Este sábado 58 aspirantes comezan as probas para se faceren cunha das catro prazas de portugués que por primeira vez na historia foron ofertadas pola Consellería de Educación
Este non é un sábado calquera para os docentes en Galicia, pois comezan as probas das oposicións de Educación, entre as que por vez primeira na nosa historia hai prazas para portugués. En concreto, hai oferta para catro docentes de portugués na Secundaria. Así se concreta a aposta do Goberno galego polo ensino desta lingua, cinco anos despois da entrada en vigor da Lei Paz Andrade onde se di que “é preciso fomentar o ensino e a aprendizaxe do portugués, co obxectivo, entre outros, de que empresas e institucións aproveiten a nosa vantaxe lingüística”.
Aínda que ninguén pode discutir esa vantaxe lingüística que reflicte a lei, o feito é que en Galicia estamos moi lonxe de aproveitala e as accións de promoción deste idioma por parte do Goberno son aínda ben poucas. Entrementres, os avances que se dan a prol do ensino do portugués teñen a súa orixe no empeño e esforzo persoal do profesorado, de galego na meirande parte dos casos, que cada curso ten que loitar para manter a oferta do portugués fronte ás outras opcións máis tradicionais no sistema educativo.
Desde a asociación Docentes de Português na Galiza cualifican como ridículo o número de prazas convocadas para este idioma nas oposicións, que se "debería ter multiplicado por cinco". Os docentes explican que o Goberno ten a responsabilidade e a obriga, por formar parte dunha Eurorrexión, de informar á sociedade de que ten dereito a que o portugués sexa impartido no ensino como primeira ou como segunda lingua estranxeira; e non o está a facer.
Os profesores de portugués lamentan o agravio comparativo que existe coa outra lingua alternativa coa que compiten nos centros, o francés, que supón o 7% do total de prazas convocadas e o 6,5% se só atendemos á oferta de Secundaria, con 55 sobre 834 prazas este ano. O portugués, pola súa banda, non chega ao 1% en ningún caso (supón o 0,22% do total e o 0,48% sobre as de Secundaria). Ás catro prazas pioneiras concorren un total de 58 aspirantes que, descontando as nove persoas de cambio de especialidade, equivale a uns 12 aspirantes para cada praza de portugués, fronte 2,5 profesores de francés por praza ofertada.
Os profesores lamentan o agravio comparativo que existe coa outra lingua alternativa coa que compiten nos centros, o francés, no número de prazas convocadas
O caso de Estremadura
A asociación explica que “cun mínimo de esforzo poderiamos chegar a ser os mellores a nivel mundial e non estamos a aproveitar esta vantaxe. En Estremadura están a poñer todo o seu empeño porque o ven como unha cuestión estratéxica e o portugués está en todos os plans de ensino, e crean contidos multilaterais do dous lados da fronteira”. A este respecto cómpre lembrar que en Estremadura hai arredor de 20.000 alumnos estudando portugués en Secundaria –fronte aos 2.800 de Galicia- e en 2018 convocou 14 prazas para profesores de portugués en Secundaria, e non era a primeira vez.
Os docentes de portugués en Galicia poñen en valor a intercomprensión que existe entre o galego e o portugués, pero “precisamente por iso, como o galego xa nos facilita ese achegamento a Portugal temos que poder recoñecelo mundialmente, temos que ter unha acreditación para iso e aí é onde a Xunta ten que pór os medios para que teñamos unha capacidade real sobre todo de escrita, porque eu podo entender moito ou o máis importante, pero se non teño unha capacidade de escrita formal e real nesa lingua, non vale de nada. Podemos ser os mellores nesa lingua, con niveles de excelencia, porque xa temos a base”, indican.
En Estremadura hai arredor de 20.000 alumnos estudando portugués en Secundaria –fronte aos 2.800 de Galicia- e en 2018 convocou 14 prazas en Secundaria, e non era a primeira vez
Outro aspecto que destacan desde a Asociación de Docentes de Português na Galiza está relacionado coa inclusión. Segundo explican, hai moita xente que ten dificultades para acceder ao inglés ou ao francés, pero o portugués é máis doado, máis próximo, e ese alumnado si que pode chegar a ter o recoñecemento nunha lingua estranxeira que igual no inglés ou no francés non acadaría. Hoxe en día é obrigatorio para todo estudante ter competencia nunha lingua estranxeira, no ensino básico e logo tamén no superior.
Roteiro polos centros galegos con máis alumnado de portugués
A poucos metros da fronteira con Portugal, no IES A Sangriña da Guarda está concentrado o alumnado máis numeroso que elixe portugués como primeira lingua, 33, dun total de 127 que o estudan. Carlos González Figueiras, docente de portugués, destaca o labor do seu antecesor, Alberto Viso, como responsable principal do importante crecemento da materia de portugués no centro. “Como por desgraza é habitual, este tipo de experiencias exitosas teñen máis que ver coa implicación e o bo traballo de persoas concretas do que con dinámicas de acción de responsabilidade política educativa, que non se caracterizan polo seu éxito no relativo ao impulso da lingua portuguesa no ensino galego. No centro temos un profesor de portugués a tempo completo e non é suficiente para responder á demanda do alumnado. Por este motivo, tamén a profesora de grego dá clases de portugués nos primeiros da ESO e contamos cunha lectora nativa que nos facilita o Ministério da Cultura de Portugal”, explica o profesor.
Figueiras, que dá aulas desde 2º da ESO a 2º de Bacharelato, detalla os resultados dunha enquisa realizada ao alumnado de portugués, da que se extraen conclusións moi interesantes como que a maioría das alumnas e alumnos opta por esta materia principalmente por motivacións de índole utilitaria (43%), entre as que poderiamos destacar un eventual futuro laboral no país veciño ou que implique unha relación comercial transfronteiriza derivada da proximidade. Tamén valoran a posibilidade de completaren estudos en Portugal, faceren viaxes a países lusófonos e o elevado número de falantes de portugués no mundo.
Ademais, unicamente o 6% do alumnado manifesta que a pretensión de evitar o inglés fose determinante e só 2% do total di ter escollido portugués pola súa facilidade.
Carlos G. Figueiras cre que o baixo número de estudantes de portugués en Galicia fronte ao de Estremadura, por exemplo, pódese explicar por diferentes motivos relacionados. “É moi habitual que as e os galegofalantes tendamos a pensar que, sen esforzo nin ampliación de coñecementos, estamos máis habilitados para comunicarnos cun lusófono que calquera outro habitante do Estado español”. Por outra banda, Figueiras concreta que o coñecemento profesional dunha lingua non se basea nunha mera intercomprensión entre falantes (que é o que os galegofalantes temos de vantaxe con respecto aos estremeños, por exemplo). O coñecemento profesional dunha lingua radica no coñecemento da súa norma culta, da súa escrita, do seu emprego nos ámbitos formais e dos negocios. Por isto último é polo que están a apostar os poderes públicos estremeños durante as dúas últimas décadas... e iso ten xerado innegábeis beneficios económicos para a súa poboación. Estremadura, non só é a comunidade autónoma española con máis estudantes de Portugués, senón que, en consecuencia, tense transformado na porta de entrada do Estado español ao negocio transfronteirizo con Portugal e isto conseguiuse grazas a unha política educativa en materia lingüística con obxectivos simples, claros e definidos; carente de complexos ou preconceptos identitarios, ben traballada e constante no tempo.
Só o 6% do alumnado da Sangriña manifesta que a pretensión de evitar o inglés fose determinante para estudar portugués e apenas o 2% do total di ter escollido esta lingua pola súa facilidade.
González Figueiras explica que é posible que parte da sociedade considere unha lingua como o francés como máis “prestixiosa” para o currículo académico dos seus fillos. É posible tamén que esa mesma sociedade considere que os seus fillos teñen xa un certo acceso funcional ao mundo lusófono pola súa mera condición de galegofalantes, pero é responsabilidade da administración responsabilizarse da creación dos programas de estudo e da promoción e facilitación de mecanismos para a docencia daquelas disciplinas que sexan obxectivamente máis útiles para a súa cidadanía. Partindo da base de que o inglés é fundamental no mundo actual, é tamén innegable que como galegas e galegos temos a posibilidade de aprender unha terceira lingua oficial da Unión Europea con extrema facilidade. Falamos dunha lingua con máis de douscentos millóns de falantes, fronteiriza co noso país e propia dunha das grandes potencias económicas do futuro como é o Brasil.
O IES San Clemente, en Santiago, é o centro con máis alumnado de portugués na Secundaria en Galicia, con 143 alumnos que o estudan na modalidade de bacharelato telemático para persoas adultas. Segundo explica a súa directora, Carmen Viñas, comezaron hai sete anos con seccións bilingües de portugués en ciclos formativos de informática. “Como consecuencia, dous anos despois, pasamos a ofertar o portugués como segunda lingua en bacharelato telemático para persoas adultas”, indica.
Ademais este ano, como novidade, teñen un ciclo formativo de informática que é plurilingüe en portugués, chamado Sistemas microinformáticos e redes. A directora destaca que o centro ten horas voluntarias de portugués polas tardes, cunha auxiliar de conversa de portugués do Ministerio. “Isto ten moita importancia, porque é un alumnado de ciclo medio que vén ás súas clases e logo queda unha tarde á semana voluntariamente a recibir clases de portugués, non de informática”.
Viñas explica que os estudantes que teñen portugués nos ciclos formativos fan prácticas en empresas portuguesas e moitos deles certifican o seu nivel de portugués a través do Instituto Camões, ou da Universidade de Lisboa, se están facendo as prácticas alí, ou a través da Escola Oficial de Idiomas, de Santiago. “Aquí o portugués ten moito éxito, grazas a un profesor que é o que move todo isto, que é Marcos Vence Ruibal”, subliña a directora
En total, co ciclo plurilingüe e as dúas seccións bilingües, este curso houbo 200 alumnos con portugués no IES San Clemente. Carmen Viñas defende que a Xunta debería dotar os centros con máis profesores. “A Consellería fala moito pero non pon profesores de portugués. Este ano por primeira vez saen 4 prazas cando a Lei pola que se regula a ensinanza desta lingua, que é a Lei Paz Andrade, se aprobou no Parlamento de Galicia hai xa 5 anos.
“A Consellería fala moito pero non pon profesores de portugués", lamenta a directora do IES San Clemente.
No IES do Barral, en Ponteareas, levan tres anos coa ensinanza do portugués e este curso teñen 137 alumnos matriculados. O director, Álvaro Groba, salienta que está en todos os grupos da ESO e en Bacharelato. “Aquí o alumnado si que respondeu. Estamos dándolle volta á posiblidade de ofertala como primeira lingua, pero de momento non a poñemos porque non houbo esa inquietude por parte do alumnado”, indica.
O director destaca que “a experiencia é moi positiva, ao tratarse dunha materia bastante accesible que se foi incrementando pouco a pouco desde o primeiro ano”.
Ademais, Groba indica que en Ponteareas se dá a circunstancia de que hai moitos estudantes con familia portuguesa, porque houbo veciños que emigraron a Portugal, concretamente á zona de Lisboa e houbo un efecto chamada nalgunhas parroquias, polo que tamén existen vínculos familiares.
No IES de Ribadeo Dionisio Gamallo xa levan dando portugués desde hai uns sete anos e ofertan este idioma en todos os cursos de ESO e Bacharelato. Segundo os datos da propia Consellería este curso houbo un total de 134 estudantes matriculados en portugués como segunda lingua estranxeira neste centro tan afastado de Portugal no xeográfico.
Ramón Vázquez, xefe de estudos do instituto, explica que actualmente non teñen problemas de matrículas co portugués e hai un grupo por cada nivel agora mesmo. “De feito, hai un departamento de portugués que se constituíu, non está dentro do de galego”.
Entre os motivos do bo funcionamento deste ensino, Vázquez subliña, ademais da implicación da profesora de galego, o feito de que non lles resulta complicado polo paralelismo co galego e a asimilan mellor que outras opcións que hai.
Concha Álvarez é profesora de portugués no IES O Couto e a artífice de que desde hai xa 11 anos os rapaces deste centro poidan estudar portugués se así o deciden
En Ourense o centro con máis alumnado de portugués é o IES O Couto, con 63 matrículas neste curso. Concha Álvarez é profesora de galego e mais de portugués e a artífice de que desde hai xa 11 anos os rapaces deste centro poidan estudar portugués se así o deciden. “Hai estudantes bos que queren aprender portugués e hai outros que o collen porque cren simplemente que é doado. Pero si que teño alumnado que quere estudar portugués e non o fai porque os pais non os deixan ao consideraren o portugués de segunda categoría fronte ao francés”, explica Álvarez, que este ano incrementou a oferta cunha nova materia chamada cultura lusófona, optativa no Bacharelato.
“O portugués segue sendo algo minoritario, porque a Consellería tampouco o impulsa nada. Ás veces non pode haber continuidade de 1º da Eso a 2º de Bac, é complicado. Hai rapaces que queren seguir e non poden por falta de alumnos, algo que nunca pasa co francés, e iso tamén é por falta de vontade política. Deberían flexibilizar e promocionar o portugués. O pouco que temos é grazas ao esforzo continuo dos profesores, sempre loitando”, conclúe Concha Álvarez.