Eutanasia significa boa morte

En Portugal, a Assembleia da República rexeitou en maio de 2018 unirse ao reducidísimo grupo de países que despenalizaron a eutanasia. En todos eles atopámonos con persoas que, sabedoras de que sofren unha doenza incurábel e para a cal tampouco existen coidados paliativos, deciden que a súa vida xa non ten sentido, aproveitan o tempo que lles queda para arranxar asuntos pendentes e ir despedíndose, poden escoller responsabelmente e en conciencia o momento da súa morte e contar co acompañamento médico que lles asegure unha fin en paz, e xa non senten a angustia de padeceren unha dor insoportábel e incontrolábel, de dependeren por completo dos demais e de que non se lles respecte sempre a súa vontade. En España, pola contra, a probabilidade dunha morte moi dolorosa ascende a case o 50%.

A eutanasia é pacificamente asumida, e desde hai moitos anos, por unha clara maioría da cidadanía, incluída a católica. Porén, castígase no Código penal, algo que só parece satisfacer o bloque católico pero nos coloca a todos, como se fósemos persoas incapaces, baixo unha incomprensíbel tutela do Estado, cando o único que pretendemos e morrermos sen sufrimento. Por suposto, unha despenalización da eutanasia non obrigaría ningún católico a infrinxir o postulado da súa igrexa de que o único propietario da vida é o seu deus; só liberaría os demais do sometemento a principios relixiosos e protocolos médicos tan alleos como crueis e aberrantes. Ninguén debe estar obrigado a vivir ou a morrer. Se somos autónomos á hora de escollermos o noso modo de vivir, por que debemos aceptar intromisións e prohibicións cando decidimos a nosa forma de morrer?

Semella que por fin o PSOE superou, non só o impacto da intensísima mobilización do bloque católico durante as dúas lexislaturas do presidente Rodríguez Zapatero, senón tamén a súa evidente desconexión verbo do electorado. Agora, por fin, vai intentar despenalizar a eutanasia regulada e controlada. Ten o seu mérito, porque se algo ten demostrado é unha enorme vacilación neste asunto, produto dunha evidente inconsistencia ideolóxica e programática en materia de laicismo. No seu programa para os comicios de 2004 propuxo unha comisión parlamentaria que debatese a eutanasia. Non pasou nada, e a eutanasia desapareceu dos programas electorais de 2008 e 2011 até que, nos de 2015 e 2016, o partido se comprometeu a abordala de novo, sempre que houbese un consenso ao respecto.

O 26 de xuño de 2018, o Congreso dos Deputados tomou en consideración (coa oposición do grupo popular) unha proposición de lei orgánica do PSOE para regular a eutanasia. A proposición recoñece o dereito das persoas a solicitar e recibir axuda para morreren cando padezan unha doenza grave e incurábel ou unha discapacidade grave crónica, e modifica o artigo 143.4 do Código penal para declarar non puníbel a conduta do médico que leve a cabo unha eutanasia. A igrexa carece de bases bíblicas claras, rexeita tanto a eutanasia como o encarnizamento terapéutico e acepta o uso de analxésicos aínda que abrevien a vida, pero, se temos en conta como reaccionou nos casos do divorcio, do matrimonio entre persoas do mesmo sexo e do dereito ao aborto, é razoabelmente previsíbel que volverá mobilizarse contra a humanización da morte.

Nos próximos tempos coñeceremos en detalle o repertorio argumental do bloque católico: a eutanasia –que forma parte, xunto co aborto, da cultura da morte– é un mal moral e un atentado contra a dignidade da persoa; hai que ter un respecto absoluto pola vida, alén da súa calidade; ninguén ten dereito a dispor arbitrariamente da propia vida; a regulación da eutanasia espalla subliminarmente a idea de que só paga a pena a vida dos mozos e das persoas sas; os nazis legalizaron a eutanasia; os médicos rexeitan a eutanasia porque é contraria ao xuramento hipocrático; a eutanasia significa o abandono terapéutico do doente; existen solucións alternativas, como os coidados paliativos; a eutanasia é unha solución insolidaria e perigosa porque é máis barata que os coidados paliativos; a eutanasia pode acabar sendo unha medida imposta e non voluntaria. Son argumentos certamente merecedores dun debate rigoroso. Pero todos ignoran unha cuestión central que, vista desde fóra do marco mental da fe, resulta obvia: en serio pensamos que poden existir razóns para negarnos o dereito a unha boa morte?

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.