Adeus a Xerardo Moscoso, cofundador de 'Voces Ceibes'

Xerardo Moscoso © Edigsa Xistral

O cofundador do movemento de canción de denuncia social no franquismo, 'Voces Ceibes', finou en México aos 76 anos

Xerardo Moscoso, cofundador de ′Voces Ceibes′, faleceu este domingo en México aos 76 anos de idade. Médico formado en Santiago de Compostela, director e actor de teatro foi un dos precursores do que coñecemos como ′A Nova Canción Galega′. Fillo de emigrantes galegos en México, finou no seu país natal, ao que tivo que regresar pola represión vixente aínda despois da ditadura.

O 26 de abril de 1968, no paraninfo da Facultade de Medicina da USC, os centos de estudantes que se deran cita no recital que inaugurou oficialmente o movemento ′Voces Ceibes′, pedíronlle a Xerardo Moscoso que fixera un ′bis′ do seu tema Requiem II, dedicado a Martin Luther King. Así o lembraba Benedicto García Villar, finado en 2018, nun texto publicado en 2001.

Naquel recital estaban, aparte de Xerardo e Benedicto, Vicente Araguas e Guillermo Rojo. Todos pasarían a integrar este movemento de canción de denuncia social que ergeu a voz durante o franquismo, ′Voces Ceibes′, e que se adiantou ás mobilizacións estudantís do mes de maio daquel ano en París. Nese 1968 Moscoso editou dos EPs da man do selo extinto Edigsa Xistral con sete temas propios e un poema musicado de Alfredo Conde Cid, Primaveira no ar

Entre as composicións propias que apareceron no efervescente ano 68 está ese Requiem II, O umbral, Poema de emergencia a Antonio Machado e As augas das fontes i os ríos. Despois viría o disco Acción galega, editado en 1977 por Warner Music e remasterizado en 2016, onde cantaba: "Galicia miserenta, chan de ledicia queixumbrosa, onde a fame énchese de pacencia. Galicia do si ou do non, ou do quen sabe. Duda inmensa. A falar sempre o que lle mandan, sen dicir o que pensa". 

Segundo EP de Xerardo Moscoso © Edigsa Xistral

Nado en México en 1954, Xerardo Moscoso mantívose vencellado a Galicia durante toda a súa vida e denunciou o ″abandono″ do país nos anos do franquismo e tamén rematada a ditadura, cando se veu obrigado a abandonar España por segunda vez. Poio serviulle de refuxio antes de volver cruzar o Atlántico, desde o concello despedírono así: ″un dos grandes referentes no eido da cultura galega e que mantivo unha vinculación especial co noso municipio″.

Aparte da música e do exercicio da Medicina, en México achegouse ao cinema e mais ao teatro. Alí fundou a compañía La Gaviota, coa que volveu en varias ocasións a Galicia. Defensor da cultura de base, foi director da Escuela de Artes Escénicas da Universidad Autónoma de Coahuila e colaborou coa Secretaría de Cultura mexicana. Finou na cidade de Torreón, no estado de Coahuila, onde se asentara nos anos noventa. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.