Arte e emoción como catalizadoras do galego: "terapeutas emocionais" nos Encontros para a Normalización Lingüística

Mural que representa a 'Claudina e a raspa dourada', de Yoseba Muruzábal © Yoseba MP

É a primeira vez que os Encontros para a Normalización Lingüística, organizados polo Consello da Cultura Galega desde hai 24 anos, se centran nas artes e na cultura. Xosé Antonio Touriñán, Elena Ferro, Alba Cid, Ángeles Huerta ou Yoseba Muruzábal son os "terapeutas emocionais" que abren un debate que está nos teatros ou nas prazas de abastos, non só nas facultades

É a primeira vez que os Encontros para a Normalización Lingüística, organizados polo Consello da Cultura Galega (CCG) desde hai 24 anos, se centran nas artes e na cultura. É un catalizador para achegarnos ás novas xeracións, aos que deron o paso de neofalantes ou mesmo aos que repudian –en certa medida– a lingua galega, explica Manuel Maseda, un dos organizadores da xornada que se desenvolverá este xoves, 20 de outubro, na sede do CCG en Santiago e que se poderá seguir a través do sitio web da institución e das súas redes sociais. 

O encontro deste ano segue catro directrices que se trasladan ás plaestras, nas que mesturan artistas de diferentes disciplinas para ampliar os debates. Na mesa arte-llando (teatro, música e danza) participan Quico Cadaval, Guadi Galego e Montse Rivera, baixo a moderación de Manuel Maseda, para debullar unha concepción da arte como construtora da nación. En arte-facto (cómic, ilustración e muralismo) falarán sobre paredes que falan e muros que non separan Kiko da Silva, Laura Romero e Yoseba Muruzábal, con Anxos Sobriño como moderadora. Na palestra anim-arte (humor, circo e artesanía) Xosé Antonio Touriñán, Natalia Outeiro "Pajarito" e Elena Ferro, moderadas por Bernardo Penabade, aboradarán a aportación da arte ao benestar emocional, máis aínda despois da pandemia. E en arrim-arte (videocreación, cinema e poesía) Ángeles Huerta, Adrián Canoura e Alba Cid falarán de vangarda e dos cen anos do manifesto Máis Alá de Manuel Antonio, moderadas por David Cobas.

Calquera das persoas que van estar na xornada, segundo Manuel Maseda, son "terapeutas emocionais". "Son persoas que son quen de emocionarme e, polo tanto, como emocionan por dentro e por fóra, pois son quen de facer chegar as mensaxes dun xeito moito máis directo. Creo que a emoción e a lingua forma parte do seu traballo, xa sexa contando contos, facendo música, desde o baile ou desde o cinema", explica Maseda, que leva anos traballando no Proxecto Regueifesta xunto con Séchu Sende, unha iniciativa de dinamización lingüística a través do activismo social e educativo e que na actualidade traballa no proxecto educativo Ao son da nosa música, para tecer pontes de encontro entre o mundo artístico en galego e o ensino público. 

"A normalización non é soamente nos espazos de estudo ou nas facultades, senón tamén na praza de abastos, nun teatro ou na descarga dun molle", di Manuel Maseda

"Se pensamos que só se pode normalizar a lingua desde espazos pechados e a través de institucións, que está ben que velen polo traballo, creo que estamos sendo un pouco incautos. A normalización non é soamente nos espazos de estudo ou nas facultades, senón tamén na praza de abastos, nun teatro ou na descarga dun molle na que hai traballando xente de diferentes nacionalidades. No día a día podemos ver que un país se fornece de redes reais, temos que traballar e coidar a lingua en todos os aspectos", defende Maseda. 

"Coido que o devir deste ano ten máis que ver coa importancia da socialización en lingua galega e como a cultura, a arte e a lingua poden funcionar como ferramentas de construción. Ferramentas necesarias para alongar, e fortalecer sobre todo, a vida do galego en todas as franxas de poboación", sinala a poeta Alba Cid, Premio Nacional de Literatura na modalidade de Poesía Nova Miguel Hernández que concede o Ministerio de Cultura. 

"O que se procura é darlle unha volta a esa noción de vangarda actual", conta Alba Cid

A mesa na que participa Alba Cid chámase Cen anos do manifesto Máis Alá. A lingua, unha ferramenta ao servizo da vangarda. ″O que se procura é darlle unha volta a esa noción de vangarda actual e a rememoración dos cen anos do manifesto de Manuel Antonio, que é unha mágoa pero parece que este aniversario dun texto que é referencial se nos pasou case sen reparar. Para min, vangarda é unha noción cargada de significados, pero as vangardas históricas, as dos anos dez e os vinte, si trazan unha liña divisoria imposible de eludir porque, cando menos, delimitan as poéticas de intención contemporánea das que non están tan preocupadas por esa división. 

"Para min, o galego imperfecto é o que non se fala", asevera Manuel Maseda

"En que medida –pregúntome eu– pode o meu traballo artístico incidir no status da lingua que escollín? No meu caso é a lingua na que vivo, pero tamén é a miña lingua literaria. Traéndoo á miña realidade, sempre me figuro que a posibilidade de vivir na poesía, na miña obra, a posibilidade de participar non dunha tradición, senón de moitas, é importante no meu traballo literario e, tal vez, sexa importante tamén por canto teña de abrir os marcos da miña lingua", razoa a poeta.

Esta pulsión de descuberta e de contemporaneidade bebe de calquera tipo de fonte artística ou tradición literaria, e nin sequera foi unha escolla. Eu diría que para min foi un devir natural como lectora e como autora, foi unha necesidade; e teño a sensación de que así foi tamén para moitos outros autores e, seguramente, para aquel Manuel Antonio, que parecía realmente un besbello: un rapaz burgués ilustrado, que á vez tiña certa aura de poeta romántico, anarquista, como dicía Rafael Dieste, nos inicios; e con moito quixotismo, cun punto de delirio, seguramente máis que desexo real de aventura; incluso cun punto de desidia.

"Todas esas contradicións de Manuel Antonio fano aínda hoxe unha figura súper viva e interesante, pode ser un referente, pero vai ser sempre un referente complexo ao que nos apeteza achegarnos. Penso que o meu posicionamento nesa liña divisoria que trazan as vangardas históricas para acá poida incidir dalgunha maneira e mover os marcos do discurso poético na lingua na que vivo″, engade Alba Cid.

Estes Encontros para a Normalización Lingüística parten da plena consciencia de que o presente e o futuro da lingua pasa polos neofalantes. "Para min, o galego imperfecto é o que non se fala", asevera Manuel Maseda, que pon o exemplo do pintor e muralista Yoseba Muruzábal, que sendo neofalante logra, coas súas 'superavoas', que as pedras falen. "Cando o chamamos dixo que non falaba moi ben o galego, pero é que non importa iso. O que importa é como creamos unha cultura arredor dunha idea. E a idea é manter unha tradición como poden ser as súas 'superavoas' ou como poden ser os zocos de Elena Ferro", apunta Maseda.

Abrir o debate e difundilo é o obxectivo fundamental desta xornada que, no seu tratamento integral das artes, achegouse tamén a creadores galegos na internet para que contasen nos seus vídeos as cuestión clave que se van apuntar este ano. O divulgador e creador da canle A Lobeira Today Fran da Lobeira e mais Nee Barros, divulgadore cultural, escritore e youtubeire, conversaron coas persoas participantes e promoveron entre os seus seguidores debate que terá lugar este xoves e rematará coa actuación das regueifeiras Lupe Blanco e Olaia Liñares.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.