Regresa o debate sobre a eutanasia

Case vinte despois da morte de Ramón Sampedro, o recente suicidio de José Antonio Arrabal, afectado pola grave doenza da ELA, colocou no primeiro plano da atención mediática o vello debate sobre a eutanasia.

Unha sociedade democrática non pode virar as costas ao problema do dereito a unha morte digna das persoas que, por mor dunha doenza terminal ou incapacitante, dun accidente ou de calquera outra circunstancia, arrastran unha existencia que segundo os seus criterios non paga a pena ser vivida. Non é xusto nin humano que a sociedade ignore o sufrimento que levan aparrelladas as doenzas irreversíbeis ou as penalidades dunha vida de postración absoluta. Se os dereitos humanos constitúen unha referencia básica do ordenamento social, non se pode impedir que as persoas que padecen esas situacións podan decidir -se esa é a súa vontade libremente expresada- dar por finalizada a súa existencia.

Non estamos a falar dunha decisión irreflexiva, adoptada nun momento de desesperación ou de depresión aguda. Trátase de mostrar o maior respecto á vontade dunhas persoas que asumen cabalmente a decisión de seren donas dos seus destinos, tamén á hora da morte. Se a liberdade consiste en que as persoas poidan decidir co mínimo de condicionamento e presións as opcións transcendentais das súas vidas, esa mesma liberdade debe facerse extensiva a poder decidir a morte cando, debido a circunstancias obviamente non elixidas, a vida non pode ser soportada por mais tempo.

Certamente, a decisión sobre a propia morte implica dilemas morais de difícil resolución. Non se debe buscar un consenso moral sobre a valorización das circunstancias nas que a vida humana merece tal nome. Tal consenso non é posíbel xa que suporía unha uniformidade en cuestións morais que a pluralidade ideolóxica e de crenzas existente na nosa sociedade fai inviábel. Por iso, un criterio fundamental de funcionamento dun corpo social permisivo e tolerante coa diversidade de opcións morais debe ser que aquelas decisións que atinxen ao mais fondo das nosas opcións morais sexan adoptadas de xeito libre por cada persoa. E, neste sentido, non hai decisións mais graves que as que se refiren á vida e á morte.

Resultan comprensíbeis as dificultades para establecer unha boa regulamentación do dereito a unha morte digna. Obviamente, a permisividade non pode ser utilizada para condicionar a vontade dos doentes, ben sexa polos seus familiares, ben sexa polo persoal sanitario. Tamén deben existir garantías para evitar unha utilización inadecuada dese dereito que pretenda eliminar a carga que supoñen -para o entorno familiar e o propio sistema sanitario- os doentes completamente incapacitados ou en fase terminal. Neste eido, non pode haber a mais mínima ambigüidade a respecto da necesidade de salvagardar, por parte dos poderes públicos, as vidas das persoas mais débiles e necesitadas de atención.

Sexa cal for a regulamentación legal pertinente para conseguir as devanditas garantías, segue sendo imprescindíbel encarar expresamente o dereito a unha morte digna, unha vez que as persoas afectadas decidiron que é esa a única liberación que poden esperar como remate a unha existencia que para elas é a negación da vida que non puideron gozar.

Nos anos transcorridos dende a morte de Ramón Sampedro, as maiorías parlamentares do PP e do Partido Socialista non foron quen de promover a normalización legal da eutanasia. Nalgúns casos argumentaron que non figuraba no seu programa electoral. Noutros momentos afirmaron que non constituía unha prioridade para a opinión pública ou que a sociedade non estaba madura para abrir o debate e aprobar a correspondente normativa.

Creo que non estamos ante un problema de madurez nin de falta de reflexión da maioría social sobre este tema. Hai inquéritos do CIS que acreditan unha receptividade moi ampla entre a poboación consultada. A inhibición desas formacións políticas ten a súa orixe no medo á reacción que o tratamento legal desta cuestión pode suscitar nos sectores mais conservadores e, singularmente, na xerarquía da Igrexa católica. Veremos se a decisión tomada por José Antonio Arrabal contribúe a remover estes vellos atrancos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.