Esta semana o DOG publicou o decreto de creación do Observatorio da Lusofonía Valentín Paz Andrade, derivado da Lei Paz Andrade aprobada en 2014
O pasado martes o DOG publicou o decreto de creación do Observatorio da Lusofonía Valentín Paz Andrade, derivado da Lei Paz Andrade aprobada en 2014, que prevé a promoción "das relacións a todos os niveis cos países de lingua oficial portuguesa", que debe constituír "un obxectivo estratéxico do Goberno galego". E tamén previsto na Lei 10/2021, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, que dedica o título IV á Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e á lusofonía, coa intención de recoñecer e intensificar os lazos con todos os países de lingua oficial portuguesa.
O Observatorio busca "fomentar o consenso sobre as medidas que se deben adoptar para abordar as relacións coa lusofonía na Comunidade Autónoma, polo que se integran nel tanto a sociedade civil galega como as institucións con máis experiencia en relación coa lusofonía". O organismo tamén asesorará as administracións públicas galegas "na incorporación da perspectiva lusófona", ao tempo que actuará "de canle de divulgación da información de interese desa perspectiva para un coñecemento exhaustivo e permanentemente actualizado da realidade lusófona en e desde Galicia".
Entre as súas funcións estarán a de "identificar necesidades, obstáculos e oportunidades para Galicia na área da lusofonía", a "mellora dos niveis de consenso político e social ao redor da lusofonía"
Entre as súas funcións estarán a de "identificar necesidades, obstáculos e oportunidades para Galicia na área da lusofonía", a "mellora dos niveis de consenso político e social ao redor da lusofonía" e a de "fomentar a interacción, coordinación e colaboración entre o sector público autonómico, a empresa privada e a sociedade civil para a difusión e o coñecemento da lingua portuguesa en Galicia".
O Observatorio, que deberá "asesorar o Goberno, formular plans de acción e programar actividades de coñecemento, intercambio e programación", estará formado polas entidades galegas de relación con Portugal e co ámbito da lusofonía.
A asociación de Docentes de Portugués celebrou nun comunicado a nova da creación do novo organismo: as políticas de consenso arredor duma perspetiva lusófona para a Galiza terão tudo a ganhar com este novo organismo"
Entre os integrantes do Observatorio figurarán membros do Goberno galego, do IGAPE, da CRTVG, da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal, do Consello da Cultura Galega, da RAG, da Academia Galega da Lingua Portuguesa, do IGADI, da asociación Ponte nas Ondas ou da Associação de Docentes de Portugués na Galiza.
Precisamente, a asociación de Docentes de Portugués celebrou nun comunicado a nova da creación do novo organismo. "Queremos dar as boas-vindas ao novo espaço de encontro e mostrar a nossa vontade e entusiasmo para trabalharmos todos juntos no novo organismo. Acreditamos, conforme publicado na exposição de motivos, que as políticas de consenso arredor duma perspetiva lusófona para a Galiza terão tudo a ganhar com este novo organismo", sinala entidade, que engade que "acreditamos também que uma das pedras basilares dos planos de ação e programação poderá ser um apoio decidido ao ensino de português no nosso âmbito de atuação, pelo que não podemos mais do que felicitar o governo galego pelo novo organismo e pelas expectativas geradas a respeito"