O 8 de setembro de 1975 comezaron os traballos de derruba do edificio Castromil. Celébrase, polo tanto, o 50 aniversario dun feito que marcou a unha xeración de composteláns, que significou un fito pioneiro nas loitas en defensa do patrimonio e que deixou unha ferida aberta no centro da capital de Galicia
O 8 de setembro de 1975 comezaron os traballos de derruba do edificio Castromil, que se erguía no centro da actual Praza de Galicia. Semanas despois xa non quedaba nada do inmoble construído en 1926 con inspiración modernista e deseño do arquitecto Rafael González Villar. A desaparición do Castromil supuxo a perda dun edificio emblemático na cidade. Pero tamén supuxo a organización dun movemento de oposición por parte da sociedade civil, especialmente, do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, que se creara dous anos antes. Todo aínda en plena ditadura, con Franco a piques de morrer pero aínda presente.
Celébrase, polo tanto, o 50 aniversario dun feito que marcou a unha xeración de composteláns, que significou un fito pioneiro nas loitas en defensa do patrimonio e que deixou unha ferida aberta no centro da capital de Galicia. A nivel físico e urbanístico, e a nivel emocional.
O edificio proxectouse e construíuse nos anos vinte do pasado século para acoller o Quiqui-bar, un café cantante con sala de cine, música, mesas de billar, casino e mesmo reservados, un espazo para o desenfreo e a modernidade dos felices anos vinte. "O Quiqui Bar era unha proposta urbanística, e moito máis. Supuña un sopro de alegría, unha mudanza cultural", escribe Francisco Macías no libro De Quiqui Bar... a Castromil. O cafe, con todo, tivo unha vida efémera, debido a problemas financeiros dos seus propietarios. En 1929 o edificio foi adquirido pola empresa Castromil para establecer alí a sede da compañía de autobuses.
O edificio proxectouse e construíuse para acoller o Quiqui-bar, un café cantante con sala de cine, música, casino e mesmo reservados, un espazo para o desenfreo e a modernidade dos felices anos vinte
En 1970 o Concello de Santiago presenta un proxecto para derrubar o inmoble co obxectivo de construír un aparcamento soterrado. Aproveitaba o traslado dos vehículos de Castromil á nova estación de autobuses, que se produciu en 1972, e defendía a necesidade de prover de prazas de aparcamento para coches nunha cidade en crecemento e cada vez con máis tráfico de vehículos privados. Tamén se argumentaba o beneficio de gañar unha praza aberta, un espazo público que serviría de espazo de transición entre a zona vella e o novo Ensanche.
En 1929 o edificio foi adquirido pola empresa Castromil para establecer alí a sede da compañía de autobuses. Porén, coa creación da estación de autobuses en 1972, o Goberno local presenta un proxecto para construír un aparcamento subterráneo que incluía a derruba do inmoble
A iniciativa do goberno municipal compostelán espertou a inmediata reacción do Colexio de Arquitectos de Galicia, que viña de iniciar a súa actividade. O 18 de xaneiro de 1974 o COAG acorda solicitar á Dirección Xeral de Belas Artes a declaración do inmoble como monumento histórico-artístico. A entidade inicia ademais unha intensa campaña de difusión a través dos medios de comunicación en demanda da protección do edificio. Tamén se organizan exposicións para poñer en valor o edificio e o conxunto da obra de Rafael González Villar.
O 22 de maio un grupo de 48 arquitectos de todo o Estado asinan unha declaración pedindo a suspensión da derruba e propoñendo un concurso nacional de ideas relacionado co proxecto praza de Xelmírez (a nova denominación da praza). Dese tempo data un proxecto de rehabilitación do edificio realizada por Rafael Baltar Tojo, José Antonio Bartolomé, Carlos Almuíña, Xosé Lois Martínez Suárez e Xosé Manuel Casabella e que incluía o aparcamento subterráneo demandando polo concello e un novo volume xeodésico na súa parte posterior. O proxecto nin sequera puido ser debatido no pleno municipal.
A iniciativa do goberno municipal compostelán espertou a inmediata reacción do Colexio de Arquitectos de Galicia. O 18 de xaneiro de 1974 o COAG solicita á Dirección Xeral de Belas Artes a declaración como monumento histórico-artístico
Porén, o destino do inmoble estaba sentenciado. En xullo de 1974 a Comisión Provincial de Belas Artes cualifica negativamente o expediente de declaración de monumento, apoiándose nun informe presentado polo concello e aprobado por unanimidade. En setembro de 1974 o goberno local diríxese á Dirección Xeral de Arquitectura para solicitar encarecidamente que se inicien o antes posible as obras de derruba.
Hai que dicir, iso si, que fronte ás airadas protestas de arquitectos e algunha entidade social e cultural, o groso da cidadanía de Santiago recibiu a derruba do edificio Castromil con indiferencia e mesmo foi celebrada a desaparición dun edificio cunha estética moderna -e construído con cemento e non con pedra- que desagradaba a boa parte da poboación do momento, que criticaba o contraste coa estética tradicional da cidade histórica.
Porén, o destino do inmoble estaba sentenciado. En xullo de 1974 a Comisión Provincial de Belas Artes cualifica negativamente o expediente de declaración de monumento, apoiándose nun informe presentado polo concello e aprobado por unanimidade
De feito, se numerosos foron os artigos e cartas en defensa do edificio, tamén o foron os textos na súa contra, moi críticos ademais co propio COAG. Por exemplo, Carlos Fontán escribiu en El Correo Gallego en resposta á declaración ddos 48 arquitectos que "medio centenar de doctos arquitectos nos han venido a decir a los compostelanos que no entendemos ni papa de lo que tenemos".
A derruba do Castromil foi mesmo filmada. O pioneiro Equipo Lupa, formado ao redor da Asociación Cultural O Galo e integrado, entre outros, por Euloxio R. Ruibal ou Roberto Vidal Bolaño, rexistrou os traballos de demolición do inmoble entre setembro e outubro de 1975.
O edificio non puido ser salvado, pero a súa memoria perdurou, o mesmo que o recordo da mobilización que se orixinou ao seu redor. "Fomos incapaces de deter a demolición, pero formos capaces de plantexar a importancia que tiña dentro do deseño urbano a conservación do Castromil", destacou César Portela
O edificio non puido ser salvado, pero a súa memoria perdurou, o mesmo que o recordo da mobilización social que se orixinou ao seu redor. Un ano despois, na presentación do Seminario Internacional de Arquitectura de Compostela, César Portela destacaría: "nós fomos incapaces de deter a demolición do Castromil, pero formos capaces de plantexar na cidade de Santiago por primeira vez a importancia que tiña dentro do deseño urbano a conservación do Castromil".
A poboación compostelá habituouse a unha Praza de Galicia (primeiro coñecida como Praza de García Prieto, despois brevemente como Praza de Xelmírez) que durante décadas foi máis un lugar de paso que un espazo para estar e que xa asistira previamente á destrución dun valioso elemento patrimonial, como o edificio da Inquisición, derrubado en 1927.
En 2006 o Goberno local lanzou un concurso para remodelar a praza e mesmo se barallou convertela de novo nun intercambiador de autobuses, afianzando a súa importancia para a mobilidade urbana. Hai uns anos, coa construción no seu interior dun parque infantil, o lugar gañou en uso e en presenza humana. Porén, na lembranza -e nas fotografías- fica o edificio Castromil e a súa evitable demolición.