O Día Nacional, outra volta coa Xunta optando por un baixísimo perfil, celébrase no marco da fin do período sen novas competencias máis longo da historia da autonomía
O baixísimo perfil que o Goberno galego vén optando por dar á conmemoración do Día Nacional de Galicia ten, entre outras moitas, a implicación de que a data adoita pasar desapercibida como celebración de seu -con independencia das múltiplas parroquias coa advocación ao apóstolo Santiago que están estes días de festa-, mais tamén como contorna de debate e avaliación do autogoberno galego. Este segundo aspecto fica, fundamentalmente, limitado aos actos políticos das forzas da actual oposición.
Malia este contexto de atonía o certo é que este Día Nacional de 2026 é o segundo dende a fin da seca competencial máis prolongada da historia da autonomía, os 17 anos transcorridos entre as derradeiras competencias logradas pola Xunta con PSdeG e BNG á fronte (2008) e as primeiras do Executivo do PP, as da xestión do litoral o pasado 2025. Polo medio, o mandato do único presidente da Xunta que non logrou unha soa competencia nova, Alberto Núñez Feijóo.
Que o marcador do autogoberno deixou de estar a cero o pasado ano é innegable. Como innegable é que todo apunta a que a Xunta sumará en breve unha nova competencia, a das autorizacións de permisos de traballo para persoas estranxeiras, toda vez que o Ministerio de Política Territorial asegura que en cuestión de "días" ten "previsto ultimar coa Xunta o tramo final da negociación". Nesa liña, o departamento que dirixe Ángel Víctor Torres asegura "compartir" co Executivo galego o "obxectivo de celebrar canto antes a Comisión Mixta de Transferencias para formalizar o acordo definitivo".
A Comisión Mixta de Transferencias Xunta-Estado estivo 13 anos sen reunirse por non ter nada que tratar. En 2025 deu o visto e prace ao traspaso da xestión do litoral e en breve abordará o dos permisos de traballo
Este órgano, o encargado de pechar os novos traspasos, é un dos mellores espellos da parálise no autogoberno durante máis dunha década. Non se reuniu por non ter nada que tratar durante 13 anos, dende que a finais de 2009 o Goberno do PSOE de Zapatero concretou co daquela novo gabinete de Feijóo detalles pendentes de traspasos acordados con PSOE e BNG na Xunta ata que, en xuño de 2022 -xa con Rueda como presidente- volveu celebrar un encontro para acordar que a Galicia xestionase -ao xeito doutras autonomías- un imposto sobre xestión de refugallos.
A seguinte, en abril de 2025, foi para pechar o traspaso das competencias do litoral, logradas despois de que a Xunta obtivese o visto e prace do Tribunal Constitucional contra o criterio do Goberno de España. Mesmo contando a que previsiblemente será convocada para pactar o traspaso dos permisos de traballo, o órgano para incrementar o autogoberno reuniuse máis veces en tres anos e medio de mandato de socialistas e nacionalistas que en dezasete dos populares en Galicia.
Renuncias a competencias clave
O reinicio dos traspasos de competencias non impide, así e todo, que o actual Goberno galego e o PPdeG que o sustenta se reafirmen na renuncia a competencias clave mediante o rexeitamento a pedilas. Varias delas, con especial relevancia simbólica e política que os populares galegos chegaron a apoiar no pasado.
O ferrocarril de proximidade, a Policía, o tráfico ou o salvamento marítimo destacan entre as competencias que nos últimos anos Xunta e PP se negan a pedir e asumir malia teren cobertura no Estatuto
Mentres o Congreso vén de aprobar definitivamente a lei para o traspaso da AP-9 co "non" do PP, que reitera que si desexa asumir a competencia pero que se opón á redacción pactada por PSOE, BNG e Sumar por implicar riscos financeiros para a Xunta, a negativa é total noutros ámbitos. Un dos máis significativos, o das competencias de tráfico e, por extensión, as relativas á despregadura dunha Policía galega.
Máis de dúas décadas despois de comezar a impulsala na fin do Goberno de Fraga -que, a través da Consellería na que Rueda era alto cargo, a cualificara como unha oportunidade "histórica"- e ás portas do vixésimo aniversario da lei que en 2007 lle deu soporte xurídico, os conservadores opuxéronse en varias ocasións no que vai de lexislatura a que o Parlamento retome a petición das competencias de tráfico e seguridade viaria e, polo tanto, a desenvolver un corpo policial propio. Entre as razóns esgrimidas, dende a inconveniencia de "botar a Garda Civil de Galicia" ata mencións á extinta banda terrorista ETA.
No mesmo capítulo de renuncias están tamén outras coma o salvamento marítimo -que o pasado 2025 obtivo Euskadi e que o Estatuto galego de 1981 contempla- ou as relativas ao ferrocarril de proximidade. Neste sentido, máis dunha década despois de aparcar a promesa de crear o Ente Ferroviario Galego para "xestionar as cercanías" e impulsar liñas de metro lixeiro na Coruña e Vigo, o propio Goberno de Rueda vén negando ter competencia ferroviaria ningunha malia ao estipulado no propio Estatuto.