Galicia recibe competencias de permisos a estranxeiros e aeródromos: 3 con Rueda, 0 con Feijóo

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o ministro de Política Territorial, Ángel Víctor Torres, tras pechar dúas novas transferencias de competencias a Galicia este xoves CC-BY-SA Xunta de Galicia

A comezos do próximo ano a Xunta será quen outorgue permisos de traballo e autorizacións para aeródromos e helicópteros, mentres o Estado manterá os permisos de residencia e o control aéreo 

O ministro de Política Territorial, Ángel Víctor Torres, pechou este xoves en Santiago co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o acordo definitivo, tras varios meses de negociacións, para a transferencia do Estado a Galicia das competencias para xestionar os permisos de traballo iniciais de persoas extranxeiras e a supervisión dos aeródromos e heliportos non comerciais, unhas corenta instalacións en todo o país á marxe dos aeroportos da Coruña, Santiago e Vigo. Con estas xa son tres as transferencias de competencias logradas durante os tres anos e medio de Rueda como presidente da Xunta, fronte a ningunha durante os 13 anos previos de Alberto Núñez Feijóo.

O acordo deste xoves foi ratificado por Rueda e Torres logo dunha reunión en Santiago da Comisión Mixta de Transferencias Galicia-Estado, que non se producía desde abril do pasado ano co traspaso das competencias sobre o litoral. Segundo comunicado, a Xunta pasará a asumir a autorización inicial de traballo por conta propia ou allea a persoas estranxeiras cuxa relación laboral se desenvolva en Galicia, mentres que o Estado seguirá sendo o competente nas autorizacións de residencia. Esta transferencia farase efectiva no primeiro trimestre de 2027.

No que se refire aos aeródromos e heliportos non cualificados como de interese xeral, o traspaso "afecta a un total de 40 infraestruturas: a gran maioría úsanse para a loita contra os lumes forestais, pero tamén para transporte sanitario ou salvamento marítimo", salienta a Xunta. A administración galega pasará a ocuparse de autorizar os proxectos de construción ou modificación, a apertura ao trafico dos mesmos e os instrumentos de ordenación que lles afecten. O Estado seguirá ocupándose de funcións como o control aéreo ou a inspección, que seguirá dependendo da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA). Esta transferencia espérase facer efectiva o 1 de xaneiro do próximo ano.

Reunión en Santiago da Comisión Mixta de transferencias este xoves 5 de novembro de 2026 CC-BY-SA Xunta de Galicia

Os novos traspasos son froito de negociacións que mereceron o agradecemento de Rueda ao ministro Torres fronte ás habituais críticas partidistas

As dúas novas competencias obtidas para Galicia son froito de varios meses de negociacións entre Xunta e Goberno de España que, fronte ás habituais críticas partidistas, mesmo mereceron o agradecemento e recoñecemento ao ministro Torres por parte do presidente Rueda. Pola contra, a anterior competencia obtida, a da xestión do litoral lograda o pasado ano, fora froito dun preito gañado pola Xunta no Constitucional ante o Executivo de Sánchez.

A Xunta impulsara unha lei galega para exercer competencias sobre a costa e o Goberno de España recorreuna ante o Constitucional, que en abril de 2024 avalou a norma galega abocando ao Estado a negociar o traspaso desas competencias, concretado o 1 de xullo do pasado ano. Porén, esa foi unha das poucas vitorias da Xunta fronte ao Estado no Constitucional desde que en 2009 Feijóo se fixo coa presidencia. [A Xunta perdeu 16 dos 19 preitos co Estado abertos no Tribunal Constitucional desde 2009].

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.