O novo órgano estaba contemplado na lei de Acción Exterior aprobada hai máis de tres anos e é constituído un ano despois do decreto que o creou
Un ano despois da súa creación por decreto, tres anos e medio despois de que así o obrigase unha lei e dez anos despois de que outra lei instase a promover este tipo de actuacións, este martes quedou constituído o Observatorio da Lusofonía Valentín Paz Andrade. Un órgano colexiado adscrito ao departamento da Xunta competente en materia de Acción Exterior e que contará co apoio da Secretaría Xeral da Lingua.
Hai máis de dez anos que se aprobou, en marzo de 2014, a Lei para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, a coñecida como Lei Paz Andrade. Aquel texto xa instaba aos poderes públicos galegos a promover "o coñecemento da lingua portuguesa e das culturas lusófonas" así como as "relacións a todos os niveis cos países de lingua portuguesa". Unhas referencias xenéricas que neste tempo veñen sendo desenvolvidas de xeito moi lento e parcial.
A comezos de 2021 outra lei, a reguladora da acción exterior de Galicia, estableceu no seu artigo 28 que "mediante un decreto do Goberno galego crearase o Observatorio da Lusofonía Valentín Paz Andrade, do que formarán parte as entidades galegas de relación con Portugal e co ámbito da lusofonía, e que terá como finalidade asesorar o Goberno, formular plans de acción e programar actividades de coñecemento, intercambio e programación". Pero esa obriga legal non tivo continuidade ata dous anos e medio despois, xa que non foi ata outubro do pasado ano que a Xunta aprobou o decreto de creación do Observatorio.
E seguiu pasando o tempo, porque aínda que o decreto establecía que "a sesión constitutiva do Observatorio terá lugar no prazo máximo de seis meses a partir da entrada en vigor deste decreto", esa sesión constitutiva non se realizou ata este martes, baixo a presidencia de Alfonso Rueda.
Rueda pide afondar "na percepción da enorme utilidade da nosa lingua" e na "apertura ao mundo que nos dá o galego"
Este martes, na constitución do Observatorio, Alfonso Rueda admitiu que xa a Estratexia Galega de Acción Exterior (Egaex), aprobada en 2015, fixaba "como prioridade estreitar lazos coa lusofonía". Así que para o presidente o novo observatorio vai "dar un maior impulso ás relacións sociais, culturais e económicas cos países lusófonos" .
Rueda fixo fincapé na necesidade de afondar, especialmente entre a xente nova, "na percepción da enorme utilidade da nosa lingua" e na "apertura ao mundo que nos dá o galego". Nesa liña, o presidente sinalou que son "máis de 5.000 os estudantes que están en Galicia aprendendo o portugués e toda a cultura que ten que ver coa lusofonía", cifra que apostou por poñer en valor e incrementar.
O Observatorio da Lusofonía está composto por representantes de diversos departamentos da Xunta vinculados coa lingua ou a acción exterior así como do Consello da Cultura Galega, as universidades, a Academia Galega da Lingua Portuguesa, a Real Academia Gaelga, a Associação de Docentes de Portugués na Galiza e outras entidades galegas relacionadas coa proxección internacional de Galicia e a lusofonía. Un Observatorio que agora ten outros seis meses de prazo para aprobar o seu regulamento de funcionamento interno, que prevé a posibilidade de crear comisións e grupos de traballo.