Para que serve estudar portugués? A implantación da lingua portuguesa no sistema educativo galego avanza timidamente e no curso actual hai un total de 2.391 persoas que a estudan ben como primeira, ben como segunda lingua estranxeira na ESO e Bacharelato. Pero detrás desa cifra, que supón un incremento de 260 estudantes respecto ao curso anterior, agóchase a realidade de que tan só 59 rapaces e rapazas escolleron o portugués como primeira lingua, é dicir un 2,5%.
Estamos a falar do que podería ser unha cifra anecdótica, que realmente denota un estado de opinión da cidadanía e sobre todo unha falta de accións políticas reais para a promoción do ensino da lingua portuguesa.
Segundo os datos facilitados pola Consellería de Educación, a meirande parte do alumnado que ten portugués como primeira lingua estuda no IES A Sangriña, no concello pontevedrés fronteirizo da Guarda, onde si que ven a utilidade dunha formación oficial no idioma veciño. Un total de 33 alumnos priorizaron recibir máis horas de portugués en detrimento do inglés ou francés neste centro. Tamén no Politénico de Vigo matricularon 17 persoas con portugués como primeira lingua este ano. Completan esta breve listaxe o IES Antón Alonso Ríos de Tomiño (5 alumnos) e o IES de Melide (4).
Cómpre destacar, tal e como amosa inferior, o Instituto IES San Clemente de Santiago, onde un total de 143 estudantes elixiron portugués como segunda lingua estranxeira, seguido do IES do Barral en Ponteareas (137) e o Dionisio Gamallo de Ribadeo (134). Sen dúbida son cifras positivas, aínda que ningún alumno elixise a lingua lusa como preferente.
Cinco anos da Lei Paz Andrade
En Galicia existe unha lei en vigor desde 2014, coñecida como Lei Paz Andrade "para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía" que na súa exposición de motivos di cousas como que o portugués é idioma de traballo de vinte organizacións internacionais, incluída a Unión Europea, así como lingua oficial de nove países e do territorio de Macau, na China. Entre eles figuran potencias económicas como o Brasil e outras economías emerxentes. É a lingua máis falada no conxunto do Hemisferio Sur. É preciso fomentar o ensino e a aprendizaxe do portugués, co obxectivo, entre outros, de que empresas e institucións aproveiten a nosa vantaxe lingüística...
En Estremadura hai 20.000 estudantes con portugués na Secundaria ou Bacharelato
Esa vantaxe lingüística é evidente, tal e como sinalaba nunha recente entrevista a Praza.gal a Coordinadora do Ensino do Portugués en España, Filipa Soares. Porén, a pesar de que a Xunta asegura “que podemos constatar un bo estado da implantación da Lei Valentín Paz-Andrade no ensino” os avances son poucos e as cifras seguen a ser pobres para unha comunidade fronteiriza con Portugal sobre todo se nos comparamos con outros veciños como é o caso de Estremadura, onde hai 20.000 alumnos de secundaria ou Bacharelato estudando portugués.
O datos do ensino do portugués en Galicia
En Galicia hai un total de 2.391 persoas estudando portugués como primeira ou segunda lingua neste curso, en 63 institutos. Son 263 alumnos máis que o ano pasado e un 38% máis que no curso 2016/2017, cando o número de centros que o ofertaban era de 62.
Así mesmo, o portugués é a lingua na que se imparten algunhas seccións bilingües. Neste curso 2018/19 un total de 9 seccións, cun total de 135 alumnos, parte deles en ESO e outra parte en ciclos de Formación Profesional.
A Xunta infoma de que a esta cifra súmanse os 1.108 alumnos e alumnas que estudan a Lingua Portuguesa nas Escolas Oficiais de Idiomas. Ademais, hai alumnado que cursa materias de libre configuración relacionadas coa lingua e cultura portuguesa, un total de 362 alumnas e alumnos en 12 centros educativos de toda Galicia.
Para o Goberno galego, “con estes datos, case 4.000 persoas estudando portugués, podemos constatar un bo estado da implantación da Lei Valentín Paz-Andrade no ensino. De acordo co compromiso de seguir avanzando no desenvolvemento da Lei Valentín Paz-Andrade”, que destaca que este ano como novidade a Consellería inclúe na oferta pública de emprego 4 prazas para profesores de ensino secundario na especialidade de portugués.