das súas películas opta a un Oscar. Non o terá doado o filme dirixido por Óliver Laxe ante as películas de Kleber Mendonça e Joachim Trier, finalistas en varias categorías, entre elas a de mellor película. 

Sirât compite con outros catro filmes na categoría de mellor película internacional ©

 No apartados de mellor son Amanda Villavieja, Lola Casanovas e Yasmina Praderas acadaron o fito de converterse no primeiro equipo exclusivamente feminino en ser candidato nesta categoría

Pero Sirât tamén compite fóra da categoría reservada para as películas de fala non inglesa. O filme é finalista na categoría de mellor son, un apartado do que son responsables Amanda Villavieja, Lola Casanovas e Yasmina Praderas, que xa acadaron o fito de converterse no primeiro equipo exclusivamente feminino en ser candidato ao Oscar nesta categoría. 

Neste apartado o filme dirixido por Óliver Laxe compite con Frankenstein, Sinners, F1 e Unha batalla tras outra, unha das favoritas a converterse da triunfadora da noite en varias categorías pois é, de feito, a segunda produción que suma máis finalistas.

A película dirixida por Paul Thomas Anderson opta a 13 premios, só por detrás de Pecadores (Sinners, de Ryan Coogler), que pode obter 16. Por detrás aparece Frankenstein de Guillermo del Toro. Outras producións destacadas que aspiran a se converter na mellor película do ano son Hamnet, de Chloé Zhao, e Marty Supreme, de Josh Safdie, ademais da xa comentada Valor sentimental, de Joachim Trier.

Sirât opta tamén ao premio na categoría de mellor son, apartado do que son responsables Amanda Villavieja, Lola Casanovas e Yasmina Praderas ©

Sirât continúa coa senda de éxitos nos distintos premios cinematográficos. Un camiño que iniciou en maio co Premio do Xurado en Canne e que continuou nos Premios do Cine Europeo, con cinco galardóns, nos Globos de Ouro, con dúas nominacións. Ou nos Premios Goya, que se entregarán o vindeiro 28 de febreiro, e nos que o filme de Óliver Laxe opta a 11 galardóns.

Oliver Laxe e Sergi López durante a rodaxe de 'Sirât' © Quim Vives

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.