
Texto publicado no número 248 de Grial
Recibín o primeiro impacto na presentación da primeira materia: Introdución á Lingüística. A docente deu unha explicación da disciplina onde, entre outras cousas, afirmou que “a linguaxe é o xeito en que os homes describen a realidade que os rodea”. Impactoume o significado e, por vez primeira, o uso do masculino plural como equivalente do neutro chamou a miña atención. Conmocionoume até tal estremo que hoxe sigo a matinar arredor diso
Cando fun nova, aló polos anos 90 do pasado século, se a intención era continuar estudando logo de rematar BUP a opción principal era superar o COU e mais a “selectividade” e seguir a aprendizaxe na universidade. Os ciclos de formación profesional brindaban unha oferta escasa e aínda se concibían máis coma alternativas para quen remataban a duras penas a EXB ou fracasaban no bacharelato que como opcións formativas por si mesmos. Daquela, quen non tiñamos aínda definida a vocación ou elección e só sabiamos se eramos “de letras” ou “de ciencias”, rematabamos por apuntarnos a algunha proposta sen numerus clausus onde ampliar a nosa cultura xeral sen nos complicar demasiado a existencia e, de paso, obter un título. Ao cabo, a oportunidade de experimentar a emocionante vida universitaria da época non merecía ser ignorada. Así foi como acabei matriculada nunha carreira de Filoloxía Inglesa que axiña abandonei, enfastiada porque a escollera convencida de que nela leriamos moito e aprenderiamos sobre crítica literaria e teoría da literatura —como de feito foi—, mais non calculei que tamén había que abordar un bo feixe de materias que naquela altura non me interesaban.
Recibín o primeiro impacto o primeiro día de aulas, a primeira hora e na presentación da primeira materia: Introdución á Lingüística. A docente deu unha explicación da disciplina onde, entre outras cousas, afirmou que “a linguaxe é o xeito en que os homes describen a realidade que os rodea”. Impactoume o significado e, por vez primeira, o uso do masculino plural como equivalente do neutro chamou a miña atención. Conmocionoume até tal estremo que hoxe sigo a matinar arredor diso.
Como persoa rebelde e mal disciplinada para o estudo académico, en adiante visitei pouco ou nada as clases desa profesora (e as demais, todo sexa dito). Máis tarde, dediqueime profesionalmente ao abstracto ámbito da comunicación humana e na miña formación autodidacta lin —e sigo a ler— moitos libros de texto, ensaios, estudos, tratados, presentacións e reportaxes arredor de tal aseveración. Por longo tempo reproducín a anécdota e mais a sentenza en cursos, artigos e charlas engadindo a continuación unha corrección onde cambiaba “os homes” por “os seres humanos” ou “as persoas”. Na actualidade, a emenda é outra. Decateime non hai tanto de que aquela mestra, malia non ser esa a súa intención, dixo algo moi atinado: a linguaxe é, de certo, o xeito en que os homes contaron a realidade que os rodea. Os homes varóns, os que fixeron os dicionarios, o masculino plural. Porque a linguaxe, o mesmo que a nosa sociedade e cultura, é androcéntrica. E, como tal, sexista, machista, discriminatoria.
Unha discusión pública centrada en atopar un sufixo representativo (a opción da @, o X ou o E son até o de agora as principais propostas) está, en tanto, enmascarando que o verdadeiro problema subxace, e mesmo prospera, grazas, precisamente, a que oculta os avisos
Isto que afirmo xa non é primicia en 2025 (malia que en 2011 ou 2017 soase aínda revolucionario). O debate sobre a existencia ou non do sexismo na linguaxe está case superado. A asunción do nesgo machista na nosa lingua é maioritaria e excede o ámbito académico. Porén, as cuestións sobre en que parte do falar radica o androcentrismo e mais a de como corrixilo non están, ao meu parecer, de todo ben orientadas. Nas seguintes liñas tentarei debullar as eivas deste debate que xa é público e global, para logo falar dos posibles enfoques que si conducen cara a unha linguaxe verdadeiramente igualitaria.
En primeiro lugar, é preciso sinalar que, na discusión arredor deste asunto, a evidencia do machismo na linguaxe identifícase, nas linguas romances, fundamentalmente a partir da construción gramatical das palabras. O uso dos sufixos de xénero masculinos como equivalentes do conxunto é unha mostra evidente do androcentrismo que rexe os dicionarios onde, en gran medida, a ollada centrouse neste feito, chegando incluso a confundir o xénero gramatical co que representa o sexo biolóxico. De certo, é un síntoma, unha parte, mais non o todo. A proba está en que a doenza prevalece cando a enmascaramos con paliativos. Dito doutro xeito, o paracetamol mitiga a febre (e iso é importante), mais non actúa contra a infección que a provoca. Xa que logo, unha discusión pública centrada en atopar un sufixo representativo (a opción da @, o X ou o E son até o de agora as principais propostas) está, en tanto, enmascarando que o verdadeiro problema subxace, e mesmo prospera, grazas, precisamente, a que oculta os avisos.
A cuestión de fondo da inclusividade fica sen resolver. Que versión empregamos para aludir a un conxunto mixto en canto ao sexo dos seres nomeados? Velaí un quid
Ao longo deste artigo empregarei un pequeno grupo de palabras coas que pretendo demostrar a miña tese. A primeira é “todo” e, nomeadamente, o seu uso plural, “todos”.
Velaí a definición da RAG para este vocábulo:
TODO, TODA. Indefinido. 1. O conxunto enteiro, por completo, sen excluír ningunha parte ou ningún elemento. Ex.: Pasou toda a semana na casa. Viñeron á festa os amigos todos. Comeu todo. Non creo que xa marchasen todos. 2 Precedendo a un adxectivo, aumenta o grao do que este expresa. Ex. Sempre anda toda guapa.
A Real Academia Galega, o mesmo que a española e a francesa, comeza a presentación da palabra coa construción en masculino. Malia o nesgo, cómpre valorar o esforzo por empregar exemplos en feminino. (Aproveito para observar que xa se van apreciando os resultados de contar cun bo número de académicas.)
Gramaticalmente, isto carece de base científica. En realidade, este pronome (e calquera palabra susceptible de variar en xénero) debería presentarse desde a súa construción morfolóxica e a relación co seu campo semántico, revisando as premisas. Na actualidade, enténdese que “todo” é a forma base ou non marcada e que “toda”, “todos” e “todas” son as súas variantes. Todo é Adán e toda, todos e todas, as súas costelas. Se desde a análise gramatical se asumise que a base é o morfema tod-, os sufixos de xénero -o e -a carecerían automaticamente de gradación e, por conseguinte, non cabería afirmar que “todos” representa a “todos e todas”, como Adán, sen Eva, non representa a humanidade.
Custou tanto normalizar o termo “presidenta”? Deica non hai moito, a súa única acepción para no dicionario da RAE foi “muller do presidente”. Evidenciar que presidente tiña unha carga oculta que implicaba que só un home podía acceder a tal cargo (malia que o sufixo -ente sexa neutro), que feminizar a palabra é unha vitoria do feminismo
Porén, a cuestión de fondo da inclusividade fica sen resolver. Que versión empregamos para aludir a un conxunto mixto en canto ao sexo dos seres nomeados? Velaí un quid. Por moito que nos afanemos en usar @ ou X coma substitutivos do sufixo de xénero, non temos xeito de pronunciar ese esforzo de representación e a fórmula fica invalidada na comunicación oral. Así naceu, en parte, a proposta -e. Trataríase de incorporar un novo sufixo co consenso de que define a variedade, non só para incorporar homes e mulleres, senón tamén para incluír outros sentires ou condicións relacionados co xénero. Mais acontece que sinalar a diversidade para incluíla no grupo total pode conducir a eliminar singularidades que levamos moito tempo insistindo en facer agromar.
Aquí chega a miña segunda palabra: custou tanto normalizar o termo “presidenta”? Deica non hai moito, a súa única acepción para no dicionario da RAE foi “muller do presidente”. Evidenciar que presidente tiña unha carga oculta que implicaba que só un home podía acceder a tal cargo (malia que o sufixo -ente sexa neutro), que feminizar a palabra é unha vitoria do feminismo. Facer saber que asistente e asistenta teñen connotacións e significados moi diferentes e sexistas, explicar que se a flexión é válida para a segunda, no caso da primeira é ademais necesario, foi unha batalla dura de superar.
A existencia do xénero estritamente gramatical propicia un morno e desinformado argumento á caverna machista
Por outra banda, a existencia do xénero estritamente gramatical propicia un morno e desinformado argumento á caverna machista. Todas recibimos algunha vez retruques ocorrentes na liña de “agora ides querer dicir enchufa e teléfona”. Mais esa caste á cal lle pica en óso a linguaxe (o que demostra a transcendencia deste asunto), excede as respostas simples de familiares e amizades que non saben nin teñen por que saber de gramática ou lingüística. Quedou para sempre na memoria colectiva o intre en que a daquela ministra de Igualdade, Bibiana Aído, se dirixiu aos “membros e membras” dunha comisión parlamentaria. Axiña a prensa espallou, escandalizada, a noticia, a RAE corrixiu a mandataria e os ocupantes das súas cadeiras publicaron irados artigos de opinión onde o cualificativo máis bonito con que a agasallaron foi o de ignorante, “ignoranta” ou analfabeta funcional.
Sorprende, en contraposición a tal reacción, que cando os creadores de moda Victorio&Luchinno se auto definiron “modistos”, non aparecese nin unha triste nota de prensa e a RAE non só non se pronunciase maldicindo a iniciativa dos artistas, senón que foi unha das acepcións que menos se demoraron en seren incorporadas ao dicionario co significado creado polos deseñadores. A entrada onde antes dicía modista, agora relaciónase cunha nova, a de modisto. Polo menos, neste caso a RAE recoñece na formación da segunda palabra a súa proveniencia da primeira. Algo semellante aconteceu con enfermeiro. Tan pronto os homes se incorporaron a profesións antes ocupadas só por mulleres, o vocábulo que os nomea foi admitido sen reservas. Nesta ocasión, a RAE creou a entrada “enfermero-a” e asignou a “enfermeros” a representación da profesión en conxunto, mesmo cando no uso real é “enfermeras” o termo que adoita ser empregado para tal fin.
Porén, presidenta “soaba mal” e era innecesario. Tanto coma asistenta, retrucabamos daquela.
O sufixo -e supón, en casos coma os descritos, a re-invisibilización desta realidade, promovendo de novo a discriminación que se pretendía evitar
Coido que a necesidade de aplicar os sufixos de xénero como vindicación e constatación da presenza das mulleres fica exposta, así como que o sufixo -e supón, en casos coma os descritos, a re-invisibilización desta realidade, promovendo de novo a discriminación que se pretendía evitar. Por iso defendo que hai ocasións onde non queda máis opción que dobrar o nome e dicir, por exemplo, mozas e mozos. Isto non colida con que outros colectivos sociais precisen atopar o xeito de verse representados e reflectidos mediante as palabras. Se cadra, o -e serviría para iso: mozas, moces e mozos. A parte inmutable da sentenza da miña profesora é que a linguaxe define como percibimos a realidade e como a contamos ou, incluso, como a creamos cando é preciso. Neste sentido, coido que as solucións que proporei ao longo deste artigo son válidas para todos os casos e circunstancias.
Porque a realidade é que as linguas que non teñen sufixos de xénero tamén son machistas. A que coñezo mellor é o inglés. O sexismo que transloce é menos evidente debido á morfoloxía do propio idioma, mais non por iso fica exento. O feito é que a chave está no significado asumido e na definición formal das palabras, xunto co uso que se fai delas: é a derrogación semántica das mulleres (Muriel Shultz, 1975), que podemos atopar en calquera idioma. Por iso, as miñas terceira e cuarta palabras son “home” e “muller”.
HOME. Substantivo masculino. 1. (Homo sapiens) Mamífero da orde dos primates que forma a especie humana, que se caracteriza fundamentalmente por adoptar a posición vertical, ter linguaxe articulada, intelixencia moi desenvolvida e facultade de razoar. Ex.: O home é un ser social. 2. Individuo da especie humana, de sexo masculino. Ex. Os órganos reprodutores do home. Homes e mulleres teñen os mesmos dereitos. SIN. VARÓN. 3. Persoa de sexo masculino, considerada desde o punto de vista das súas calidades ou defectos. Ex. É un home formal. Un home de acción. Un home tranquilo.
MULLER. Substantivo feminino 1. Persoa de sexo feminino. Ex. O primeiro fillo que tivo foi muller. Persoa adulta dese sexo. Ex. Esa maneira de pensar é máis propia dunha muller ca dunha rapaza. Esposa, Ex. A súa muller foi a súa única moza. CONF. DONA, SEÑORA
Cómpre apuntar que a nosa Academia non é nin de lonxe tan machista coma a outra que empregamos decote, a española. Mentres que a galega amosa un nesgo que coido involuntario e reflicte un esforzo de corrección deste, a RAE semella, incluso, aleivosa e teimuda na súa defensa
O dicionario da RAG materializa —estou convencida de que sen se decatar— a derrogación semántica das mulleres nestas dúas definicións. Cómpre apuntar que a nosa Academia non é nin de lonxe tan machista coma a outra que empregamos decote, a española. Mentres que a galega amosa un nesgo que coido involuntario e reflicte un esforzo de corrección deste, a RAE semella, incluso, aleivosa e teimuda na súa defensa.
Para empezar, incluso antes da lectura xa vemos que a extensión que a RAG dedica a un e outro termo é reveladora. Se a entrada en liña para home ofrece sete definicións, a de muller conta con tan só tres.
En segundo lugar, aplica unicamente ao termo home as características do ser humano, do Homo sapiens. Dado que a segunda acepción de muller é “persoa adulta dese sexo (feminino)”, e que a primeira de home o identifica con persoa, sería correcto afirmar que eu, muller, son un home de sexo feminino? Nunha interpretación estrita e literal de ambas as entradas, colixo que si.
Isto acontece noutras linguas romances coma o francés ou o italiano, e tamén no inglés:
MAN. Noun (plural men) 1. Male person. An adult male human. A good-looking young man. The relationships between men and women. 2. Humans. Man [uncountable] humans as a group, both male and female. The damage caused by man to the environment. The common man (= ordinary people) is losing faith in democratic institutions
WOMAN. Noun (plural women) 1. Female person. [countable] An adult female human. A 54-year-old woman . An interesting young woman. 2. [uncountable] Female humans in general. (Informal) She’s all woman! (= Has qualities that are typical of women).
A flexión de xénero nas linguas romances é un signo, e non a causa ou única mostra do machismo na linguaxe, que radica exclusivamente na mentalidade social, onde este prevalece. Esa é a razón pola que propoño que a batalla contra esta realidade debe facerse desde un uso consciente da semántica e o seu léxico
Se afondamos noutras consideracións, como as escollas nas oracións de exemplo e a carga machista implícita que se percibe nelas, ou as definicións de acepcións compostas que podemos atopar no dicionario da RAE acho que a derrogación semántica fica ao descuberto en todo o seu esplendor:
Hombre público. m. Hombre que tiene presencia e influjo en la vida social.
Hombre de la calle. m. Persona normal y corriente.
Mujer pública. f. Prostituta.
Mujer de la calle. f. 1. Mujer normal y corriente. 2. f. Prostituta que busca a sus clientes en la calle.
A cantidade de ocasións en que no DRAE o substantivo “mujer” acompañado dun adxectivo se define como ‘prostituta’ é rechamante, máxime cando nin sequera emprega o aviso de que é un uso pexorativo. Si: a palabra prostituta ten unha evidente e indiscutible connotación negativa no seu uso, alén doutras consideracións.
Chegadas a este punto, defendo que a flexión de xénero nas linguas romances é un signo, e non a causa ou única mostra do machismo na linguaxe, que radica exclusivamente na mentalidade social, onde este prevalece. Esa é a razón pola que propoño que a batalla contra esta realidade debe facerse desde un uso consciente da semántica e o seu léxico. O verdadeiro reto non está en localizar o sufixo acaído (que é parte do proxecto, mais non a única estratexia aplicable), senón en analizar os significados dos significantes e, dependendo de cada caso, re-significalos, substituílos por outros xa existentes e máis axeitados ou, incluso, crear continentes novos para a nova visión que as persoas temos do mundo.
O verdadeiro reto non está en localizar o sufixo acaído (que é parte do proxecto, mais non a única estratexia aplicable), senón en analizar os significados dos significantes e, dependendo de cada caso, re-significalos
Se precisamos escoller unha opción de flexión para a forma non marcada tod-, seleccionemos primeiro o substantivo ao que acompañará ou substituirá. Se decidimos falar de seres humanos, diremos “todos”. Podemos usar a palabra persoas, nese caso o pronome será “todas”. A chave neste exemplo será non usar home como sinónimo de ‘ser humano’. E, así, sucesivamente. Carecerá logo de importancia se o xénero gramatical do significante que se empregue é masculino ou feminino, pois o significado si resultará inclusivo e igualitario, contribuíndo no esforzo a modificar o pensamento social.
Ampliaremos a estratexia procurando termos que non precisen desdobramento, para recorrer o menos posible a esta opción e evitar o fastío na expresión. “Cativada”, “infancia”, no canto de “nenos”. “Profesionais da medicina” en lugar de “médicos”. Evitaremos expresións como “médicos e enfermeiras”, onde agregamos un nesgo que gradúa o nivel de responsabilidade segundo o sexo e que, ademais, afortunadamente hai tempo que non é consonte coa realidade.
Podemos crear calquera sociedade que nos propoñamos, sempre que teña nome. Porque a consigna, non por manida é menos certa: o que non se nomea non existe
Do mesmo xeito, as academias deberían informar das connotacións pexorativas de certos usos, aplicando unha perspectiva feminista. Para rematar, esas mesmas academias poden revisar os programas de corrección ortotipográfica e lingüística. Ollen, se non, as palabras deste artigo que o meu software sinala coma incorrectas: androcéntrica, androcéntrico, membra, inclusividade ou resignificar, son algunhas.
Se a expresión humana é tan só o vehículo para comprender e debuxar a realidade, tal como pretendeu afirmar a miña profesora naquela afastada tarde de 1993, a cuestión da linguaxe igualitaria versa sobre como nos contamos esa realidade e como esa narrativa configura o noso pensamento e sentir. Podemos crear calquera sociedade que nos propoñamos, sempre que teña nome. Porque a consigna, non por manida é menos certa: o que non se nomea non existe. Outrosí, engado que aquilo que é mal nomeado remata por desdebuxarse, manipularse e mesmo deturparse, conducindo a sociedades menos bonitas ca as que procuramos