36 persoas morreron en Galicia por mor de afogamentos accidentais nos distintos espazos acuáticos entre xaneiro e xuño. A cifra, moi por riba dos datos de anos anteriores, sitúa o noso país como o territorio do Estado con máis falecementos por esta causa
36 persoas morreron en Galicia por mor de afogamentos accidentais nos distintos espazos acuáticos entre xaneiro e xuño. A cifra, moi por riba dos datos de anos anteriores, sitúa o noso país como o territorio do Estado con máis falecementos por esta causa, segundo a estatística do Informe Nacional de Afogamentos, que elabora dende o 2015 a Real Federación Española de Salvamento e Socorrismo. O pasado ano, por exemplo, producíronse 46 mortes por afogamento en Galicia no conxunto dos doce meses, non lonxe das cifras deste 2024 en só medio ano. E en 2022 foron 39 os falecementos.
Galicia sitúase por diante dos datos de Andalucía (32) e a Comunidade Valenciana (27), ambas as dúas con moita máis poboación, a e moita máis distancia do resto. Asturias, por exemplo, rexistra 9 mortes por afogamento e Eusakdi tan só 4.
O pasado ano producíronse 46 mortes por afogamento en Galicia no conxunto dos doce meses, non lonxe das cifras deste 2024 en só medio ano. E en 2022 foron 39 os falecementos.
A maior parte das mortes rexistradas este ano en Galicia e no conxunto do Estado producíronse en espazos sen vixilancia (é dicir, en praias ou piscinas sen servizo de socorrismo). De feito, unha proporción significativa dos falecementos galegos déronse en ríos e encoros, non tanto nas praias, a diferenza da tónica habitual no resto de España. A estatística inclúe tamén suicidios ou posibles suicidios, pois non resulta doado concluír na maior parte dos casos o carácter accidental ou intencionado do afogamento.
A maior parte das mortes rexistradas este ano en Galicia e no conxunto do Estado producíronse en espazos sen vixilancia
O pasado ano o Informe con datos para o conxunto de España apuntou que a maior parte das persoas que morren afogadas de forma accidental en espazos acuáticos son homes (o 80%) e de máis de 55 anos. De feito, os maiores de 65 anos supoñen o 50% dos falecementos.
O maior número de mortes prodúcense en praias (55%), seguidas de ríos (15%) e piscinas (11%). O 24% dos falecementos déronse en lugares con vixilancia, o 35% en espazos sen vixilancia e o 41% en puntos onde esta non era necesaria.
A estatística inclúe tamén suicidios ou posibles suicidios, pois non resulta doado concluír na maior parte dos casos o carácter accidental ou intencionado do afogamento
Aínda que non hai datos galegos para o ano 2023, os indicadores xerais coinciden cos que a Federación daba para Galicia nunha análise das súas estatísticas entre os anos 2015 e 2019. Ese informe daba conta de que os falecidos eran sobre todo homes (o 81%) e de idade avanzada: o 45% tiña máis de 65 anos e o 61% máis de 55 anos.
A inmensa maioría das mortes rexistrábanse en zonas sen vixilancia. De feito, no 2017 non se produciu ningunha morte en espazos con servizo de socorrismo e nos anos 2016 e 2018 foron tan só o 6%. As praias eran o lugar con máis afogamentos mortais en Galicia, un 41%, seguidas dos ríos (21%) e das piscinas (3%).