“Xa chega, xa chega”. Agustín Fernández Paz pedía papas, mais o auditorio non se rendía. Os aplausos sucedéronse nunha dioiva de beizóns tan incesante como cálida. Así concluía a homenaxe nacional coa que Prolingua quixo renderlle tributo a un dos máximos referentes das nosas letras. “Celebramos hoxe o compromiso de Agustín coa lingua, coa literatura, coa educación pública, coa nación”, sinalou Rosa Aneiros, quen foi a encargada de presentar un acto que, nas súas propias palabras, “non é habitual” neste país. “Gústanos máis os prantos que os aloumiños”, sentenciaba Aneiros. Se cadra, esta homenaxe foi unha excepción necesaria a tan reiterado costume patrio. Este sábado, en Vigo, os agarimos venceron con rotundidade a calquera tipo de velorio.
A homenaxe foi unha excepción necesaria a tan reiterado costume patrio
Os aloumiños abrollaron dende o preciso momento en que Aneiros se puxo ao outro lado do atril. Co seu saúda, arrancou unha homenaxe na que os amigos, os familiares e os compañeiros de xeración de Fernández Paz reivindicaron o seu esencial esforzo nos eidos da literatura, o ensino e a normalización da lingua. “Agustín é sementador e semente, arado e terra. Agustín é terra e sementa na terra con maiúsculas”, aclamou o escritor Paco Martín, pai literario do Ramón Lamote, personaxe coa que se bautizou a xeración dourada da literatura infantil e xuvenil galega. O escritor lugués foi o primeiro en subir ao escenario do Auditorio de Policarpo Sanz para gabar a figura de Fernández Paz, do que destacou o seu esforzo docente. “É un referente obrigado para chegar a unha escola que sirva de alicerce para unha Galicia mellor”, lembrou Paco Martín.
“Embaixador da nosa identidade”
Fernández Paz, na primeira ringleira do auditorio, observaba con emoción como varios dos seus mellores amigos subían ao escenario e intercalaban as súas agarimosas intervencións coa voz das nenas e nenos que participaron no acto. Alumnos do colexio Amor de Dios, do CEIP Eduardo Pondal, do Colexio Salesianos de Vigo e do IES Os Rosales, centro no que impartiu clase o escritor, leron fragmentos de libros como Contos por palabras ou Fantasmas de Luz.
"Empeñácheste na dignificación da literatura infantil e xuvenil, de sacala da invisibilidade, tanto dentro como fóra das nosas fronteiras"
Eses alumnos, esas nenas e eses nenos, representaban as xeracións de rapaces que leron nas escolas os seus libros. Por eles converteuse en docente e para eles dignificou, xunto a toda unha xeración de autores, a máis que celebrada literatura infantoxuvenil galega. “Ti empeñácheste na dignificación da literatura infantil e xuvenil, de sacala da invisibilidade, tanto dentro como fóra das nosas fronteiras”, asegurou o tradutor e profesor Xavier Senín, quen chegou a designalo como “embaixador da nosa identidade”. Pola súa banda, Xosé Lastra, de Nova Escola Galega, encargouse de lembrarlle o auditorio o papel desenvolvido polo homenaxeado na normalización da lingua no ensino. “Tiñamos que facer algo para que a nosa lingua tivese o espazo axeitado no ensino. Fixemos un longo camiño de normalización até chegar a estes tempos, que se volveron nefastos”, asegurou.
Facer nación
Xabier P. DoCampo, quen pasou todo o acto centrado na organización, incidu no carácter nacional da homenaxe organizada por Prolingua. “É un acto nacional porque estamos aquí en representación da nación. Contigo, Agustín, somos nación. O que facemos aquí contigo é facer nación”, asegurou un DoCampo cuxo discurso, aínda que breve, foi dos máis significativos.
"O que facemos aquí contigo é facer nación”, reivindicou Xabier P. Docampo
Manuel Bragado, director de Xerais, quixo falar en nome da editorial na que Fernández Paz publica dende hai tres décadas. “Queremos moito a Agustín, é parte fundamental de nós. Queremos moito a Agustín porque sempre está en posición de escoitar e querémolo moito pola súa capacidade desmesurada de esforzo e compromiso”, explicou Bragado, quen engadiu que a obra do homenaxeado era “unha denuncia do conformismo paralizante” e “un pombeiro de esperanza”.
No acto tamén se reservou espazo para dúas das paixóns de Agustín: a música e o cinema. Anxo Pintos e Begoña Riobó interpretaron varias pezas e Uxía, pola súa banda, cantou unha versión musicada do poema Maxicamente vello, de Manuel María. A cantante uniuse así á homenaxe a unha persoa á que admira. “É unha persoa que me fai acreditar na humanidade”, sentenciou con rotundidade e agradecemento.
A música deulle paso tamén a sétima arte e un novo aloumiño chegoulle a Agustín coas luces apagadas. O auditorio quedou a escuras para coñecer as fantasmas de luz de Fernández Paz, esas personaxes de celuloide que enxergamos, en cor ou en branco e negro, na pantalla dos cines. Á homenaxe a Fernández Paz uníronse así Hitchcock, Marilyn Monroe, Ingmar Bergman,Carl Theodor Dreyer, Chaplin, Nosferatu ou John Ford. Todo grazas a unha montaxe realizada por Martin Pawley e Eloy Domínguez.
“O recoñecemento a toda unha xeración”
Entre aplausos e tras recibir diversos regalos por parte das súas sobriñas, Fernández Paz subiu ao escenario. Era o momento máis agardado polo auditorio, aínda que, quizais, Agustín non compartía esas mesmas ansias. “Xa axustarei contas cos argallantes”, chanceou Fernández Paz antes de agradecerlles a todos os asistentes a homenaxe. Nas súas palabras, Agustín quixo compartir o tributo con toda a súa xeración. “Este é o recoñecemento a toda unha xeración, a unha xeración que naceu xusto despois das guerras. Unha xeración que traballou moito, que se esforzou moito e que colaborou moito en proxectos cooperativos”, sinalou Fernández Paz, quen tamén lembrou o seu labor como docente ao reafirmar a súa convicción de que “co traballo dende as aulas podemos cambiar o mundo”.
"Vivimos nuns tempos duros, si, pero aquí estamos coa seguridade de que non nos han dobrar", dixo o homenaxeado
E, despois da nostalxia e as lembranzas, Fernández Paz reflexionou sobre o duro presente e o incerto futuro. “Vivimos tempos difíciles, nos que a listaxe de ataques medra cada día. Tempos duros si, pero aquí estamos coa seguridade de que non nos han dobrar. Como diría Manu Chao: Próxima estación esperanza”, concluíu Fernández Paz antes de recitar, como gran colofón final, o poema 'Nunha cea de amigos' de Aquilino Iglesia Alvariño. E despois, a ovación. Unha dioiva de aplausos, un torrente de beizóns. “Xa chegou”, dicía Fernández Paz, mais o público en pé dicía que non, que non chegara. Os aplausos nunca son suficientes.