Nos últimos catro anos o número de alumnos e alumnas de portugués pasou dos 2.391 estudantes en 2019 aos 4.638 neste curso 2023-2024 na ESO e Bacharelato . Mentres, a Xunta propón 0 prazas nas próximas oposicións para o profesorado de Secundaria
Saír da retórica e avanzar con feitos. Isto é o que defende o profesorado de portugués, agrupado na asociación Docentes de Portugués na Galiza, que cualifica de "vergoñenta" a proposta da Consellería de non convocar prazas de especialistas nas vindeiras oposicións pois o profesorado existente non premite atender de forma profesional a demanda crecente do estudantado.
Nos últimos catro anos o número de alumnos e alumnas de portugués duplicouse en Galicia, ao pasar dos 2.391 estudantes en 2019 aos 4.638 en ESO e Bacharelato neste curso 2023-2024. Non é unha cifra alta e apenas atinxe o 3,6% do sistema educativo galego da secundaria mais denota unha tendencia positiva da implantación dun idioma que para os galegos resulta moito máis doado de aprender do que o inglés ou francés. A estas cifras hai que lle engadir outros 1.015 estudantes de portugués de oito Escolas Oficiais de Idiomas.
“Nós estamos en Ponteareas, que é un contexto moi castelanizado e de súpeto para os rapaces o galego adquire moito valor e séntense empoderados”
Autoconfianza, empoderamento ou motivación son algunhas das palabras que Teresa Carro, profesora de portugués no IES do Barral, en Ponteareas, emprega para referirse ao que percibe nos seus alumnos cando comezan a estudar o idioma portugués. “Normalmente entra como 2ª Lingua Estranxeira en 1º e 2º da ESO e ten moitísimo éxito porque para os rapaces realmente non é unha lingua estranxeira e teñen moitísima competencia na materia”, explica.
A coincidencia do vocabulario cando, por exemplo, comezan a explicar as partes do corpo, e a conexión cultural e social esperta unha motivación na rapazada que fai que moitos continúen con esta escolla ata BAC. Carro asegura que nestas aulas de portugués falan galego dun xeito natural, curiosamente. “Nós estamos en Ponteareas, que é un contexto moi castelanizado e de súpeto para os rapaces o galego adquire moito valor e séntense empoderados” , indica a profesora, que ten 175 alumnos na ESO con portugués e outros 52 en BAC.
“Os galegos e as galegas van moito a Portugal e alí os rapaces e as rapazas séntense protagonistas porque poden explicarlle aos seus pais palabras ou aspectos culturais que vemos nas clases”, asegura Teresa Carro.
A dificultade do idioma, relata, chega despois cando teñen que dar o salto e atinxir o sotaque, mais é algo que van acadando aos poucos, como pasaría en calquera outra lingua.
O profesorado tamén coincide en que o portugués é unha extraordinaria medida de atención á diversidade. Trátase dun idioma accesible para todos, no que os estudantes con dificultades teñen máis recursos para poder aprobalo fronte ao inglés ou francés. Isto vese reflectido nas cifras de escolla do portugués como Lingua Estranxeira I no bacharelato, máis avultadas nas Epapu (Centro público de educación e promoción de adultos).
Na lista de oito centros nos que se estuda portugués como primeira lingua estranxeira no BAC en Galicia destacan a Epapu Albeiros de Lugo e a Eduardo Pondal da Coruña, con 36 e 25 alumnos respectivamente. Mesmo número (25) ten o IES San Clemente de Santiago e no Barral de Ponteareas, pola súa banda, escolleron 22 alumnos e alumnas o portugués como Lingua Estranxeira I.
Luís F. Figueroa, secretario da asociación de Docentes de Portugués na Galiza (DPG), explica que neste intres estamos nun momento de transición. Van facerse xa dez anos da aprobación da Lei Paz Andrade para o aproveitamento da Lingua portuguesa e vínculos coa Lusofonía e catro desde que se convocaron as primeiras oposicións, con 4 prazas para especialistas que daquela xa percibían como escasas desde a asociación.
“Existe unha promoción bucólica do portugués, pero hai que saír da retórica e ir aos feitos para normalizar o idioma”, explican desde a asociación DPG
“Existe unha promoción bucólica do portugués, pero hai que saír da retórica e ir aos feitos para normalizar o idioma”, explica Figueroa. Actualmente hai uns 80 centros en Galicia onde se imparte o portugués na Secundaria mais apenas existen 26 especialistas deste idioma. “Fanse moitos esforzos por parte do profesorado, pero non se crean os mecanismos para poder ofrecer unha alternativa ao inglés ou francés”, lamenta o representante da DPG.
Desde aquelas históricas primeiras oposicións para os profesores de portugués en Secundaria , en 2019, con catro prazas, só houbo dúas convocatorias con cadansúas seis prazas máis. En total, foron ofertadas 16 prazas para especialistas nos últimos catro anos, ás que se sumaron outros dez profesores que adquiriron a especialidade. Con 80 centros onde se imparten aulas de portugués as contas non saen: “Necesitaríamos 80 profesores especialistas como mínimo”, aseguran os docentes.
A asociación de docentes cualifica de vergoñento que a Xunta non convoque prazas de portugués nas oposicións de Secundaria e exixe que reconsidere a súa oferta
Desde a DPG valoran estas pequenas conquistas –agora xa teñen lista de profesorado de substitución- mais pensan que xa é hora de “saír do voluntariado” e defender a profesionalidade. “Necesitamos un departamento propio, con especialistas”, defende o secretario da asociación de Docentes de Portugués, que é profesor na Epapu Eduardo Pondal da Coruña.
A asociación vén de celebrar unha reunión coa Consellería de Educación hai uns días na que solicitaron a confirmación de que vai haber novas oposicións para profesores de portugués en 2024 e solicitaron un mínimo de 10 prazas na convocatoria de Secundaria. Porén, esta semana fíxose pública a proposta de prazas da Xunta para as oposicións de Secundaria, que non incluén ningunha para portugués, que para a DPG é simplemente "vergoñento".
A asociación explica que desde que en 2019 comezou a especialidade na Secundaria, a convocatória de prazas de portugués foi constante a pesar de contar cun número tímido de prazas, "número que sempre pedimos para ser aumentado. Con todo este ano o número proposto é 0", detalla. Para a DPG isto sería retornar a 2018. "Esta oferta está a desconsiderar as reformas e o crecemento exponencial da materia e todo o traballo feito non só pola DPG mais por todos os compañeiros que impartem a materia nos centros de ensino", lamaenta.
"Exiximos ao Goberno que reconsidere a súa oferta, o que aínda pode ser feito en 16 de xaneiro cando traten do número concreto de prazas cos sindicatos", indica a DPG.
A asociación remitiu este xoves unha detallada carta aberta ao conselleiro onde argumentan as súas reivindicacións.
Os docentes de portugués solicitan que se poidan facer prematrículas para que o alumnado poida mostrar o seu interese
O docentes teñen constatado que hai interese polo idioma, mais faltan as estruturas e solicitan tamén algo tan sinxelo como que nos sobres de matrícula se ofreza unha prematrícula do portugués para que o alumnado poida mostrar a súa escolla. “Ao non haber prematrículas, non hai estrutura. Non podemos manternos no voluntariado vinte anos máis”, subliña Luís F. Figueroa.
Pola súa banda, a Consellería de Educación defende que desde a aprobación da Lei Paz Andrade o portugués foise consolidado no ensino galego. “De feito, multiplicouse por catro o alumnado galego que estuda portugués en ESO e Bacharelato. Isto é froito da aposta clara pola ensinanza desta lingua e polo reforzo de lazos culturais e lingüísticos co país veciño”, asegura.
A Xunta subliña a súa “intención de ampliar o proxecto piloto” desenvolvido no curso 2021/22 co programa Camões Júnior, grazas ao que 83 estudantes de Secundaria obtiveron o seu certificado de lingua portuguesa en distintos niveis entre o A1 e o B1.
A Consellería de Educación pon de relevo tamén a colaboración específica coa asociación cultural e pedagóxica Ponte... nas Ondas! para implantar o seu modelo no sistema educativo galego de xeito oficial . Destaca tamén que por primeira vez este curso, en colaboración coa Asociación de Docentes de Portugués, realizouse unha campaña entre os alumnos dos institutos (Portugués, amor a primeira vista) para animar aos mozos a que se matricularan neste idioma. Aínda que desde a DPG aseguran que a Xunta non fixo divulgación e que a teñen que facer todo desde a asociación, “ata onde podemos”.