Felisa Nchama Alogo Abuy chegou a Madrid dende Guinea sendo unha nena con Aldeas Infantís a causa da súa perda de visión. Hai 15 anos pasou a vivir cunha familia de acollida en Ourense e aquí se graduou en Dereito
Felisa Nchama Alogo Abuy ten 35 anos e é orixinaria de Guinea Ecuatorial. Aos nove anos perdeu a vista e grazas a un programa da ONG Aldeas Infantís veu para Madrid, onde estivo controlada por oftalmólogos. Medrou nun centro para menores en situación de desamparo familiar, no que puido quedar máis tempo do habitual a causa da perda de visión. Cando rematou 1º de Bacharelato pasou a vivir cunha familia de acollida en Ourense, coa que rematou o instituto e se graduou en Dereito pola Universidade de Vigo. Buscou traballo, coas dificultades engadidas da súa discapacidade, e acabou preparando unha oposición para a Xunta de Galicia, na que acadou a puntuación máis alta no último exame.
"Quero contar que unha muller nova, negra e cunha discapacidade visual pode aprobar unha oposición do grupo A da Xunta", di por teléfono nun perfecto galego. Cando naceu non detectaron que tiña un glaucoma, de feito, non souberon da súa enfermidade ata que perdeu practicamente toda a visión. "Cando cheguei a España xa case non tiña resto visual, conseguiron deixarme cun 3% ata hai relativamente pouco. Pero agora xa non vexo nada", explica.
Decidiuse a compartir a súa historia porque sabe da dificultade das mulleres negras para atopar referentes, mais tamén das mulleres con algunha discapacidade. Ademais, nun contexto de auxe do fascismo e da ultradereita, quere aportar o seu gran de area para "incorporar ao imaxinario colectivo experiencias e historias en positivo".

"Busquei traballo por todos os medios e só din con oportunidades laborais temporais e precarias. Por iso, a miña sogra e mailo meu mozo animáronme a tentalo coas oposicións. Pensei que a Administración é a primeira que ten que cumprir as súas propias normas, quería atopar unha estabilidade e ter certas garantías laborais", lembra.
Axiña bateu cunha realidade que coñecen aquelas persoas inmersas no universo das oposicións, e é que as academias preparatorias teñen uns custes elevados, non ao acceso de calquera. "Fun a por todas", salienta, "pero cheguei á conclusión de que tería que preparalas sen academia ou preparador, polos custes".
"O exame de leis prepareino estudando directamente no BOE, coa vantaxe de que cada repaso facíao sobre a última actualización, que é sobre a que ían preguntar no exame. E fixen todos os tests de Opositatest para practicar", debulla. As persoas que non fan uso de ningún tipo de resto visual traballan con lectores de pantalla, que é basicamente unha voz que lles vai lendo todo.
Este ano tomou posesión como funcionaria do grupo A na Xunta tras sacar a nota máis alta á primeira. "É moi importante que tanto o BOE como Opositatest cumpran cos requisitos de accesibilidade necesarios para poder ser empregados por todos os cidadáns"
Ao principio, a plataforma de simulación de probas de exames que empregou non funcionaba ben co lector de pantalla, así que lles trasladou unha consulta sobre se había algo que puidera facer e, moi amables, realizaron axustes no seu sitio web para que todo lle resultara accesible. "É moi importante que tanto o BOE como Opositatest sexan un gratuíto e o outro de moi baixo custe. E que ambos cumpran cos requisitos de accesibilidade necesarios para poder ser empregados por todos os cidadáns", afirma.
Felisa destaca sempre as boas persoas que atopa no camiño, como outra rapaza que aprobara as oposicións dos grupos A1 e A2 e lle prestou os seus temas. "Foi unha pasada, os seus temas foron o meu profesor, tomeinos como punto de partida", celebra, aínda que tamén mercou tres temarios de tres academias distintas e descargou a documentación da EGAP.
"Tras dous exames de seis e oito horas, respectivamente, obtiven nota de corte no primeiro exame tanto no corpo de xestión como no corpo superior da Xunta de Galicia (subgrupos A2 e A1)", relata. E no último exame do subgrupo A2 sacou a nota máis alta. "Aínda que queda para outro día falar das serias eivas de accesibilidade nestes procesos selectivos, que impiden a moitas persoas chegar", apunta Felisa.
O proceso para preparar a oposición pola súa conta resultoulle "esgotador", chegou a estudar 14 horas diarias, pero "o día que saíron as notas, foi incrible". "O meu mozo vía o meu nome na primeira posición da lista e non entendía moi ben. Tardou uns segundos en comprender que eu sacara a nota máis alta de toda a convocatoria nese último exame", recorda.
"El presenciara todo o proceso, e non é que non confiara, pero era a primeira vez que me presentaba. Non contaba cun preparador o cunha academia e levaba menos de dous anos preparándome", engade Felisa, que tomou posesión da súa praza como funcionaria pública do corpo de xestión da Xunta en xaneiro deste ano.
"Oxalá este tipo de feitos pasen a ocupar o seu espazo no imaxinario colectivo en relación a tantos e tantos colectivos tan inxustamente maltratados nel"
"Oxalá este tipo de feitos pasen a ocupar o seu espazo no imaxinario colectivo en relación a tantos e tantos colectivos tan inxustamente maltratados nel", incide Felisa. Ela móvese soa por Ourense coa axuda dun bastón, para iso pasou por un proceso de rehabilitación que lle aprendeu certas referencias que tomar na rúa ou nos espazos públicos pechados. Ás veces precisaría da axuda dun técnico, pero non hai suficientes para todas as persoas que precisan da súa achega.
Felisa describe como na rúa ten que ter máis coidado cos peóns que cos farois, pois a xente vai mirando para o teléfono móbil e non se decata do que pasa ao seu arredor. As terrazas das cafeterías e restaurantes non axudan tampouco, pois invaden as beirarrúas e incluso as chamadas liñas de encamiñamento, que marcan o camiño para as persoas cegas para que as detecten co caxato.
"Onde vivo cada vez que sigo unha liña de encamiñamento acabo na mesa dunha terraza –conta–. Hai que tomalo con humor, pois na práctica é gracioso; pero se tes un mal día non che fai ningunha gracia. Tómoo a ben porque sei que a xente non o fai por mal cara a min, pero como sociedade temos que tomar conciencia". Neste sentido, lanza unha petición para que todos os semáforos conten con avisos acústicos cando estean en verde para os peóns, unha gran axuda para a mobilidade de todas e todos.