247 persoas morreron afogadas en Galicia dende o 2015, case todas en zonas sen servizo de socorrismo

Socorristas nunha praia CC-BY-SA JonRo

Este martes un home de 60 anos morreu afogado na praia da Marosa, en Burela. O falecido meteuse na auga ás 11 da mañá, unha hora antes de que comezase a xornada laboral dos socorristas, que se encargan dos labores de vixilancia e salvamento a partir das 12 do mediodía. É a cuarta morte por afogamento que se produce en Galicia no que levamos de mes, 30 no que vai de ano.

Este martes un home de 60 anos morreu afogado na praia da Marosa, en Burela. O falecido meteuse na auga ás 11 da mañá, unha hora antes de que comezase a xornada laboral dos socorristas

O noso país é unha das comunidades autónomas nas que máis afogamentos se producen, segundo as estatísticas da Real Federación Española de Salvamento e Socorrismo. Dende o ano 2015 son 247 os falecementos e a inmensa maioría producíronse en espazos (praias, encoros, piscinas, ríos...) sen servizos de vixilancia. O dato galego só é superado polo de Andalucía (294), co triplo de poboación, e sitúase por riba das cifras da Comunidade Valenciana (228) e Cataluña (205).

En paralelo, nos últimos anos veñen rexistrándose grandes dificultades para cubrir todas as prazas de socorrismo convocadas polos concellos para garantir a seguridade nas praias. En parte, a causa son as elevadas esixencias fixadas pola Xunta para aquelas persoas que queiran exercer estas funcións. Dende o ano 2012 o Goberno galego obriga a pasar por 420 horas de cursos para obter o título obrigatorio, mentres que noutras comunidades autónomas a formación requirida se reduce a unhas poucas horas. A normativa galega asegura unha mellor preparación, pero desalenta a moitas persoas, sobre todo tendo en conta que a tempada de verán en Galicia é moito máis curta que noutras comunidades (apenas dous meses de traballo en moitos casos).

A Federación Española de Salvamento e Socorrismo reclamou "unha formación de calidade e non de cantidade para que haxa vixilancia en todos os espazos acuáticos"

A Federación Galega de Salvamento e Socorrismo leva anos reclamando cambios na regulación para mellorar o servizo que se dá nas praias galegas e igualmente mellorar as saídas profesionais e as condicións laborais dos e das socorristas. E, igualmente, a Federación Española de Salvamento e Socorrismo reclamou "unha formación de calidade e non de cantidade para que haxa vixilancia en todos os espazos acuáticos". Este verán de novo un gran número de praias tiveron que renunciar a ofrecer servizo de socorrismo e noutros concellos tívose que optar por habilitalo unicamente unhas poucas horas ao día (normalmente de 12 a 20 horas).

As vítimas: homes, de máis de 55 anos e en praias non vixiadas

No 2017 non se produciu ningunha morte en espazos con servizo de socorrismo e nos anos 2016 e 2018 foron tan só o 6%

As estatísticas oficiais permiten tirar algunhas conclusións sobre os afogamentos que, en gran número, se rexistran nas augas galegas. O ano 2016 foi o de maior mortalidade, cun total de 69 vítimas, e no 2015 a cifra foi a menor, con 41. No que levamos de ano houbo xa 30 mortes, unha cifra semellante á que se rexistraba no 2018 por estas mesmas datas.

A inmensa maioría das mortes rexístranse en zonas sen vixilancia. De feito, no 2017 non se produciu ningunha morte en espazos con servizo de socorrismo e nos anos 2016 e 2018 foron tan só o 6%. As praias son o lugar con máis afogamentos mortais en Galicia, un 41%, seguidas dos ríos (21%) e das piscinas (3%). Con todo, cómpre ter en conta que a estatística recolle un 35% de mortes en outros  lugares, unha cateogría moi ampla que abrangue encoros, portos, afogamentos en inundacións (como o que tivo lugar o pasado ano en Viveiro) e, sobre todo, as mortes por afogamento de mariñeiros e mariscadores. O pasado ano estes últimos casos representaron 9 dos 49 falecementos.

O 45% dos falecidos tiña máis de 65 anos e o 61% máis de 55 anos

Cal é o perfil das persoas que morren afogadas en Galicia? Son sobre todo homes (o 81%) e de idade avanzada: entre os anos 2015 e 2018 o 45% tiña máis de 65 anos e o 61% máis de 55 anos.

Finalmente, a maior parte dos afogamentos tiveron lugar nas provincias con costa, sobre todo A Coruña (99 mortes entre 2015 e 2018) e Pontevedra (63). En Lugo rexistráronse 37 mortes e en Ourense 18.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.