11 afogamentos accidentais nas augas galegas en decembro elevan a 39 as mortes en todo o 2022

A maior parte das mortes por afogamentos accidentais teñen lugar en praias sen servizo de socorrismo CC-BY-NC-SA sir3_

O pasado ano 2022 faleceron en Galicia 39 persoas por mor de afogamentos accidentais nos distintos espazos acuáticos. 11 delas fixérono en decembro, que se converteu deste xeito nun dos peores meses da serie histórica dende que hai rexistros comparables. De feito, estes 11 falecementos foron máis dun terzo do total dos producidos no conxunto do Estado (29).

Dende o ano 2015 houbo 369 mortes por afogamento accidental nas augas galegas

Son os datos do Informe Nacional de Afogamentos, que elabora dende o 2015 a Real Federación Española de Salvamento e Socorrismo. As 39 mortes que tiveron lugar en Galicia o pasado ano supoñen un incremento do dato do ano anterior (17), especialmente reducido por mor das restricións introducidas por mor da pandemia de COVID. Con todo, é unha cifra interior á que se viña dando nos exercicios anteriores, cun máximo de 69 mortes no ano 2016.

As 11 mortes de decembro convérteno nun dos peores meses da serie histórica dende que hai rexistros comparables

En 2022 Galicia foi a quinta comunidade autónoma con máis mortes por esta causa, só por detrás da Comunidade Valenciana (67), Canarias (63), Andalucía (56) e Catalunya (40) e co mesmo dato que as Illas Baleares (39).

Dende o ano 2015 houbo 369 mortes por afogamento accidental nas augas galegas e unhas 3.138 no conxunto de España. O dato galego supón o 11,76% do total.

En opinión do portavoz e director de Prevención e Seguridade da Real Federación Española de Salvamento e Socorrismo, Francisco Cano, os datos de 2022 poñen de manifesto que "lonxe de diluírse, os afogamentos non intencionais nos espazos acuáticos españois son un problema de primeira orde de saúde e seguridade pública". A Federación reclama dende hai anos a posta en marcha dunha "política de Estado sobre este asunto" e dunha "estratexia estatal de seguridade acuática".

Tanto a Federación española coma a galega lembran que unha gran parte das mortes se producen en praias que carecen de servizo de socorrismo

Tanto a Federación española coma a galega lembran que unha gran parte das mortes se producen en praias que carecen de servizo de socorrismo, moitas veces polas dificultades que está a haber nos últimos anos para atopar persoal que cumpra coas esixencias legais para este posto.

A Federación Galega de Salvamento e Socorrismo leva anos reclamando cambios na regulación para mellorar o servizo que se dá nas praias galegas e igualmente mellorar as saídas profesionais e as condicións laborais dos e das socorristas. E, igualmente, a Federación Española de Salvamento e Socorrismo ten reclamado "unha formación de calidade e non de cantidade para que haxa vixilancia en todos os espazos acuáticos".

Socorristas nunha praia CC-BY-SA JonRo

O perfil das persoas que falecen por esta causa: homes de máis de 55 anos

8 de cada 10 falecidos por esta causa son homes e en Galicia o 61% ten máis de 55 anos

Os datos de 2022 para o conxunto de España apuntan que a maior parte das persoas que morren afogadas de forma accidental en espazos acuáticos son homes (o 80%) e de máis de 55 anos. De feito, os maiores de 65 anos supoñen o 29% e as persoas entre 55 e 64 anos outro 13%. Os menores de idade supoñen o 9,4% e os mozos e mozas entre 18 e 34 anos o 8,9%.

O maior número de mortes prodúcense en praias (55%), seguidas de ríos (13,7%) e piscinas (13,2%). O 22,8% dos falecementos déronse en lugares con vixilancia, o 46% en espazos sen vixilancia e o 24,4% en puntos onde esta non era necesaria.

En 2022 o 23% das mortes déronse en espazos con vixilancia, o 46% en espazos sen vixilancia e o 24,4% en puntos onde esta non era necesaria

Aínda que non hai datos galegos para o ano 2022, os indicadores xerais coinciden cos que a Federación daba para Galicia nunha análise das súas estatísticas entre os anos 2015 e 2019. Ese informe daba conta de que os falecidos eran sobre todo homes (o 81%) e de idade avanzada: o 45% tiña máis de 65 anos e o 61% máis de 55 anos.

A inmensa maioría das mortes rexistrábanse en zonas sen vixilancia. De feito, no 2017 non se produciu ningunha morte en espazos con servizo de socorrismo e nos anos 2016 e 2018 foron tan só o 6%. As praias eran o lugar con máis afogamentos mortais en Galicia, un 41%, seguidas dos ríos (21%) e das piscinas (3%). 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.