A DGT cifra en preto de 3.300 horas -uns cinco meses- a suma dos cortes de tráfico neste tempo e instala novas balizas luminosas mentres agarda pola avaliación de prototipos de axuda á condución ou dispersión da néboa
O 3 de febreiro de 2014, hai agora oito anos, inaugurouse o último treito da Autovía do Cantábrico (A-8) pendente en Galicia, entre Mondoñedo e Abadín, ao seu paso polo alto do Fiouco. Apenas medio ano despois, o 26 de xullo, a mesta néboa que adoita rexistrarse na zona especialmente nos meses centrais do ano provocou un accidente múltiple cunha falecida e medio cento de persoas feridas. Desde aquela a Dirección General de Tráfico (DGT) e o Ministerio de Fomento veñen aplicando todo tipo de medidas paliativas que non evitan que se teña que seguir pechando ao tráfico a autovía cando peor visibilidade hai.
Este martes, na presentación dun novo tipo de balizas luminosas instaladas na zona, o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, revelou que en máis de sete anos dos oito que leva aberta a autovía, desde setembro de 2014 a novembro de 2021, permaneceu pechada nese treito durante 3.281 horas. Ese número de horas sumarían 137 días, case cinco meses, ou o 5% do tempo total analizado.
As novas balizas teñen luces ámbar e vermella que se van acendendo ao paso dos vehículos e advirten da súa situación aos que circulan detrás
Na zona veñen instalándose sucesivamente diversos tipos de iluminación e balizamento que foron reducindo progresivamente a duración dos peches e permitindo á DGT decidilos con moita máis flexibilidade en función das condicións cambiantes da climatoloxía. Agora as novas balizas, un total de 372 nas dúas marxes externas da autovía e separadas 50 metros entre si, permitirán aos condutores saber da existencia doutros vehículos diante súa. Situadas a 1,5 metros de altura, as balizas contan con dúas luces de maior potencia que as que había ata agora, unha ámbar e outra vermella “que se van acendendo conforme pasan os coches, para advertir aos veñen detrás ao tempo que sinalizan as marxes da vía”, segundo a explicación ofrecida.
Segundo o delegado do Goberno, a información que ofrecerán estas novas balizas aos condutores, ao indicarlle que por diante súa vai outro vehículo a máis ou menos distancia da segura, permitirá reducir a 30 metros a visibilidade mínima á que a autovía terá que seguir sendo pechada. Deste xeito, exemplificou, as 3.281 horas que estivo pechada ata o momento serían só 722 horas de peche de estar activo o novo sistema. “Con estas novas balizas, de cada catro veces que a autovía estivo pechada nestes anos por néboa pasaremos a só unha”, dixo Miñones.
O Ministerio de Transportes aínda está a avaliar os resultados dos prototipos de axuda á condución ou dispersión da néboa que probou na zona nos últimos meses
Só desde 2015, segundo se indicou este martes, a DGT leva investidos 4,4 millóns de euros en sistemas similares de sinalización, iluminación ou control meteorolóxico, mentres que o Ministerio de Transportes vén desenvolvendo por outros 5,6 millóns un proceso de proba de inventos que poidan dar unha solución definitiva á néboa. Tras as probas dos prototipos na zona o pasado ano [aquí as características de cada un], agora están a avaliarse os resultados antes de tomar a decisión de cal ou cales, el solitario ou combinados, poden ser instalados na zona a gran escala, para o que aínda habería que convocar un concurso público.
De momento, só coas actuacións xa realizadas pola DGT e co proceso xa desenvolvido de proba de prototipos por Transportes, o Goberno central leva investidos 10 millóns de euros en diferentes melloras da seguridade viaria neste treito, cifra que hai que engadir aos 200 millóns de euros que custou a construción dese treito de 16 quilómetros afectado pola néboa.